Monforte, 29 de outubro de 2019. A Fundación Juana de Vega, a través da Escola Galega da Paisaxe, co patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia –no marco do programa O teu Xacobeo, de apoio a proxectos de dinamización do Xacobeo 2021 (Xunta de Galicia)–, presentou hoxe no parador de Monforte o libro A future for the land: cultural landscapes, rural management and geographical information systems ("Un futuro para o territorio: Paisaxes Culturais, Xestión Rural e Sistemas de Información Xeográfica").
A obra recolle as aportacións do seminario do mesmo nome que se celebrou entre os días 6 e 9 de novembro de 2018, e no que participaron algúns dos principais expertos en paisaxismo de Europa, Xestores de Sitios do Patrimonio Mundial, representantes de ICOMOS, do centro do Patrimonio Mundial da UNESCO, así como investigadores universitarios ou xestores culturais.
No acto de presentación do libro interviron Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega; Isabel Aguirre de Urcola, directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega; Isaías Calvo de la Uz, director de Administración e Relacións coas Asociaciones de Amigos do Camiño de Santiago; Luis Fernández Guitián, presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; Gloria María Prada Rodríguez, primeira tenente alcalde do Concello de Monforte de Lemos e Mario Crecente Maseda, coordinador da publicación. Na súa intervención, todos puxeron de manifesto a transcendencia de que tanto no seminario como na obra presentada se tome como referencia a Ribeira Sacra, un territorio único que reúne moitas das variables analizadas, un paisaxe de gran valor froito da relación da súa poboación coa terra, que supón un recurso de enorme potencial para o desenvolvemento económico da zona.
De feito, a cita elixida para o seminario situouse no corazón da Ribeira Sacra, no emblemático Parador de Santo Estebo de Rivas de Sil. Os expertos aproveitaron este inspirador marco para abordar cuestións vitais para o futuro do territorio rural e das paisaxes culturais como o despoboamento e o envellecemento da poboación ou a debilidade do tecido empresarial, que fan necesario reformular o enfoque desde o que tradicionalmente se viron protexendo, xestionando e dinamizando. O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, subliñou “a relevancia da posta en marcha deste tipo de iniciativas para revalorizar e dinamizar as paisaxes ademáis da importancia da idea de paisaxe coma algo dinámico para a súa conservación”. No libro recóllense as estratexias a desenvolver para conseguir este obxectivo profundando nas medidas necesarias para dotar desa función dinámica á paisaxe, un camiño no que é imprescindible a participación das comunidades locais e as novas tecnoloxías, que poden actuar como un instrumento catalizador desde diversas perspectivas. Pola súa parte, Isaías Calvo, explicou a importancia e a necesidade de continuar traballando para revalorizar aínda máis o papel do camiño a todos os niveis.
“O libro parte da formulación de concibir a idea de paisaxe sostible xunto coa de paisaxe cultural, desenvolvéndoas de maneira conxunta e non por separado”, destacou Mario Crecente, coordinador da publicación, na que se recollen exemplos de boas prácticas nas que os Sistemas de Información Xeográfica poden contribuír á delimitación e recoñecemento dos valores dos sitios, a súa xestión diaria sostible e a súa dinamización socioeconómica.
Nas estratexias presentadas destacase a innovación como fonte de riqueza, insistindo en que estas tecnoloxías e os seus derivados e aplicacións son un instrumento moi potente nos procesos activos de participación e empoderamento das poboacións locais, e de conexión coas novas xeracións, que deben traer un futuro a estes valiosos paisaxes culturais.