O 19 de xuño, Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe, foi convidado a participar na mesa de debate da xornada "O novo regulamento da UE sobre a Restauración da Natureza de 2024: un diálogo interdisciplinar", que analizaba as implicacións socioeconómicas desta normativa. O evento estaba organizado polo CEIDA - Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia.
Tras negar o dilema Natureza-Desenvolvemento argumentando que máis do 50% do PIB depende da natureza, incidiu nos beneficios que pode supoñer este regulamento cunha adecuada análise de custo-beneficio. Os tres piares da sustentabilidade veranse, sinalou, beneficiados pola inxente cantidade de traballo de consultoras, empresas de servizos, constructoras, academias, universidades, etc., e sobre todo a sociedade, na medida en que as condicións de vida e, especialmente, o futuro se verán mellorados cunha mellor xestión do territorio na que se preserven os valores naturais e se optimicen os servizos ecosistémicos.
Calaza compartiu mesa redonda con Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e investigador científico do CSIC adscrito ao Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia; Óscar Rivas, secretario da Asociación Galega de Custodia do Territorio; e con Jaime Laso Riesco, técnico da Área de Medio Ambiente da Estratexia de Infraestrutura Verde e Biodiversidade do Concello de Salamanca.
