A Fundación Juana de Vega a través da Escola Galega da Paisaxe en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal e o patrocinio do Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda organiza o Obradoiro: Revitalizar a paisaxe rural. Aldea de Couto no marco das súas actividades co obxectivo de promover o estudo, a investigación, a formación, a difusión e o intercambio de coñecementos, e a sensibilización e concienciación da sociedade en materia de paisaxe.
A Fundación Juana de Vega a través da Escola Galega da Paisaxe en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal e o patrocinio do Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda organiza o Obradoiro: Revitalizar a paisaxe rural. Aldea de Couto no marco das súas actividades co obxectivo de promover o estudo, a investigación, a formación, a difusión e o intercambio de coñecementos, e a sensibilización e concienciación da sociedade en materia de paisaxe.
A Aldea do Couto, pertencente ao municipio de Ponteceso, sitúase na Grande Área Paisaxística das Chairas e Fosas Occidentais, dentro da comarca paisaxística da Costa da Morte, no Sector da ría de Corme e Laxe. Enmárcase na unidade paisaxística do Estuario do Anllóns.
O estuario do río Anllóns é sinónimo de solos profundos e fértiles, o que favoreceu desde outrora os asentamentos humanos e o desenvolvemento das actividades agrícolas. Predominan os espazos cultivados rodeando os núcleos de poboación de entre os que destacan as dúas cabeceiras municipais, Ponteceso e Corme. Nas zonas de maior pendente, ao redor das agras, localízanse os bosques e monocultivos de eucalipto e piñeiro, ocupando unha grande extensión.
A auga preséntase como o elemento conformador da paisaxe. Ao seu arredor créanse numerosas coberturas de grande interese ecolóxico como as marismas, ou as zonas húmidas que alternan cos bosques de ribeira nos tramos máis altos do Anllóns. A zona de esteiro caracterízase por albergar importantes bancos marisqueiros de berberecho que, xunto coas capturas de percebe do resto do municipio, fan que a economía de Ponteceso estea baseada principalmente nos usos marisqueiros, sendo o municipio que máis percebe captura do mundo.
Pequenos rodais de carballos repartidos por toda a unidade xunto con antigas parcelas agrícolas ocupadas agora por matogueira completan este mosaico de usos e coberturas que tapizan o val do Anllóns.
A predominancia dunha base económica agraria e marisqueira condiciona o carácter rural da unidade que se asenta nun espazo que outrora foi de gran produtividade. Os asentamentos sitúanse naqueles espazos máis favorables para o desenvolvemento das actividades agrícolas e próximos ás vías de comunicación. O crecemento experimentado polos núcleos nos últimos anos modificou a estrutura orixinal transformándoos nun denso armazón de edificacións repartidas por toda a unidade paisaxística. Os núcleos máis antigos, e de forma máis compacta, sitúanse ao norte da vila de Ponteceso, como é o caso da aldea do Couto (parroquia de Cospindo) considerado núcleo de identidade litoral.
O incremento do peso específico das dúas cabeceiras municipais, Corme e Ponteceso. que agora concentran todos os servizos administrativos e económicos, crea fluxos e sinerxías cara a elas. As novas vivendas aséntanse próximas ás estradas creándose tensións lineais derivadas da procura dunha mellor accesibilidade e unha maior eficiencia nos desprazamentos. Xa non existe unha dependencia do sector primario polo que se liberan parcelas agrícolas que agora son ocupadas por vivendas dispersas, o que supón un incremento da rede de estradas.
O ámbito de estudo centrarase na aldea do Couto e a súa contorna, abarcando desde a praia de Balarés toda a costa, incluso o esteiro do Anllóns, ata o núcleo de Ponteceso; ademais do espazo agrícola asociado e o monte, coa singularidade do miradoiro do Monte Branco.
A situación na que se encontra o medio rural en Galicia é certamente complexa e está relacionada có peso da actividade agraria e a densidade da poboación, e asociada tamén a factores como o avellentamento da poboación, o illamento respecto ao sistema urbano, os baixos niveis de renda e as deficientes dotacións de equipamentos.
Esta realidade social e territorial non pode ocultar o elevado potencial natural, paisaxístico, agrícola, forestal, e cultural, que estas zonas posúen para contribuír á mellora da calidade de vida dos seus habitantes e ao desenvolvemento equilibrado do territorio galego. Por tanto o mantemento da súa poboación e das actividades económicas “in situ” son fundamentais para a mellora da cohesión social e para a mitigación dos riscos naturais e inducidos.
