Cursos e xornadas

Workshop Internacional de Paisaxe: Tralas pegadas do camiño de inverno nas paisaxes da Ribeira Sacra. Segunda Edición.

2ª Edición: De Monforte de Lemos a Chantada

Do 2 ao 6 de marzo de 2020
Auditorio Municipal de Chantada - Lugo

Introdución

A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega co patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia, no marco do programa O teu Xacobeo, de apoio a proxectos de dinamización do Xacobeo 2021, organiza a segunda edición dos workshops internacionais de paisaxe que levan por título: Tralas pegadas do Camiño de Inverno nas paisaxes da Ribeira Sacra.

Tras o workshop celebrado no mes de setembro dedicado ao tramo Quiroga Monforte nesta segunda edición traballarase no tramo Monforte de Lemos- Chantada.

CAMIÑO DE INVERNO POLA RIBEIRA SACRA

O Camiño de Inverno é a entrada natural a Galicia dende a meseta seguindo o leito do río Sil, un acceso xa usado polos romanos e utilizado polos peregrinos como alternativa ao coñecido Camiño Francés. Pénsase que puido xurdir como alternativa aos cumes nevados do Cebreiro, e tamén para evitar os desbordamentos frecuentes dos ríos do val do Valcarce.

O Camiño de Inverno sepárase do Francés en Ponferrada, e penetra en Galicia polo Puente de Domingo Flórez atravesando os concellos de Rubiá, Carballeda de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, Quiroga, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao, Chantada, na provincia de Lugo, e cruzando posteriormente parte da provincia de Pontevedra por Lalín, Silleda e A Estrada e Rodeiro, e entrando na da Coruña por Vedra ata chegar a Santiago de Compostela.

Este Camiño figura oficialmente como Patrimonio da Xunta de Galicia desde 2016, e a súa delimitación oficial foi recollida por primeira vez no Plan Básico Autonómico, aínda que seguindo o definido na lei 5/2016 de patrimonio cultural de Galicia precisaría dunha maior reflexión.

Segundo os datos da Oficina do Peregrino, os peregrinos que chegaron a Santiago polo Camiño de Inverno foron 555 en 2017 e 703 no 2018. Este dato supón que unicamente o 0,18 % do camiñantes escollen este percorrido fronte a outras alternativas a pesar de non ter un territorio histórico consolidado, nin posuír albergues oficiais. Porén, convén salientar a importancia deste Camiño no que se refire ás súas calidades paisaxísticas e culturais dado que percorre, no tramo galego: o Parque Natural da Enciña da Lastra, e a contorna natural do río Deza, e especialmente a Ribeira Sacra.

A recente declaración da Ribeira Sacra como primeira Paisaxe Cultural de Galicia ao amparo da nova lei de Patrimonio Cultural, abre un campo novo no recoñecemento e xestión das paisaxes, ata agora limitadas á lexislación de Paisaxe. Esta nova situación, o compromiso de conservación, e a extensión da área comprometida na candidatura a Patrimonio Mundial da UNESCO, fan deste territorio unha paisaxe excepcional de Galicia con moitas posibilidades de valorización.

Plano oficial delimitación do Ben de Interese Cultural Ribeira Sacra é Camiño de Inverno

OS EXTRAORDINARIOS VALORES DA RIBEIRA SACRA

Centrándonos na Ribeira Sacra, os vales dos ríos Sil, Miño, Mao e Cabe manteñen unha rica biodiversidade tendo o Canón do Sil e o Río Cabe a calificación de Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000 precisamente por estes valores naturais asociados, e tamén polas varias áreas de especial interese paisaxístico.

No que se refire á súa calidade patrimonial débese destacar a presenza de edificios relixiosos: eremitorios, igrexas e mosteiros, que forman o conxunto existente de maior concentración do románico de Europa, sen esquecer a gran cantidade de edificios civís de arquitectura tradicional de enorme calidade, entre eles, o Mosteiro de San Vicente do Pino, ou o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, agora Paradores Nacionales, ou o Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, e o de Santa Cristina de Ribas de Sil. Sen esquecer a gran calidade de edificios civís de arquitectura tradicional de enorme calidade.

