A mediados deste mes, e tras unha intensa fase de selección, o XIII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega deu comezo a unha nova edición dándolle a benvida aos 12 seleccionados que sumarán as súas ilusións, esforzos e inquietudes para continuar “tecendo o futuro da Galicia rural”, como di o lema desta veterana iniciativa.
Nesta ocasión, a convocatoria do XIII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias volveu ter moi boa acollida con máis de 65 solicitudes de persoas das catro provincias de Galicia que amosaron o seu interese en participar na modalidade de Emprendemento ou de Crecemento e Consolidación.
A selección de proxecto levouse a cabo durante o mes de xaneiro nun obradoiro de ideas de 10 horas de duración no que participaron 24 candidatos. Neste taller, que tivo lugar na nosa sede, os asistentes, reflexionaron sobre os aspectos clave da súa idea e desenvolveron a estrutura do seu modelo de negocio.
A continuación, e tras unha segunda selección, os candidatos finais pasaron unha entrevista persoal na que o equipo técnico da Fundación Juana de Vega valorou tres aspectos. A implicación persoal, a orientación ao mercado e o compromiso para poñer en valor os recursos do noso territorio.

Finalmente, os seleccionados foron:
EMPRENDEMENTO
- Meleiras do Suído (Fornelos de Montes, Pontevedra) | Melissa Antonieta Terán Peña e Fátima Estévez. O seu obxectivo é revitalizar a tradición apícola local, aproveitando a biodiversidade da rexión e combinando prácticas tradicionais con técnicas modernas. Ademais de producir mel e produtos apícolas de alta calidade, promoven o desenvolvemento do territorio mediante obradoiros, catas e actividades educativas. Este proxecto busca, ademais, preservar o patrimonio natural e cultural, xerar emprego e fomentar o desenvolvemento sostible no ámbito rural.
- Aloumiños da Terra (Ponteareas, Pontevedra) | Rosa María Covelo Alonso. Rosi, como a coñecen os seus amigos, quere desenvolver un proxecto de agricultura agroecolóxica para venda directa de produtos da horta, naturais e locais. Un dos seus produtos estrela será o allo autóctono.
- Horta da Lousa (Cerceda, A Coruña) | Néstor Liñares Pardo. Horta da Lousa leva anos vendendo planta para os produtores de horta en ecolóxico, tanto profesionais como, en menor medida, a particulares e, sobre todo, en tendas do agro. Nesta nova etapa, queren crear un novo modelo de negocio baseado na venta online a particulares e pequenos produtores que estean dando os seus primeiros pasos. O seu obxectivo é facer marca propia e chegar a máis territorio a través da canle online.
- Museo do Aceite de Quiroga (Quiroga, Lugo) | Natalia Mondelo Cao. A empresa de elaboración de aceite Aceiroga busca a colaboración do XIII PAEA para a creación dun museo do aceite no que ofrecer unha experiencia oleoturística integral que parta da historia do aceite galego, afonde na terra e finalice no o ceo da boca e nos nosos costumes. Porán en valor a tradición e o patrimonio da familia de Aceiroga que inclúe unha prensa antiga rehabilitada, as máquinas máis vangardistas, fotografías, utensilios e ferramentas relacionados co mundo oleico e labrego. A experiencia completarase cun percorrido polas oliveiras, unha actividade gastronómica e unha área de venda con produtos do país.
- Granxa Ecolóxica Porcina (Sarria, Lugo) | Carlos Teijeiro Vázquez. No marco deste proxecto gastro-deportivo-cultural-tecnolóxico que Carlos está levando a cabo no Incio, inclúese o desenvolvemento de produtos de maior valor engadido para elaboración de 4ª e 5ª gama con receitas coidadas preparadas por un chef local. O seu obxectivo é dobre. Por un lado, sacar rendemento ás partes do animal menos aproveitadas e, pola outra promocionar a explotación de xeito integral.
- Os Barros do Benedito (Sada, A Coruña) | Gabriel Devasa Iglesias e María Florencia del Popolo Calzada. Esta parella de novos entrantes está iniciando a súa incorporación ao rural coa intención de crear un proxecto a longo prazo, con progresión e escalabilidade, para poder axustarse á demanda que vaian xerando. Teñen planificadas tres liñas de traballo. A primeira, a curto prazo, é unha horta ecolóxica, que será a que lles ofreza a estabilidade e continuidade para, despois, a medio-longo prazo, traballar tanto na produción de froitos como o aguacate ou a oliva.
CRECEMENTO E CONSOLIDACIÓN
- Lanzán Gandeiría (Baralla, Lugo) | José González. Proxecto que deu comezo no ano 2009 e foi medrando ata a súa conversión nunha gandería de vacuno en ecolóxico en 2020. Desde entón traballaron na ampliación das instalacións e na comercialización do propio produto transformado, cun selo diferencial no mercado. Agora están na fase desenvolvemento de canles dixitais. O obxectivo no marco do XIII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias é facer un estudo económico-financieiro para poder afrontar a expansión comercial.
- Sacrapastas (Taboada, Lugo) | Tamara Castro. Desde a súa panadería tradicional lanzaron a marca Sacrapastas en 2023 co obxectivo de facer unha marca de referencia na repostería artesá. A primeira liña de produto chámase Galletas de Xián, un doce típico de Taboada desde hai máis de 100 anos. O seu obxectivo neste ano será facer unha análise dos procesos para mellorar o modelo produtivo, incrementar a capacidade e reducir custos, de xeito que poidan iniciar a expansión comercial.
- Trasdeza Natur (Silleda, Pontevedra) | Rosendo Luis Estévez e María José Tallón. A parella detrás desta hortícola innovadora foi beneficiaria do VI Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias na modalidade Emprendemento. En 2017 apoiámolos para poñer en marcha o seu negocio de produción e deshidratado de froitas e hortalizas de alta calidade e este ano, o obxectivo é facer unha análise de custos e un plan financeiro que lles permita medrar.
- Xeou! (Taboada, Lugo) | Manuel Arias e Montserrat Cadahía Rodríguez. Obradoiro de xeados artesáns elaborados con leite da súa propia granxa. Teñen catro tendas e queren expandir o seu negocio sen perder a esencia. Axudarémoslles a crear un plan estratéxico que lles permita definir a forma máis eficiente de medrar e en que dirección.
- Ecogranxa Casa da Fonte (Pontón, Lugo) | Xosé García Freire. Explotación de leite en ecolóxico e con manexo rexenerativo (rotación dos animais en pasto). A granxa está composta por gando vacún, porcino e avícola, en réxime extensivo respectando os seus ciclos, libres de químicos e tratamentos veterinarios como hormonas e antibióticos. Producen e comercializan de forma directa lácteos, carne e ovos. Queren dimensionar o negocio e facer novos produtos de maior valor engadido como queixo.
- Mar e Monte Setas (Sanxenxo, Pontevedra) | Sandra Viñas Diz. Cultivo de cogomelos e champiñóns ecolóxicos que comercializa en fresco e que tamén son transformados en conservas, patés e embutidos. Empregará a titorización do Programa de Apoio da Fundación Juana de Vega crear un plan de márketing y entrar en novos mercados.