Unha paisaxe de calidade constitúe un recurso clave para o desenvolvemento rural. A paisaxe rural é un auténtico gancho turístico en varias rexións de Francia, Reino Unido ou Italia. A beleza das paisaxes, a riqueza cultural e a gastronomía son os uns dos principais motivos dos turistas para elixir o seu destino.
A paisaxe pode ser entendida unicamente como un recurso desde o punto de vista económico, capaz de xerar emprego e rendas, e por tanto de fixar poboación, pero tamén desde o punto de vista da saúde e o benestar físico e psíquico dos habitantes.
Desde o punto de vista ecolóxico a conservación de determinados elementos da paisaxe rural como as sebes, bosquetes, valados de pedra e vexetación de ribeira mantén a diversidade paisaxística, e constitúe un soporte para a fauna e flora local.
Non debemos esquecer a importancia da paisaxe como patrimonio cultural e referencia para a identidade social e territorial.
Neste contexto faise precisa unha reflexión desde o ámbito da paisaxe sobre a súa configuración, reciclaxe e ordenación. O impacto dos novos usos e o importante patrimonio rural abandonado xunto coa calidade ambiental do mesmo, fan máis necesaria se cabe esa reflexión.
O programa ten por obxecto: divulgar este territorio e os seus recursos; incorporar a paisaxe e o medio rural como obxectos de investigación; e formular propostas para a aldea do Couto e a súa contorna que sirvan para a súa posta en valor contribuíndo:
O obradoiro está dirixido principalmente a arquitectos, paisaxistas, urbanistas, xeógrafos e outros profesionais que traballan ou teñen interese no campo do desenvolvemento e a planificación urbana no medio rural.
En xeral pode interesar a aquelas persoas que teñan interese pola preservación dos valores da paisaxe no medio rural.
Sede da Fundación Eduardo Pondal
Couto, 62, 15110 Ponteceso, A Coruña
13:30 – 14:30 Benvida e apertura
Dª Ángeles Vázquez Mejuto. Conselleira de Medio Ambiente, territorio e vivenda da Xunta de Galicia
D. Xosé Lois García Carballido. Alcalde de Ponteceso
Dª. Isabel Aguirre de Urcola. Directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega
D. José María Varela. Xerente da Fundación Eduardo Pondal
13:00 - 14:00 Visita á aldea do Couto
14:30 - 16:00 Comida na lareira
16:00 - 17:00 Presentación do obradoiro e obxectivos. Mercedes Máquez Roel
17:00 - 20:00 Visita ao ámbito
10:00 - 11:30 Conferencia José Fariña Tojo. “Paisaxe e turismo no medio rural”
11:30 -15:00 Traballo en grupos
15:00 Comida
16:00 - 17:30 Conferencia Covadonga Carrasco. "Transiciones en contexto"
17:30 - 20:00 Traballo en grupos
10:00 - 11:30 Conferencia Carlos Ferrás Sexto. “O presente e o futuro da Galicia Rural”
11:30 - 14:30 Traballo en grupos
14:30 Comida pícnic con paseo ao esteiro
16:00 - 20:00 Traballo en grupos
10:00 -12:00 Presentación final das propostas
12:00 - 13:30 Conclusións: José Fariña Tojo
13:30 - 14:00 Clausura
Dr. Arquitecto, Licenciado en Dereito, Técnico Urbanista do IEAL e Máster en Organización de Empresas. Catedrático de Universidade docente nas licenciaturas de Arquitectura e Ciencias Ambientais. Profesor de numerosos cursos de postgrao en España, Italia, Francia e varios países latinoamericanos.
É director da revista Ci[ur] e membro do Consello de Redacción de varias revistas españolas e internacionais. Ten redactado numerosos plans de Urbanismo e de Protección do Patrimonio Histórico, do Medio Natural e da Paisaxe.
Ten lidas máis de 150 ponencias en Congresos Nacionais e Internacionais e dirixido máis de 30 teses doutorais (máis de 20 coa cualificación de cum laude). Entre as súa publicacións destacan: “Clima, territorio y urbanismo” e “La ciudad y el medio natural”. E en colaboración con outros autores: Atlas de la seguridad de Madrid; El libro Blanco de la sostenibilidad en el Planeamiento urbanístico español; Urbanismo y salud pública; e tamén a Guía de adaptación del Planeamiento al Cambio Climático. Ten escrito máis de 200 artigos en diarios e revistas especializadas e de carácter xeral.
