Conferencia de Ramón Villares, patrón da Fundación Juana de Vega, con motivo do Ano de Castelao

Share

O mércores, 22 de xaneiro (19.30h), con motivo do inicio do Ano de Castelao, a Fundación Fermín Penzol organiza en Vigo a conferencia "O Consello de Galiza, Goberno galego no exilio" a cargo do historiador Ramón Villares Paz. Terá lugar no Salón de actos da Casa Galega da Cultura de Vigo, sita na praza da Princesa, 2.

Cunha ampla e recoñecida obra, Ramón Villares Paz é un dos historiadores e intelectuais galegos máis relevantes dos últimos tempos. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia (1986-1990), reitor da Universidade de Santiago de Compostela (1990-1994) e presidente do Consello da Cultura Galega (2006-2018). En 2005 foi galardoado co Premio Fernández Latorre e en 2018 co Premio da Cultura Galega de Proxección Exterior. Villares é patrón da Fundación Juana de Vega desde 2006.

O Ano Castelao conmemora o 75 aniversario da morte do escritor e intelectural, ocorrida en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950. A fundación do Consello de Galiza tivo lugar o 15 de novembro de 1944 na cidade de Montevideo. A súa xestación realizouse na cidade de Buenos Aires. A aparición de Consello de Galiza representa, canda o libro "Sempre en Galiza", "un punto culminante da traxectoria política de Castelao", explica Villares na súa obra.

Precisamente, na Casa Galega da Cultura de Vigo, permanece instalada, ata o 30 de marzo, unha exposición da Fundación Penzol en colaboración coa Cátedra Castelao
da USC, co gallo dos oitenta anos da publicación de "Sempre en Galiza" e de constitución do Consello de Galiza.

Que foi o Consello de Galiza?
"O Consello de Galiza foi unha proposta realizada por Castelao e outros deputados galegos no exilio que tivo como finalidade a equiparación de Galicia con Cataluña e con Euskadi, que xa dispoñían, primeiro de goberno e despois duns consellos nacionais que tiñan o obxectivo de preservar a súa identidade política no contexto do exilio republicano. A proposta de Castelao está en coherencia co que sucedeu durante a Segunda República, cos procesos autonomistas e coa elaboración do estatuto, que no caso de Galicia non chegou a tempo. Foi un esforzo por equiparar institucionalmente e politicamente Galicia", sinala o profesor.

Villares puntualiza que a creación do Consello tivo unha acción limitada pola carencia de recursos, pero si tivo un alto valor simbólico polo que significaba de manter a vontade política do autonomismo galego. Isto, puntualiza, permitiu que Castelao puidese ter unha visibilidade maior dentro do exilio. Despois, paarticipou nas reunións das Cortes en México en 1945, nas que intentou, con pouco éxito, traer de novo o debate do estatuto de autonomía ao estadio parlamentario, pero si foi finalmente elixido membro do Goberno republicano no exilio", lembra.

Na Casa Galega da Cultura de Vigo, permanece instalada, ata o 30 de marzo, unha exposición da Fundación Penzol en colaboración coa Cátedra Castelao
da USC, co gallo dos oitenta anos da publicación de “Sempre en Galiza” e de constitución do Consello de Galiza.