CONTRATACIÓN DUN SERVIZO DE APOIO PARA A XESTIÓN DO GABINETE DE COMUNICACIÓN E A EDICIÓN DE CONTIDOS DOS MATERIAIS DE COMUNICACIÓN DO PROXECTO INTERREG SUDOE "Soil&WineResidues – Sostibilidade do solo de viñedo e aproveitamento ecoeficiente dos residuos vitivinícolas" (Código de contratación: 06/2025) 

Share

A Fundación Juana de Vega é beneficiaria e responsable de comunicación do proxecto Soil&WineResidues – Sostibilidade do solo de viñedo e aproveitamento ecoeficiente dos residuos vitivinícolas, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg Sudoe 2021-2027. 

O proxecto ten como obxectivo principal avanzar cara a modelos produtivos de economía circular no sector vitivinícola do espazo SUDOE, mellorando a saúde e a calidade do solo do viñedo e aproveitando de maneira ecoeficiente os residuos lignocelulósicos xerados polas adegas. O consorcio integra 15 socios beneficiarios e 92 asociados de España, Francia e Portugal, e desenvolve actuacións piloto e de transferencia de resultados nos tres países. 

1. Obxecto do servizo 

Contratar un servizo de apoio para a xestión do gabinete de comunicación e a edición de contidos dos materiais de comunicación do proxecto Soil&WineResidues

2. Características do servizo 

O servizo incluirá as seguintes tarefas principais: 

  1. Gabinete de comunicación: elaboración, planificación e execución, en coordinación coa Fundación Juana de Vega, da estratexia comunicativa do proxecto, garantindo a visibilidade e difusión, tanto a nivel interno como externo. Entre as súas funcións inclúese: 
  • Elaboración e execución do Plan de Comunicación, incorporando melloras durante o transcurso do proxecto para optimización das tarefas e alcance dos KPI. 
  • Xestión e actualización da web do proxecto (en catro idiomas) na plataforma Interreg SUDOE, tanto contidos estáticos como dinámicos. A selección de noticias farase en coordinación coa Fundación Juana de Vega segundo a evolución do proxecto. A web (WordPress) está aloxada na plataforma Interreg SUDOE. 
  • Comunicación a través de redes sociais: 
  • Definición e execución dunha estratexia de márketing dixital para trasladar as mensaxes ao público obxectivo do proxecto. 
  • Publicación, seguimento e monitorización de contidos nas redes sociais do proxecto. 
  • Redacción de contidos de materiais de comunicación: apoio na elaboración dos contidos do cartel, dos tres folletos, do roll-up, de infografías e de resumos prácticos do proxecto, etc. 
  1. Gabinete de prensa: procura de oportunidades informativas e divulgación dos fitos do proxecto mediante a redacción de notas de prensa e envío a bases de datos. A base de datos de medios de comunicación será aportada pola axencia contratada. Adaptación e tradución das notas de prensa para seren distribuídas por todos os socios e asociados a través das súas redes e bases de datos de contactos con medios locais, co fin de acadar maior capilaridade e difusión. 

Requisitos xerais: 

  • O adxudicatario deberá garantir a coherencia dos contidos coa estratexia de comunicación do proxecto. 
  • Todos os contidos deberán estar dispoñibles nos tres idiomas do programa (español, francés e portugués) e no idioma de traballo do consorcio (inglés). 
  • O adxudicatario traballará en coordinación coa Fundación Juana de Vega, como entidade responsable de comunicación do proxecto, e coa axencia de deseño gráfico contratada pola Fundación Juana de Vega. 
  • Os traballos deberán cumprir as normas de visibilidade do FEDER e de Interreg Sudoe. 

3. Prazo de execución do servizo 

O contrato cubrirá o período de execución do proxecto, desde a formalización ata o 31 de maio de 2028, cun calendario específico acordado entre a Fundación Juana de Vega e o provedor seleccionado. 

4. Orzamento máximo 

O orzamento dispoñible para esta contratación é de 30.000,00€ IVE incluído. Non se admitirán ofertas económicas que superen esta contía. 

5. Procedemento de adxudicación 

A contratación realizarase mediante procedemento de concorrencia competitiva entre as ofertas presentadas no prazo e forma indicados no anuncio da convocatoria. 

6. Documentación a entregar coa oferta 

  • Oferta económica (desagregada sen IVE e con IVE incluído). 
  • Portfolio de traballos previos en xestión de prensa e comunicación dixital, incluíndo os traballos en proxectos europeos. 
  • Proposta organizativa e técnica para a execución dos traballos solicitados. 

7. Criterios de adxudicación 

  • Oferta económica (70 puntos): 

P = (PM × MO)/OF 

P = Puntuación a outorgar a cada oferta 

PM = Puntuación máxima para cada criterio (70 puntos) 

MO = Importe da oferta máis barata (en euros) 

OF = Oferta a valorar (en euros). 

  • Ademais da oferta económica, teranse en conta para a adxudicación os seguintes criterios cualitativos (30 puntos): 
  • Garantía e rapidez na xestión e distribución de contidos. 
  • Capacidade para asegurar a sustentabilidade nos formatos e canles de comunicación empregados. 
  • Experiencia en xestión de redes sociais e ferramentas dixitais colaborativas (Canva, CMS, etc.). 
  • Calquera outra mellora técnica proposta. 

Ofertas anormalmente baixas 

Co obxectivo de asegurar a calidade e viabilidade do proxecto, considerarase que unha oferta económica é anormalmente baixa cando o seu importe sexa un 20% ou inferior á media das ofertas recibidas.  

Nestes casos, a entidade poderá solicitar ao provedor unha xustificación por escrito que explique como pode executar o proxecto con ese orzamento, incluíndo:  

  • Explicación de vantaxes competitivas, innovacións ou condicións excepcionais que permitan ofertar a ese prezo.  
  • Garantías de cumprimento dos requisitos técnicos e prazos.  
  • Calquera outra documentación que demostre a capacidade técnica e financeira para executar o contrato nos termos ofertados.  

Se a xustificación non resulta suficiente, a entidade resérvase o dereito a excluír a oferta por considerala inviable. 

8. Forma de pago 

O pago realizarase contra a presentación de factura e previa conformidade da Fundación Juana de Vega coa prestación efectuada. A Fundación Juana de Vega poderá establecer pagos parciais en función dos fitos de entrega. 

9. Confidencialidade e protección de datos 

O adxudicatario queda obrigado a manter a confidencialidade sobre toda a información e documentación á que teña acceso durante a execución do contrato, así como a cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos. 

10. Prazo e forma de presentación da oferta 

  • Prazo: 10 días hábiles* a partir do día seguinte á publicación da convocatoria, ata o luns, 6/10/2025 ás 23:59 horas.
  • Envío: por correo electrónico a tgesto@juanadevega.org co asunto: "Soil&WineResidues – Contratación servizo gabinete de comunicación e contidos". 

*Actualización a 30/09/2025. Comunícase que se advertiu no anuncio orixinal o seguinte erro:

  • Onde dicía: “Prazo: 10 días naturais a partir do día seguinte á publicación da convocatoria.”
  • Debe dicir: “Prazo: 10 días hábiles a partir do día seguinte á publicación da convocatoria.”