Continúa aberta a inscrición nas I xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa organizadas pola Fundación Juana de Vega e a Fundación CorBI

Share

A agricultura rexenerativa é unha forma de producir alimentos saudables e accesibles para todos á vez que é rendible para o produtor agropecuario e respectuosa co medio porque restaura os ecosistemas naturais que benefician aos seres humanos. “Unha utopía? Pois é unha utopía que xa camiña en Iberia”, defende Ana Digón, unha das relatoras convidadas ás I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa, organizadas pola Fundación Juana de Vega e a Fundación CorBI. Terán lugar o xoves 22 e o venres 23 da próxima semana entre os museos MUNCYT e a DOMUS, e dúas explotacións hortícolas e gandeiras de Cambre e das Pontes de García Rodríguez, a dos Biosbardos e Gandería Roidiz.

Durante este encontro dirixido a profesionais do sector agrícola e gandeiro, pero tamén aos consumidores finais, presentarase este novo modelo de manexo do solo que se basea en técnicas e ferramentas que activan e potencian os ciclos naturais da terra, restablecendo o seu equilibrio natural. O desenvolvemento rural implica unha xestión sostible do territorio que, á súa vez, incide na saúde e resiliencia do solo, “que é un recurso básico, pero finito”, lembran os organizadores.

Do convencional ao rexenerativo
Algunhas das ferramentas que emprega o manexo rexenerativo son mínima labranza, uso de cobertura e abonos verdes, fertilizantes orgánicos, pastoreo planificado, mellor aproveitamento da auga, en particular da de choiva, ou busca do equilibrio mineral e microbiolóxico do chan. “Falaremos de permacultura, sintropía, microbiota, de pastoreo e de rotación de cultivos,… En xeral, de cambiar a forma de facer as cousas tanto na agricultura como na gandería”, destaca Edith Uhía Castro, bióloga, permacultora e divulgadora a través da súa conta en redes sociais Soñando en Verde. Ela será a encargada de dirixir a charla inaugural.

Xunto a ela estarán Francesc Font, fundador e director de The Regen Academy, academia e consultoría internacional especializada en agricultura rexenerativa. As dúas leiras nas que  desenvolven o seu proxecto están consideradas referentes tras a realización de estudos científicos que demostraron a efectividade do sistema. Precisamente, da ciencia do solo, incluíndo conceptos como reserva de carbono ou emisións de gases de efecto invernadoiro, falará Xavier Domene, investigador do CREAF (Centro público de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais) de Cataluña.

Os relatores radicados en Galicia, ademais de Uhía Castro, son o coruñés Jaime Otero experto en agricultura sintrópica (modelo no que os procesos agrícolas reproducen os procesos naturais); o agroecólogo e enxeñeiro agrónomo Xan Pouliquen, único formador na metodoloxía Obsalim acreditado en España de avaliación da ración alimentaria dos ruminantes; ou Antonio Tucci, biólogo ambiental que rexenta unha gandería regenerativa en Vilariño de Conso (Ourense).

Charla aberta para o público na DOMUS
Ademais da sesión científico-técnica e das saídas a campo dirixidas ao sector profesional, tamén se quere contar cunha das figuras relevantes na cadea de valor: o consumidor final.

A charla de acceso libre para o público en xeral será o xoves 22 de febreiro (19 a 20.30h) no museo DOMUS conducida pola divulgadora e presidenta da Asociación de Agricultura Regenerativa, Ana Digón.

Quedan prazas
A inscrición para as xornadas técnicas dos días 22 e 23 pode realizarse a través do formulario na web da Fundación Juana de Vega (https://juanadevega.org/xornadas_e_cursos/i-xornadas-cientifico-tecnicas-sobre-xestion-rexenerativa/). O custo é de 50€ para asistencia á sesión científico-técnica (22/02) e 80€ para os dous días.

Coa celebración destas I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Regenerativa, a Fundación Juana de Vega e a Fundación CorBI queren traer á Coruña un debate aberto para que a cidadanía de Galicia poida ser partícipe do cambio cara a un novo modelo de produción agrícola e gandeiro que pon o foco no coidado do solo.

A agricultura rexenerativa é un tema de actualidade tanto a nivel nacional como internacional. Exemplo disto é que tanto no pasado debate de investidura, da man do presidente do Goberno, como na 28ª Conferencia das Partes (COP) sobre cambio climático, foi un dos asuntos incluídos na axenda dos dous eventos.

Relatores I Xornadas sobre Xestión Rexenerativa - Fundación Juana de Vega

Os sete relatores convidados son voces referentes no estudo, aplicación e divulgación do modelo regenerativo, tanto en Galicia como en España. Son Edith Uhía, Xan Pouliquen, Antonio Tucci, Francesc Font, Xavier Domene e Ana Digón.