Outro dos elementos máis característicos da paisaxe da Ribeira Sacra as terrazas, ou socalcos. Trátase de construcións escalonadas de pedra nas que hoxe predominan as vides,  aínda que en orixe fosen policultivos, que no seu día practicamente cubriron as ladeiras dos rios Sil e Miño, e que parece teñen a súa orixe na época romana cando ocuparon a Gallaecia en busca das súas riquezas naturais, sobre todo o ouro do Sil, pero tamén o viño. Estas terrazas xeran unha paisaxe absolutamente espectacular, cunha beleza vinculada ao esforzo que supón a súa construción e mantemento, ao que non en balde denomínaselle “viticultura heroica”.

Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón

Obxectivos

O obxectivo é analizar as paisaxes e os patrimonios da Ribeira Sacra, e propoñer estratexias de delimitación, intervención, e desenvolvemento a partir dun traballo multidisciplinar con estudantes, expertos e profesionais de recoñecido prestixio, contando tamén cos axente locais. Neste segundo workshop analizarase o tramo que vai dende Monforte de Lemos a Chantada.

Trátase de avaliar o Camiño de Inverno na Ribeira Sacra como elemento vertebrador dun crecemento socioeconómico sostible. Por isto, e tendo en conta todo o exposto na introdución, a Fundación Juana de Vega, en liña coas súas preocupacións e obxectivos, considera necesario traballar no coñecemento, na posta en valor e a divulgación das extraordinarias paisaxes e patrimonios que ofrece a Ribeira Sacra como alicerce e imaxe central do Camiño de Inverno, favorecendo así a súa protección e conservación, e potenciando o uso respectuoso desta ruta de peregrinación a Santiago. A beleza das paisaxes, a riqueza cultural e a enogastronomía son as principais motivacións que terán os peregrinos para elixir o seu destino.

Neste contexto son varios os eidos nos que cómpre traballar: é necesario reflexionar sobre unha delimitación razoada do Camiño de Inverno e do seu territorio histórico, imaxinar a valorización e rehabilitación do enorme patrimonio cultural relixioso e civil existentes, mellorar os servizo de hospedaxe nas diferentes tipoloxías, así como a calidade e cantidade de restaurantes vinculados aos produtos da zona, sobre todo coa potenciación dos produtos vitivinícolas, cada vez máis recoñecidos, e a súa relación ca paisaxe, o que permitiría aumentar con medida, a oferta de actividades complementarias ao turismo, e estudar o ámbito do percorrido e a súa contorna para establecer criterios de protección e desenvolvemento.

Partimos dun Camiño no que queda moito por coñecer e investigar no recoñecemento e proba da historicidade dos trazados, ao tempo que este se desenvolve nun territorio profundamente intervido, sacralizado, e apropiado dende o principio dos tempos que debemos preservar.

Metodoloxía de traballo

O formato dos workshops será unha combinación de intervencións dos expertos nas distintas materias, visitas de campo nas que os participantes poidan observar sobre o terreo as cuestións tratadas, e tomen contacto co territorio, debatendo máis tarde entre eles e cos expertos e os veciños para facer finalmente as propostas orientadas a resolver os obxectivos fixados.

Os workshops serán coordinados por:

Mario Crecente Dr. Arquitecto, experto en xestión da paisaxe, patrimonio e turismo e profesor da Universidade en Xestión Turística do Patrimonio, con diversos traballos relacionados cos Camiños de Santiago, e a propia Ribeira Sacra.

A quen está dirixido?

O seminario está dirixido principalmente a enxeñeiros, arquitectos, paisaxistas, xeógrafos e outros profesionais que traballan ou teñan interese na posta en valor e a divulgación da cultura e os valores do medio rural. Así como, a aquelas persoas vinculadas ao territorio que traballen en turismo ou desenvolvemento rural.

En xeral pode interesar a aquelas persoas que teñan interese pola preservación dos valores da paisaxe no medio rural.

Data

Do 2 ao 6 de marzo de 2020.

Programa

LUNS, 2 DE MARZO

09:00 h - 09:30 h. Recepción e benvida.

09:30 h - 10:00 h. Inauguración.

