Chega á súa fin o debate colaborativo entre expertos internacionais e cidadanía para enriquecer a futura transformación da fronte litoral da Coruña

Share

Despois de cinco semanas, as "Xornadas internacionais: Paisaxes litorais consilientes" chegan á súa fin co obradoiro teórico-práctico dirixido pola arquitecta e paisaxista Mary Bowman, do estudo londinense Gustafson Porter+Bowman que, como recordou Pedro Calaza, está considerada "unha das mellores deseñadoras urbanas do mundo". A súa sólida traxectoria profesional e amplo portfolio quedou patente durante a relatoría na que foi presentando algúns dos proxectos marítimos nos que traballou, e que están relacionados co obxectivo deste foro, como King’s Dock en Liverpool, Google Boland’s Quay en Dublín ou Seef Lusail en Qatar.

A continuación, Bowman abordou brevemente os principais temas de debate destas xornadas como son a adaptación das tradicións, da cultura e da arte, a mobilidade, os usos portuarios e as paisaxes. Para isto, mostrou tres exemplos xa finalizados para ilustrar como é o proceso de creación de Gustafson Porter+Bowman e exemplificar a través de casos reais como desenvolven cada proceso de deseño e de planificación paisaxística. En concreto, falou do Taikoo Place en Hong Kong, do Parque Central en Valencia e da Torre Eiffel en París, no que colaborou cun equipo multidisciplinar.

Tras a presentación dos detalles do obradoiro de planificación integrada, os asistentes saíron en autobús cara a zona de estudo para realizar unha visita guiada pola fronte litoral da Coruña e na que tamén participou Bowman. O percorrido comezou no Castelo de Santo Antón e finalizou na praia de Oza combinando tramos a pé para, como ten dito Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, o grupo puidese comprobar que A Coruña é unha cidade “para camiñar”. As paradas foron na Mariña, nos xardíns de Méndez Núñez, no peiraos de Batería e no Calvo Sotelo con visita á lonxa, peirao de San Diego, e porto, praia e varadoiro de Oza. Para esta dinámica, o grupo dividiuse en equipos para analizar catro temas clave no proxecto de transformación da fachada como son mobilidade sostible, novos usos e oportunidades económicas, medio ambiente e infraestrutura verde, e patrimonio cultural e identidade.

Pola tarde, volveron á sede da Fundación en Oleiros para comezar o traballo en grupo que finalizará mañá sábado coa presentación das primeiras ideas recollidas neste foro. “É o gran proxecto da cidade do futuro que debe aproveitarse para dotala dunha rede de infraestrutura verde conectada e contemporánea, capaz de reforzar a identidade local, mellorar a calidade de vida, respectar a biodiversidade e xerar novos espazos de convivencia”, avanzou Calaza quen adiantou que o documento coas conclusións se presentará en próximas semanas. “Froito destas xornadas e do workshop preténdese reflexionar e apuntar ideas para trasladalas aos responsables do proxecto Coruña Marítima”, sinalou.

Todo un mes
Durante cinco xornadas en setembro (5, 12, 19, 26 e 27), a Fundación Juana de Vega organizou as "Xornadas internacionais: Paisaxes litorais consilientes | A Coruña: caso de estudo para o desenvolvemento sostible desde a perspectiva da paisaxe, o capital natural e a infraestrutura verde” para reflexionar sobre o futuro da fronte litoral da cidade con profesionais e estudos de paisaxismo referentes en Europa e EE.UU convidados ex proceso para este debate. O evento estivo apoiado pola Deputación da Coruña.

Entre os convidados a compartir o seu coñecemento, xunto a Mary Bowman, estiveron Daniel Vasini, do estudo West8; Julián Sastre, do Instituto de Movilidad de España; Carlos Nárdiz, enxeñeiro de Camiños da Universidade da Coruña; Chris Reed, do estudo Stoss que viaxou desde Boston (EE.UU.), Edward Fox, profesor titular de Arquitectura da Paisaxe en The Manchester University (UK); Alfonso Vegara, presidente da Fundación Metrópoli; e Francisco Javier Álvarez, do Porto de Santander.

Ademais, houbo mesas de debate con actores locais como a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, o Instituto de Estudos do Territorio (Xunta de Galicia), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Asociación de Usuarios do Porto da Coruña (Ausport), entre outros, que achegaron perspectivas diversas sobre o caso de estudo cun nexo en común. Todos coincidiron ao sinalar que a transformación da fronte marítima supón unha oportunidade única para a cidade que debe ser planificada respectando a identidade local e contando coa participación social en conxunto.