Este proxecto desenvolverase nun momento clave para a Política Agrícola Común (PAC). Despois de varios anos de debates e negociacións, a nova reforma da PAC xa foi aprobada e debe ser posta en marcha. Os desafíos aos que se enfronta os sectores da agricultura e a gandería na Unión Europea evolucionaron moito nos últimos anos e as normas da PAC foron adaptándose. A transferencia de coñecemento e a innovación serán cruciais para axudar aos agricultores e gandeiros, así como ás comunidades rurais, a facer fronte a eses desafíos. Con todo, aínda é preciso aumentar os esforzos para crear as condicións propicias para a aceleración da innovación e a valorización do coñecemento existente no sector agrícola. A nova PAC recoñece esta necesidade de innovación e modernización do sector e nos próximos anos vai supor unha fonte fundamental de apoio para as comunidades agrarias e rurais.
O proxecto KICAP ten por obxectivo informar sobre a contribución da PAC á modernización do sector agrícola e gandeiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como o seu papel fundamental no apoio á innovación necesaria para asegurar a sostibilidade da agricultura e gandería da UE en liña cos obxectivos do Pacto Verde Europeo e das estratexias relacionadas. Para iso, organizaranse unha serie de seminarios e actividades de divulgación centradas en dous públicos diferenciados:
- Os actores do sistema de coñecemento e innovación agrícolas (AKIS, polas siglas en inglés) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O termo AKIS fai referencia ao conxunto da organización e a transmisión de coñecementos entre persoas, organizacións e institucións que usan e producen este coñecemento para empregalo na agricultura e ámbitos relacionados. Inclúe axentes como: agricultores/gandeiros, investigadores, asesores rurais, administracións competentes, etc.
- Alumnado e profesorado de escolas de secundaria e formación profesional participantes no anterior proxecto FunCAP.
As actividades previstas no proxecto permitirán informar aos actores do AKIS da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal sobre o obxectivo transversal da nova PAC e, ao mesmo tempo, poñer en contacto aos actores claves do AKIS para fomentar a posta en común de coñecementos e innovación no sector agrícola e nas zonas rurais da Eurorrexión. O proxecto tamén permitirá abordar e corrixir percepcións erróneas sobre a agricultura e a PAC entre as novas xeracións e os seus profesores, concienciar á poboación sobre a importancia da PAC para a modernización da agricultura e das zonas rurais e como isto axuda a abordar os desafíos de sostibilidade e acción climática aos que nos enfrontamos como sociedade.
Obxectivo do servizo
O obxectivo do servizo é o de fornecer ao proxecto KICAP de facilitadores/as profesionais que dinamicen as sesións interactivas dos 4 seminarios dirixidos aos axentes do AKIS da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mediante o uso de metodoloxías de facilitación innovadoras.
Características do servizo:
A proposta seleccionada deberá planificar e dinamizar as sesións interactivas das 4 xornadas previstas con axentes relevantes do AKIS da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para:
- Fomentar a interacción entre os participantes, axudándolles a desenvolver a súa rede de contactos dentro dos AKIS da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
- Crear oportunidades para fomentar a posta en común de coñecementos e innovación no sector agrícola e explorar posibles sinerxías que permitan abrir futuras vías de colaboración entre eles .
As sesións prevense en formato presencial ao entenderse que permite unha maior e máis efectiva interacción entre os participantes. No caso de que non fose posible organizar as sesións en formato presencial (por exemplo, por restricións relacionadas coa pandemia de COVID-19), os/as facilitadores/as deberán ter experiencia e capacidade para adaptar o servizo de dinamización ás características das sesións online.
Os/as facilitadores/as deben ter capacidade para dinamizar as sesións en galego/castelán e portugués.
Accións a desenvolver:
- Identificación da metodoloxía de facilitación máis adecuada para a consecución dos obxectivos establecidos para as xornadas interactivas cos axentes do AKIS na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
- Planificación e preparación, xunto co persoal da Fundación Juana de Vega, das sesións interactivas. Inclúe tamén a provisión do material necesario para as sesións interactivas.
- Dinamización das 4 xornadas, que se organizarán entre decembro 2022 e xuño 2023 con axentes relevantes dos AKIS galego e portugués.
Documentación a entregar
- Memoria descritiva de cada un dos puntos indicados no apartado anterior. Farase referencia á experiencia dos/das profesionais involucrados/as, as técnicas de facilitación que ofrecen, os prazos de execución, o dominio das linguas do proxecto (castelán, galego e portugués) e as posibles melloras que se ofrecen.
- Proposta de exemplo de organización dunha sesión interactiva.
- Oferta económica.
Prazo execución das accións:
Desde setembro de 2022 até xullo de 2023
Criterios de selección:
A maiores da oferta económica, terase en conta para a adxudicación:
- A experiencia e dominio de técnicas de dinamización innovadoras.
- Experiencia e coñecemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e do AKIS.
- Dominio das linguas do proxecto (castelán, galego e portugués).
- Servizos complementarios para a planificación e execución eficaz dos seminarios.
Importe máximo:
3.500 euros (IVE incluído)
Prazo e forma de presentación da oferta:
O prazo para presentar a oferta será de 10 días hábiles que se contarán a partir do día seguinte aquel en que se publique a oferta.
A oferta deben enviala a través do correo kicap@juanadevega.org.
José Manuel Andrade Calvo
Fundación Juana de Vega