10:00 h - 11.00 h.Rafael Sánchez Bargiela. Técnico de cultura, Concello de Tui.
   "O Camiño e a importancia dos procesos de participación"

11:00 h- 11:30 h. Café

11:30 h - 12:30 h.Ana Goy Diz. Catedrática de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela. Campus de Lugo.
   "A importancia dos camiños históricos e do Camiño de Inverno na definición do valor universal excepcional da   Ribeira Sacra"

12:30 h - 13:30 h. Rubén Camilo Lois González. Catedrático de Análise Xeográfica Rexional e Coordinador do Grupo ANTE – Análise Territorial da USC
   "O Camiño como fenómeno global"

13.30 h - 14.30 h.Juan Mario Crecente Maseda. Dr. Arquitecto. Experto en turismo e patrimonio. Coordinador do Workshop.
   "Obxectivos e metodoloxía do Workshop"

14:30 h - 15:30 h. Xantar

16:00 h Traslado en autobús a Pantón.

16:30 h Presentación da "Rota do Románico de Pantón", por Flora Enríquez Rodríguez.

17:00 h Tramo do Camiño de Inverno Reguengo – Arxeriz (6 km)

18:30 h Visita guiada al Ecomuseo de Arxeriz. Acompañados por José Antonio Quiroga, director do Ecomuseo e Presidente da Confederación Hidrográfica Miño- Sil.

19:30 h Visita a Adega Abadía da Cova.

MARTES, 3 DE MARZO

9:30 h - 10:30 h.Isabel Aguirre de Urcola. Directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega
   "A Paisaxe do Camiño de Inverno na Ribeira Sacra“

10:30 h - 11:30 h.Aida Menéndez Lorenzo. Presidenta da Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra
   "O Camiño de Inverno como Camiño Xacobeo"

11:30 h - 12:00 h. Café

12:00 h - 13:00 h.Javier Gómez Vila. Doutor en Xoegrafía e Historia.
   "As vías romanas e o Camiño de Inverno"

13:00 h - 14:00 h.Alexandra Seara. Xerente do Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra
   "Turismo e Camiño de Inverno na Ribeira Sacra"

14:00 h - 15.30 h. Xantar

16:00 h Tramo do Camiño de Inverno Diomondi- Codos de Belesar -Vía Romana (2,7 km), inclúe:

16:00 h Obradoiro dos sentidos con Francisco Almuíña Chorén.

17:30 h Obradoiro de esgrafiados con Carolina Sánchez Sáez.

19:30 h Visita a Adega Vía Romana

MÉRCORES, 4 DE MARZO

09:00 h - 14:00 h e 16:00 h - 20:00 h. Traballo en grupos

XOVES, 5 DE MARZO

09:00 h - 14:00 h e 16:00 h - 20:00 h. Traballo en grupos

VENRES, 6 DE MARZO

10:00 h - 13:00 h. Exposición de propostas dos grupos.

13: 00 h -13:30 h. Clausura.
   Cecilia Pereira Marimón. Comisaria do Xacobeo 2021.

Lugar

Auditorio municipal de Chantada (Lugo)

Relatores

RAFAEL SÁNCHEZ BARGIELA

Licenciado en Xeografía e Historia, na sección de Historia e na especialidade en Historia Medieval pola Universidade de Santiago de Compostela. Especializado en Biblioteconomía e Arquivística pola mesma universidade. Desenvolveu tarefas de dirección relacionadas co campo cultural e o Camiño de Santiago en diversas administracións públicas. Actualmente é técnico de cultura no Concello de Tui.

ANA GOY

Catedrática de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. Profesora da Facultade de Humanidades de Lugo e de Xeografía e Historia de Santiago. As súas liñas de investigación son a arquitectura do Renacemento e do Barroco en Galicia e as súas relacións con Portugal e Iberoamérica, a arte monástica, o estudo do Patrimonio Cultural galego e do Patrimonio da Humanidade.

RUBÉN CAMILO LOIS GONZÁLEZ

Catedrático no Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela. Director Xeral de Turismo da Xunta de Galicia (2005-2009) e Decano de Xeografía e Historia (2003-2005). Participou en numerosos proxectos europeos e liderou iniciativas de cooperación universitaria. Actualmente é coordinador do Grupo de Excelencia Análise Territorial (ANTE) da USC e Vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional (UXI/IGU).

JUAN MARIO CRECENTE MASEDA

Doutor Arquitecto, desempeñou diversos cargos na administración nos campos do Patrimonio, o Urbanismo e o Turismo. No ano 2000 fundou Crecente Asociados, empresa que, desde unha óptica arquitectónica, dedícase á activación dos mais diversos Patrimonios, a través dun Turismo responsable, creativo e planificado. Profesor de Xestión Turística do Patrimonio no grao e dobre grao de Turismo (CENP-UDC).

