José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, participou o xoves, 8 de maio na mesa redonda de "O encontro de Sober 2025" que levou por título "¡Galicia es la leche!". Na súa quenda de palabra, ademais de recordar e argumentar os motivos polos que sector lácteo é estratéxico de Galicia "aínda que poucas veces se sinala esta circunstancia", apuntou, centrouse nos retos de futuro.

O principal, a remuda xeracional xa que "a pesar de que este é un sector rendible economicamente, que está pasando por un moi bo momento, vemos que hai granxas viables que seguen pechando por falta de remuda no ámbito familiar", comentaba.
Desde o seu punto de vista, tres son as vías para atallar esta problemática para impulsar a remuda xeracional no sector lácteo de Galicia. A primeira, construír un argumentario positivo e cambiar o discurso de que o rural é unha ruína. En segundo lugar, poñer en marcha, de xeito efectivo, o Banco de explotacións, un instrumento previsto na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia.
Por último, impulsar políticas públicas a través da PAC orientadas a facilitar o relevo fóra do ámbito familiar, favorecendo o aluguer ou a adquisición de explotacións fronte á ampliación de granxas existentes.
En paralelo, Andrade apuntou que outro reto para o sector lácteo no eido industrial pasaría por incrementar a capacidade instalada en Galicia para transformar máis leite na comunidade. Para iso reclamou a necesidade de desenvolver accións de política industrial como se fai noutros sectores como no naval ou no automóbil.
O Encontro de Sober é un evento promovido polo Centro de Estudos Superiores de Galicia (Cesuga) por segundo ano consecutivo na localidade lucense para reivindicar a necesidade do diálogo entre o rural e a industria en Galicia. O foro celebrouse durante dous días, entre o 8 e 9 de maio. A mesa redonda na que participou o director da Fundación Juana de Vega abriu a xornada vespertina do primeiro día. Xavier Lombardero, coordinador do suplemento sectorial "Terra e Mar" do xornal El Progreso, moderou a conversa na que tamén participaron Laura Seoane, gandeira de terceira xeración na cooperativa Ugasma; Hugo Criado, CEO da consultora Medrar e Jesús García, director de operacións do grupo lácteo Lence.

Último informe sobre o sector lácteo de Galicia
A Fundación Juana de Vega ten un amplo coñecemento do sector lácteo de Galicia que traslada a través do Servizo de Estudos e Informes Sectoriais. Recentemente publicamos o "Informe do sector lácteo 2024", unha análise detallada da evolución da produción de leite en Galicia e da súa posición no contexto europeo que se pode descargar a través na nosa web aquí.
