Coñece aos beneficiarios do XIV Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias

Share

Xa desde principios de ano e tras unha intensa fase de selección, os 12 beneficiarios do XIV Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega están traballando para “tecer o futuro da Galicia rural”, como di o lema desta veterana iniciativa.

Nesta edición 2026, os emprendedores e empresas seleccionados entre as máis de 60 solicitudes recibidas, representan a variedade do rural galego xa que están vinculados ao sector lácteo e cárnico, vitivinícola, castaña, conservas, cosmética natural e servizos TIC para o rural.

MODALIDADE EMPRENDEMENTO

Mermeladas e Conservas A Morena (Sargadelos, Cervo, Lugo) | Cristina Rodríguez Eijo. A Morena é un obradoiro artesanal de marmeladas e conservas vexetais con base en Sargadelos (Cervo, Lugo). Nas súas creacións combina distintos sabores de froitas, vexetais e froitos secos para elaborar marmeladas diferentes, con pouco azucre, pensadas tanto para o almorzo como para acompañar pratos salgados. Aínda que xa leva algún tempo en funcionamento, co seu paso polo XIV Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias (edición 2026), Cristina busca redefinir o seu proxecto, refundar toda a súa proposta de valor, definir segmentos de mercado e ampliar a gama de produtos.
Web: https://marmeladasamorena.es
Instagram: https://www.instagram.com/marmeladasamorena
Facebook: https://www.facebook.com/amorenasargadelos

Produtos naturais funcionais Ruda (Nigrán, Pontevedra) | Marta Celada Cividades. Marta leva anos aprendendo das plantas e da sabedoría popular, un coñecemento que quere compartir a través deste proxecto de emprendemento. Con Ruda quere crear un sistema circular que conecte plantas e usuarios. O seu obxectivo é plantar todas as especies que foi coñecendo no sector medicinal para despois aproveitar as súas propiedades en preparados e receitas funcionais. Infusións, ungüentos con aceites macerados, bálsamos, inciensos naturais, tónicos, glicerinas, tinturas ou productos de limpeza artesanais. Remedios naturais que acheguen a sabedoría popular esquecida ás persoas que voltan a conectar coa maxia sinxela e humilde do mundo vexetal, pero poderosa.

Lácteos Ameixenda (Ames, A Coruña) | Alejandro Moure Abelenda. Alejandro deseñou un sistema que permite unha mellor valorización do leite para producir manteiga, queixo, iogures e proteína en polvo. Co seu sistema de pasteurización obtéñense estes catro produtos lácteos con moi boas propiedades probióticas. Incluso, proxecta valorizar un subproduto infrautilizado como é o soro das queixerías da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa. A súa motivación é clara: dar novas saídas a un recurso clave en Galicia en liña coa economía circular.

Solucións biotecnolóxicas Ruralbyosystems (Tomiño, Pontevedra) | Sandra Victoria Rojas Nossa
O proxecto de emprendemento de Sandra Rojas está vinculado á economía circular. Ruralbyosystems céntrase na xestión eficiente dos residuos xerados en explotacións avícolas. O seu obxectivo principal é deseñar un composteiro adaptado ás necesidades reais deste tipo de granxas, que permita transformar os residuos nun recurso útil. Ademais, desde Ruralbiosystems busca reducir riscos legais e ambientais para os clientes, axudándolles a evitar sancións e minimizando o impacto ambiental na contorna. O seu propósito é ofrecer unha solución práctica e acompañamento ao cliente, simplificando a retirada e tratamento dos residuos.

Transformación de castaña (A Veiga, Ourense) | Javier García Blanco
Co seu paso polo programa, Javier quere madurar o seu proxecto para implementar unha planta de procesado de castaña, dedicada principalmente á produción de fariña ecolóxica e outros produtos derivados. O seu obxectivo é partir da colleita dos soutos que ten en propiedade para, despois, incorporar plantacións veciñas. Quere conseguir un produto de alta calidade organoléptica que permita valorizar un produto básico e tradicional de Galicia que, a día de hoxe, está sendo vendido en mercados internacionais cun baixo valor, sen transformación e sen crear riqueza en orixe.

Transformación de lácteos con valor engadido (Arzúa, A Coruña) | Sandra Mella Ríos
A idea deste emprendemento é crear un novo espazo de traballo para transformar parte da produción da súa granxa de leite en productos artesanais con alto valor engadido como iogures e queixo de pasta branda. Sandra defende a idea de cerrar o círculo para ter o “control total” de todas as fases de produción e do produto final, desde o coidado das cabezas de recría, o bo manexo e alimentación dos animais que son a base dunha materia prima de calidade que tamén conta a historia deste negocio familiar. Diríxese a consumidores que buscan sabor, diferenciación e opcións saudables, evitando produtos planos ou ultraprocesados. A proposta combina tradición, nutrición e experiencia gastronómica, conectando co cliente a través da historia da explotación.

