A elaboración desta guía está incluída dentro da planificación da Estratexia da Paisaxe Galega 2017-2020
Os miradoiros son lugares do territorio que se caracterizan por ofrecer vistas panorámicas ou de singular interese ou representatividade e que dispoñen en maior ou menor medida dun acondicionamento para promover o acceso, garantir a seguridade e proporcionar espazos de estancia e información. A importancia dos miradoiros vén dada polo desfrute da paisaxe por parte da poboación, pero tamén por destacar os distintos valores paisaxísticos existentes nos ámbitos nos que se asentan, ben sexan naturais, culturais, estéticos ou incluso económicos. Os miradoiros son elementos atraentes para a poboación e, en moitos casos, chegan a conformar a identidade dos territorios polas panorámicas que proporcionan, poñéndoos en valor.
A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, en colaboración co Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio ambiente, territorio e vivenda, está a traballar, durante o ano 2020 e o vindeiro 2021, na elaboración dunha Guía de Boas Prácticas para a Identificación e Acondicionamento de Miradoiros. A elaboración desta guía está incluída dentro da nova planificación da Estratexia da Paisaxe Galega 2017-2020, que no seu plan operativo recolle a elaboración de Guías de boas prácticas e integración paisaxística dentro do obxectivo “A elaboración de ferramentas específicas para a xestión da paisaxe”. Estas guías ou manuais de boas prácticas configuran unha colección de carácter técnico sobre temáticas paisaxísticas concretas, seleccionadas a partir das aspiracións e inquedanzas que a cidadanía expresou nos procesos de participación pública para a elaboración do Atlas das paisaxes de Galicia, e teñen o obxectivo de establecer nocións sobre integración paisaxística en diversos campos de actuación.
O principal obxectivo da guía é establecer unhas pautas para a identificación e acondicionamento de miradoiros, de xeito que queden reflectidos uns criterios básicos de aplicación para a selección de novos puntos de observación, así como de boas prácticas para a integración paisaxística, tanto nas intervencións en novos miradoiros como nas actuacións de mellora dos existentes. Deste xeito, o documento centrarase na elaboración dunha metodoloxía para a identificación de puntos de observación con características singulares, tanto en termos de percepción sensorial como de relevancia cultural, así como en aportar os criterios de deseño necesarios para que as intervencións sexan integradas na paisaxe e inclusivas para as persoas, tendo en conta ao tempo a sustentabilidade ambiental e económica.
Os contidos da guía estrutúranse nos seguintes bloques:
Así, a guía establecerá unha aproximación metodolóxica para a identificación e acondicionamento de miradoiros que pode ser empregada por parte dos diferentes axentes que interveñen nos mesmos, principalmente técnicos especialistas, pero tamén as distintas administracións e persoas que participen na toma de decisións ao respecto dos miradoiros, como promotores e empresas dos diferentes sectores económicos, da construción, xardinería ou mantemento e, en xeral, calquera persoa interesada que poida atopar nesta guía información relevante sobre os miradoiros representativos da xeografía galega.