Oleiros, 10 de outubro de 2021.- A edición 2021 do programa "Vilas en Flor" entra na súa recta final. O xurado xa ten practicamente utimado o fallo dos galardóns deste certame, impulsado pola Fundación Juana de Vega, na procura da mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos a través das súas iniciativas a prol da posta en valor, conservación, integración e mantemento da súa paisaxe urbana e rural. Tras as deliberacións, o acto de entrega do galardón celebrarase o próximo mércores, 17 de novembro, a partir das 11.30 horas.
O escenario elixido nesta ocasión é Allariz, localidade da provincia de Ourense que ven participando neste certame desde a súa primeira edición, e acadando o máximo recoñecemento polo seu excelente labor neste ámbito. O acto desenvolverase no patio do Museo do Coiro, e nel participarán tanto representantes da organizacion como dos patrocinadores e, por suposto, dos concellos participantes nesta iniciativa.
Este ano, o cuarto en que se celebra este certame que segue o modelo de grandes pioneiros en paisaxismo como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia ou Canadá, bateuse o récord de participación, con 30 municipios. Todos eles aspiran a recibir as flores de honra (ata un máximo de cinco), coas que se valoran as accións desenvolvidas para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.
O equipo do xurado desde programa, organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), e patrocinada por destacadas empresas: Rain Bird, Husqvarna e Piaggio, está formado por profesionais de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Son un total de dez expertos, desde docentes universitarios ata enxeñeiros agrícolas de entidades públicas e privadas, arquitectos e mesmo historiadores, tanto de Galicia como de Portugal. Están conformados en cinco grupos, que tras realizar as correspondentes visitas procederon a consensuar as avaliacións en base aos criterios do sistema de valoración. Todos eles destacaron a excelente disposición, interese e facilidades amosadas tanto polos responsables técnicos como institucionais dos concellos nos que se realizaron as visitas e que acompañaron aos membros do xurado durante os percorridos polas localidades.
O proxecto persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación. Por tanto, o xurado deberá avaliar aspectos como a adecuada implantación e xestión dos espazos verdes realizada polos concellos, así como a contribución das súas políticas ambientais ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas.
Relación de concellos participantes:
- Provincia de Pontevedra: A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, Gondomar, Lalín, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Mondariz, Vilagarcía.
- Provincia de Ourense: Allariz, Carballiño.
- Provincia de A Coruña: Betanzos, Culleredo, Fene, Narón, Ortigueira, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Oza, Miño
- Provincia de Lugo: Chantada, Mondoñedo, Sarria, Guitiriz.
Expertos integrantes do xurado
- María Isabel Iglesias Díaz. Doutora en Ciencias Biolóxicas. Profesora titular na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela.
- Carlos Cárcamo Álvarez. Enxeñeiro técnico agrícola do Concello de Ourense.
- Camino Nicolás Velado. Directora do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo.
- Lois Arenas Barreiro. Enxeñeiro Técnico Agrícola. Xefe de explotación CFEA Guísamo.
- Silvia V. Caffaro. Doutora Enxeñeira Agrónoma. Empresa: Viveros Florgalicia S.L.
- Xurxo Xoán González Conde. Administrador de Viveiros Adoa
- Domingos Manuel Mendes Lopes. Director da Graduation de Arquitetura Paisagista da UTAD. Profesor do Departamento de Ciências Florestais e Arquitetura Paisagista da Universidade de Trás-os-Montese Alto Douro (UTAD)
- Manuel Torres Labandeira. Doutor Enxeñeiro Agrónomo. Profesor titular na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela.
- Manuel Rodilla del Barrio. Arquitecto Técnico.
- Javier Padín Martínez. Arquitecto técnico e historiador.