Santiago de Compostela, 02 de xuño de 2016.
A Lei 12/2013 de Medidas para a mellora do funcionamento da Cadea Alimentaria contempla a figura do Código de Boas Prácticas Mercantís na Contratación Alimentaria para lograr maior transparencia, reciprocidade e axilidade nas relacións comerciais que se producen entre produción, industria e distribución, de xeito que se contribúa á mellora da competitividade e sustentabilidade na cadea alimentaria.
A Fundación Juana de Vega e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias asinaron, esta tarde, un convenio para promover a adhesión ao Código de Boas Prácticas entre os operadores que integran a cadea de valor agroalimentaria, que ten como obxectivo evitar as prácticas abusivas que se poidan producir entre os diferentes operadores da cadea.
Legalidade; defensa dos consumidores; liberdade de empresa, de mercado e de pactos; lealdade; transparencia, claridade, concreción, sinxeleza; eficiencia e sustentabilidade son principios polos que avoga o Código de Boas Prácticas, para acadar un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais, mellorar o acceso á información, á trazabilidade e a regulación das prácticas comerciais.
Para iso, elaborarase material divulgativo e difundirase entre as empresas e cooperativas do sector agroalimentario galego, para lograr a súa adhesión voluntaria, xunto coa distribución, ao Código de Boas Prácticas Mercantís.
A Fundación Juana de Vega e AGACA, pola súa fonda implantación entre os axentes que integran o sector agroalimentario, atópanse nunha posición propicia para actuar como impulsores da incorporación dos principios do Código á xestión das empresas e cooperativas agroalimentarias, que supoñen un dos principais motores da economía do medio rural galego.
Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, AGACA
AGACA dá apoio, formación e asesoramento ás máis de cen cooperativas que a integran en cuestións que poidan afectar ao desenvolvemento da súa actividade e actúa como transmisora dos intereses cooperativos ante as diferentes esferas públicas.