MODALIDADE CRECEMENTO E CONSOLIDACIÓN

Mixtura Parajes SL (A Coruña, A Coruña) | Gutier Seijo Otero
Toda a producción de Mixtura Independent Wines procedente de viñedos históricos e variedades autóctonas, que vende na súa totalidade no mercado internacional, principalmente Nova York, Londres, Parías e Tokio. Máis alá das cifras, Gutier tena vontade de seguir medrando sen perder identidade. O seu reto agora é reforzar e revalorizar a marca e posicionarse mellor fóra de Galicia, facendo que cada botella conte tamén a historia e a orixe dunha empresa que nace do territorio.
Web: https://mixturaiw.com
Instagram: https://www.instagram.com/mixturaiw

Borboriño Xeados (Sobrado dos Monxes, A Coruña) | Casa Castro SC
Borboriño Xeados é o resultado do traballo constante dun equipo que fixo do xeado artesanal a súa forma de vida. Con 5 tendas propias e cota de mercado, están nun momento clave: decidir como queren medrar. Detrás hai persoas que queren seguir apostando por unha produción gourmet, ao tempo que buscan como organizarse mellor, entender os números e marcar un rumbo claro para o futuro. O seu obxectivo este ano no Programa de Apoio da Fundación Juana de Vega é realizar unha análise de custes para poder trazar un plan estratéxico que lles permita establecer os obxectivos e a vía de crecemento.
Instagram: https://www.instagram.com/borborinoxeados

Granxa rexenerativa O Bico do Río (Vilalba, Lugo) | Cian Francis Brazil
Bico do Río é unha granxa multifuncional(porco celta, ovella galega, galiñas poñedoras) de pequena escala, con venda directa ao consumidor, situada nas beiras do río Ladra, xusto ao sur de Vilalba. A súa forma de traballar é ecoloxicamente responsable, cunha reducción dos insumos externos, respecto dos ciclos de fertilidade dos animais e coidado da paisaxe e a contorna. Durante este ano de mentoría buscan organizar os seus números para ter controlados os custos e as marxes de cara a estabilizar a granxa e poder definir unha clara estratexia de crecemento no marco da gandería rexenerativa, un modelo de traballo polo que cada vez están apostando máis produtores.
Web: https://www.obicodorio.com
Instagram: https://www.instagram.com/obicodorio

Oliva Souto (Vilalba, Lugo) | Laura Cortiñas Souto
Detrás desta empresa familiar con máis de seis décadas de historia criando o famoso capón de Vilalba, hai unha nova xeración que quere seguir mirando cara ao futurobuscando novas formas de optimizar a produción e facer da tradición un negocio rendible. O obxectivo durante as mentorías dos próximos meses é dobre. Por unha banda, revalorizar as mermas da produción actual e, por outra, deslocalizar as vendas de Nadal.
Web: https://olivasouto.com
Instagram: https://www.instagram.com/olivasouto_capondevilalba
Facebook: https://www.facebook.com/capondevilalba.olivasouto

Palmira Licor Café (Ourense, Ourense) | Berta Fontán Freijeiro
Palmira nace como un proxecto persoal cheo de respecto pola tradición. Quere dignificar os produtos e oficios do rural galego, en particular o traballo dos destiladores. Este ano recibirá o apoio técnico do Programa de Apoio para poñer en marcha o seu propio obradoior (actualmente externaliza a produción) ao tempo que recibirá axuda para implementar unha estratexia online de promoción e venda do seu licor café. Quere abrir novos camiños sen perder a conexión coa orixe e co saber facer de sempre.
Web: https://palmira.gal
Instagram: https://www.instagram.com/palmira_licor_cafe

Ocoval Chocolate (Pontedeume, A Coruña) | Tomás Rodríguez Díaz
Ocoval quere contar historias a través dun sabor único, conectando culturas e territorios. No seu obradoiro en Pontedeume están centrados na elaboración de chocolates e derivados a partir dunha materia prima de calidade que importan da República Dominicana, con fabas de cacao fermentadas. Recentemente ampliaron o seu catálogo con novos productos como 6 tabletas de chocolate, turróns e bombóns. Durante a súa participación no Programa de Apoio da Fundación Juana de Vega buscan consolidar e implantar un plan de márketing para impulsar o crecemento da marca.