ISABEL AGUIRRE DE URCOLA

Graduada en Arquitectura pola Universidade da Coruña, directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega e membro do Comité de Directores da Escola da European Council of Landscape Architecture Schools. Entre as distincións recibidas salientan o Premio Nacional de Arquitectura "Manuel de la Dehesa" e o Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico.

AIDA MENÉNDEZ LORENZO

Psicopedagoga, dedicouse á ensinanza primaria, secundaria e universitaria durante 41 anos. Tarefa que compaxinou, coa investigación sobre o Camiño de Inverno desde 1999. Unha plataforma que lle serviu para acadar importantes logros en materia de sinalización, investigación, formación, organización de rutas, materiais divulgativos, web, edición de guías e varias obras. Actualmente realiza a súa Tese Doutoral sobre este Camiño.

JAVIER GÓMEZ VILA

Doutor en Arqueoloxía e Historia. Especialista en camiños históricos e no mundo romano. Director da Dirección Xeral de Patrimonio das actuacións arqueolóxicas do Camiño Primitivo. Integrante do equipo arqueolóxico do plan LEADER, membro do equipo de investigación da USC do proxecto PETRA e do equipo de investigación do Camiño de Fisterra. Director do proxecto Via Künig e coordinador de varios proxectos Erasmus sobre Patrimonio e Camiños.

ALEXANDRA SEARA SOBRINO

Diplomada en Turismo e Máster en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde pola Universidade de Vigo. Desde 2008 é xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, encargándose do deseño e posta en marcha do plan estratéxico turístico Ribeira Sacra. Participou como invitada en numerosos seminarios e foros e é docente de "Deseño, Comercialización e Promoción de Produtos Turísticos" no Máster de Turismo de Ourense.

FRANCISCO ALMUÍÑA CHORÉN

Dinamizador cultural e de actividades relacionadas coa natureza en Ribeira Sacra, gran coñecedor da etnografía e do patrimonio local, presidente da Asociación Ribeira Sacra Rural, membro do Consello reitor do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, membro da Federación Galega de Turismo Rural, músico de zanfona e propietario de Casa do Romualdo en Taboada (Lugo).

FLORA ENRÍQUEZ RODRÍGUEZ

Natural do Castro de Ferreira (Pantón), licenciada en Historia da Arte pola USC. Exerceu coma profesora de ensino medio. Realizou traballos de investigación sobre o patrimonio histórico artístico da Ribeira Sacra, entre eles a súa tesina de licenciatura arredor do mosteiro cisterciense do Divino Salvador de Ferreira. Desde o ano 1988, colaborou en temas culturais do Concello de Pantón, sendo a coordinadora das Xornadas do Románico deste municipio.

CAROLINA SÁNCHEZ SANZ

Diplomada en Conservación e Restauración de Bens Culturais, especialidade de Arqueoloxía, pola Escola de Restauración de BB.CC. de Galicia. Máster en Tecnoloxías de Conservación de Patrimonio Inmoble pola Universidade de Vigo. Traballou e dirixiu proxectos de restauración e rehabilitación e foi docente en diversos cursos. Desenvolve proxectos de recuperación de sistemas tradicionais de construción como a terra crúa e de aplicación de revestimentos tradicionais.

Matrícula

Modalidade 1: Para as persoas que non precisen hospedaxe. Inclúe café, comida e traslados en autobús ás visitas programadas.  50 €

Modalidade 2: Inclúe hospedaxe en Chantada de luns a venres, café, comidas, ceas e traslados en autobús ás visitas programadas. 100 €

As persoas interesadas deberán inscribirse no formulario de inscrición antes do día 25 de febreiro de 2020.

Máis información no email info@juanadevega.org e no teléfono 981.65.46.37.

*Recoméndase traer calzado e roupa cómoda para as visitas de campo e o percorrido polo Camiño de Inverno do luns e martes. 

Inscrición

Pechado o prazo

Patrocina



Novas relacionadas

A Fundación Juana de Vega presenta as conclusións do seminario sobre as pegadas do camiño de inverno nas paisaxes da Ribeira Sacra

Esta iniciativa, que forma parte do programa O teu Xacobeo, de apoio a proxectos de dinamización do Xacobeo 2021, impulsado pola Xunta de Galicia, tivo lugar dende o 2 ata o 6 de marzo en Chantada co...


Comentarios