CONTRATACIÓN DUN SERVIZO DE APOIO PARA O DESEÑO E PRODUCIÓN DE MATERIAIS GRÁFICOS PARA O PROXECTO INTERREG SUDOE "Soil&WineResidues – Sostibilidade do solo de viñedo e aproveitamento ecoeficiente dos residuos vitivinícolas" (Código de contratación: 05/2025) 

Share

A Fundación Juana de Vega é beneficiaria e responsable de comunicación do proxecto Soil&WineResidues – Sostibilidade do solo de viñedo e aproveitamento ecoeficiente dos residuos vitivinícolas, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg Sudoe 2021-2027. 

O proxecto ten como obxectivo principal avanzar cara a modelos produtivos de economía circular no sector vitivinícola do espazo SUDOE, mellorando a saúde e a calidade do solo do viñedo e aproveitando de maneira ecoeficiente os residuos lignocelulósicos xerados polas adegas. O consorcio integra 15 socios beneficiarios e 92 asociados de España, Francia e Portugal, e desenvolve actuacións piloto e de transferencia de resultados nos tres países. 

1. Obxecto do servizo 
Contratar un servizo de apoio para o deseño gráfico, a maquetación e a produción dos materiais necesarios para a execución das actividades de comunicación e divulgación previstas no proxecto Soil&WineResidues. 

2. Características do servizo 
O servizo incluirá o deseño e a produción (en formato editable e final para impresión/difusión dixital) dos seguintes elementos: 

  1. Deseño do cartel do proxecto e modelo adaptado para eventos. 
  1. Deseño e maquetación de tres folletos: 
  • Folleto de presentación do proxecto. 
  • Folleto de resultados. 
  • Folleto resumo da estratexia. 
  1. Deseño dun roll-up. 
  1. Deseño de merchandising. 
  1. Creación de modelos de documentos (Word e PowerPoint). 
  1. Modelos para publicacións en redes sociais (formatos adaptados ás principais plataformas). 
  1. Adaptación de todos os deseños para promoción en liña (mock-ups, etc.). 
  1. Maquetación de 3 infografías e 10 resumos prácticos. 
  1. Maquetación profesional da Estratexia e Plan de Acción do proxecto. 

Requisitos xerais: 

  • O adxudicatario deberá coordinarse coa unidade de comunicación do proxecto para axustar contidos (facilitados pola unidade de comunicación) e formatos. 
  • Todos os materiais deberán entregarse nos tres idiomas do programa (español, francés e portugués) e en inglés. Os contidos (nos catro idiomas) serán facilitados pola unidade de comunicación. 
  • Os materiais deberán entregarse en formato editable (en Canva e programas profesionais) e definitivo para impresión ou difusión dixital. 
  • Os traballos deberán cumprir coa identidade visual do programa Interreg Sudoe e coas normas de visibilidade do FEDER. 

3. Prazo de execución do servizo 

O contrato cubrirá o período de execución do proxecto desde a formalización ata o 31 de maio de 2028, cun calendario específico acordado entre a Fundación Juana de Vega e o provedor seleccionado, segundo o avance das actividades. 

4. Orzamento máximo 

O orzamento dispoñible para esta contratación é de 10.000,00 € IVE incluído. 
Non se admitirán ofertas económicas que superen esta contía. 

5. Procedemento de adxudicación 

A contratación realizarase mediante procedemento de concorrencia competitiva entre as ofertas presentadas no prazo e forma indicados no anuncio da convocatoria. 

6. Documentación a entregar coa oferta 

  • Oferta económica (desagregada sen IVE e con IVE incluído). 
  • Portfolio de traballos previos en deseño gráfico e maquetación de materiais similares, incluíndo os traballos en proxectos europeos. 
  • Proposta organizativa e técnica para a execución dos traballos solicitados. Indicar prazos para cada un dos materiais en número de días/semanas desde que se dispoña do contido. 

7. Criterios de adxudicación 

  • Oferta económica (70 puntos): 

P = (PM × MO) / OF 

P = Puntuación a outorgar a cada oferta 

PM = Puntuación máxima para cada criterio (70 puntos) 

MO = Importe da oferta máis barata (en euros) 

OF = Oferta a valorar (en euros). 

  • Ademais da oferta económica, teranse en conta para a adxudicación os seguintes criterios cualitativos (30 puntos): 
  • Adaptación do estilo do provedor aos obxectivos do proxecto. 
  • Experiencia en proxectos europeos. 
  • Garantía e rapidez na entrega de materiais. 
  • Capacidade de réplica dos deseños en formato Canva. 
  • Calquera outra mellora técnica proposta. 

Ofertas anormalmente baixas 

Co obxectivo de asegurar a calidade e viabilidade do proxecto, considerarase que unha oferta económica é anormalmente baixa cando o seu importe sexa un 20% ou inferior á media das ofertas recibidas.  

Nestes casos, a entidade poderá solicitar ao provedor unha xustificación por escrito que explique como pode executar o proxecto con ese orzamento, incluíndo:  

  • Explicación de vantaxes competitivas, innovacións ou condicións excepcionais que permitan ofertar a ese prezo.  
  • Garantías de cumprimento dos requisitos técnicos e prazos.  
  • Calquera outra documentación que demostre a capacidade técnica e financeira para executar o contrato nos termos ofertados.  

Se a xustificación non resulta suficiente, a entidade resérvase o dereito a excluír a oferta por considerala inviable. 

 

8. Forma de pago 
O pago realizarase contra a presentación de factura e previa conformidade da Fundación Juana de Vega coa prestación efectuada. A Fundación Juana de Vega poderá establecer pagos parciais en función dos fitos de entrega. 

9. Confidencialidade e protección de datos 
O adxudicatario queda obrigado a manter a confidencialidade sobre toda a información e documentación á que teña acceso durante a execución do contrato, así como a cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos. 

10. Prazo e forma de presentación da oferta 

  • Prazo: 10 días hábiles* a partir do día seguinte á publicación da convocatoria, ata o luns, 6/10/2025 ás 23:59 horas
  • Envío: por correo electrónico a tgesto@juanadevega.org co asunto: "Soil&WineResidues – Contratación servizo deseño e produción de materiais gráficos". 

*Actualización a 30/09/2025. Comunícase que se advertiu no anuncio orixinal o seguinte erro:

  • Onde dicía: “Prazo: 10 días naturais a partir do día seguinte á publicación da convocatoria.”
  • Debe dicir: “Prazo: 10 días hábiles a partir do día seguinte á publicación da convocatoria.”