ESCOLA INFANTIL EN VILAXOÁN (VILAGARCÍA DE AROUSA, PONTEVEDRA)
ACCÉSIT JUANA DE VEGA DE INTERVENCIÓNS NA PAISAXE 2019
AUTOR: Iago Fernández Puentes · COLABORADORES: Javier Montero Pérez, Montse Martínez Pérez e Joaquín Lustres Carregal · PROMOTOR: Concello de Vilagarcía de Arousa.
ACCÉSIT JUANA DE VEGA DE INTERVENCIÓNS NA PAISAXE 2019
AUTOR: Iago Fernández Puentes · COLABORADORES: Javier Montero Pérez, Montse Martínez Pérez e Joaquín Lustres Carregal · PROMOTOR: Concello de Vilagarcía de Arousa.
As características formais da parcela, a súa orientación, xunto a súa posición de borde de núcleo obrigaron a adoptar estratexias dirixidas a completar o tecido urbano consolidado, aliviar a densidade construída e minimizar no posible, o impacto visual e paisaxístico producido por edificios de vivendas cuxas escalas contrastan coa vila tradicional e a súa contorna.
Para acadar esa relación na marxe do núcleo, o novo edificio tenta apoiarse nas preexistencias dunha trama que conserva parte do seu parcelario orixinal, definido pola sinuosa traza do seu viario, que deixa espazos de horta nas traseiras dunhas edificacións de volumes simples e cubertas a dúas augas, sen esquecernos das naves industriais que tamén imprimen carácter á zona e definen a identidade desta vila orientada ao traballo no mar.
Esta lóxica e organización espacial, xunto á humildade construtiva das súas tipoloxías arquitectónicas -vivendas mariñeiras e fábricas en desuso-, lonxe de constituírse como un condicionante infranqueable para un edificio contemporáneo, presentaba boas oportunidades para acoller a versatilidade dun programa destinado á educación integral dos máis pequenos.
Partindo do punto de principal conexión coa vila, onde se sitúa a entrada da escola, un conxunto de volumes ben definidos vanse quebrando e ondulando seguindo o desenvolvemento ascendente da rúa Miramar. A configuración dunha nova topografía, que envolve boa parte do construído a través dunha cuberta vexetal, favorece a transición entre os dous grandes espazos abertos: un xardín ao norte, que nos separa da estrada, e o patio orientado ao sur, sobre o que gravita a zona común do edificio, ao que se abren as aulas e demais dependencias. A relación interior - patio exterior resólvese mediante un muro cortina que percorre toda a fachada posterior, configurándose como un gran ámbito polivalente, luminoso e soleado, que posibilita os xogos e as relacións interpersoais no interior ou ao aire libre, dependendo das condicións climáticas de cada momento.
O decidido protagonismo dos espazos abertos axardinados, que condicionan a composición volumétrica, a orientación das fachadas de vidro e a organización dos espazos interiores, xunto ao resto de materiais que conforman a estrutura, a envolvente e os acabados, co uso predominante do formigón e a madeira natural, definen unha racionalidade construtiva baseada en criterios de sinxeleza formal, sustentabilidade e eficiencia enerxética, economía de medios e integración no territorio que mellora notablemente o espazo público inmediato.