Arquitecta. Dirixe xunto a Juan Creus o estudio CREUSeCARRASCO arquitectos en A Coruña dende 1994.
Pola súa obra Casa Chao en Corcubión reciben no ano 2016 o Premio Galego de Arquitectura e o Premio da Bienal de Arquitectura Española; participando tamén coa Remodelación do Porto de Malpica na Bienal de Arquitectura de Venecia no Pabellón Español, gañador do León de Ouro.
Foron nomeados ao Premio Mies van der Rohe (2015 – Casa Chao) e gañadores do Premio Ar+d Emerging Architecture Award, concedido pola Architectural Review e o RIBA (2011 - Malpica). Foron Mención Especial nos Premios FAD (2014 – Casa Chao), Mención Especial do Xurado na Bienal de Arquitectura Española (2011 - Malpica). Gañadores do Premio Juana de Vega de Arquitectura (2018 – Casa C, 2015 – Casa Chao e 2013 – Casa en Redonda), así como do Premio ENOR Galicia (2007 – Lonxa de Fisterra), COAG de Obra Nova (2011 – Casa Mercedes en A Coruña), Espazo Público (2011 - Malpica e 2000 – Plaza en Lugo) e Rehabilitación (2002 – Fundación Luís Seoane).
Coas súas intervencións pretenden a re invención da paisaxe próxima como forma xenérica.
Dr europeo, premio extraordinario de doutoramento en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (1994). Profesor de Xeografía Humana, foi director do Máster en Información e Sociedade do Coñecemento e coordinador do Máster en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial da Universidade de Santiago de Compostela. Profesor visitante en Universidades de California, Reino Unido, Irlanda, e Alemaña. O seu labor investigador céntrase na interacción de Psicoterapia e Análise Espacial e a tecnoloxía da comunicación con sistemas de información. É membro do comité científico do IDEGA (Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia) e de Novos Medios, Grupo de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela.
No marco de proxectos europeos e nacionais promoveu a creación das spin-off Granxafamiliar.com (premio Alimentos de España 2011 do Ministerio de Agricultura, á innovación na comercialización de productos agrícolas), e Tecendo Redes SLNE.
A súa produción científica conta con máis de 50 artigos e 5 libros monográficos. É vicepresidente da Asociación Ibérica de Sistemas de Información y Tecnologías AISTI, e membro dos comités de avaliación de varias revistas de medio e alto impacto nas áreas de Xeografía, Urbanismo e ciencias sociais como Eure, Boletín de la Asociación de Geografos Españoles, Finisterre, Ciudad y Territorio, Journal of Latin America Studies, International Journal of Information Systems and Change Management; TESI-Technology of Education; European Countryside; Social Studies Magazine-RES; International Magazine on Information Systems and Technologies; Geoforum e outras.
Arquitecta, Máster en Xardinería e Paisaxe pola U. Politécnica de Valencia, realizou estudos de terceiro ciclo en Arquitectura Paisaxista e Ecoloxía Urbana (U. de Porto, Coimbra e Lisboa), e actualmente está realizando a súa tese doutoral sobre o deseño do espazo publico de proximidade. Bolsa de Investigación da Deputación da Coruña sobre “Paisaxe urbana, estudo das variables proxetuais que configuran un espazo público exitoso”. Docente no Máster de Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega.
Participou en traballos de investigación como o Atlas del Vino (Ministerio de Cultura), e a Guía de Caracterización e Integración Paisaxística de Valados (Instituto de Estudos do Territorio). Realizou traballos de divulgación dos valores da paisaxe como a Guía de Boas Practicas Paisaxísticas na Terra Chá (F. Juana de Vega), e a coordinación e realización de obradoiros de paisaxe en centros escolares de Galicia “12 meses 12 paisaxes” (Instituto de Estudos do Territorio e Fundación Juana de Vega). Ten presentado comunicacións en congresos nacionais e internacionais relacionados coa paisaxe.
Forma parte do Grupo de Investigación da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, e do equipo redactor da “Estratexia de Infraestrutura Verde da Área da Coruña”.
Exercicio libre da profesión dende o ano 2002 coa redacción e execución de proxectos de arquitectura e paisaxe. Premio de espazos públicos do concello de Poio 2003.
Curso completo.
Matricula O importe da matrícula é de balde. Inclúe material docente, aloxamento en Ponteceso se se desexa, almorzo, café, e comidas.