Betanzos será a protagonista do Seminario Internacional de Paisaxe da Fundación Juana de Vega, centrado no Camiño Inglés, o patrimonio cultural e a recuperación dos viñedos

Share

Oleiros, 15 de xullo de 2021.- A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega organiza o Seminario Internacional de Paisaxe baixo o título “O carácter da paisaxe: o Camiño Inglés, a vila e o viñedo das Mariñas de Betanzos”. Xa está aberto o prazo de inscrición nesta actividade, que se desenvolverá entre os días 1 e 4 de setembro, co patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia, no marco do programa O teu Xacobeo, de apoio a proxectos de dinamización do Xacobeo 2021-2022, e coa colaboración do Concello de Betanzos.

Este seminario, que estará coordinado polo xeógrafo e experto en paisaxe Valerià Paül, ten unha importante vocación de combinar aspectos teóricos sobre os estudos paisaxísticos cun traballo práctico proactivo centrado na contorna de Betanzos e cuns argumentos específicos: o crecente papel deste municipio no Camiño Inglés, a importancia do viñedo e o patrimonio da vila no seu emprazamento. Trátase de xerar un laboratorio territorial nun contexto de enorme interese, incluíndo elementos como as narrativas de persoeiros históricos como Antonio Fraguas ou Otero Pedrayo.

No ámbito do viñedo, analizarase a evolución deste elemento xa entendido e recuperado no presente e moi identitario no pasado, prestando atención tanto ás reconfiguracións en marcha na comarca como as novas adegas e plantacións. Tamén se abordarán outros aspectos da produción como a agricultura ecolóxica, grazas entre outros ao traballo do Plan alimentario local da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. En canto aos estudos sobre patrimonio, prestarase especial interese á revalorización do núcleo castral de Betanzos, cunha morfoloxía particular, unha muralla conservada e xardíns singulares con identidade e revindicados pola cidadanía.

O formato do seminario será unha combinación de intervencións de expertos nas distintas materias, así como visitas de campo nas que os participantes poidan observar sobre o terreo as cuestións tratadas e tomen contacto co territorio, debatendo máis tarde entre eles e cos expertos, veciños e veciñas, para ao final facer propostas cunha participación activa do alumnado.

A actividade combinará a participación de profesores e investigadores no ámbito da paisaxe e os seus valores patrimoniais a nivel nacional e internacional, coa participación de axentes locais que traballan nos tres eidos: Camiño Inglés, Vila de Betanzos e Viño da Terra de Betanzos, así como xestores e dinamizadores do territorio. O formato das conferencias combinará presentacións con soporte audiovisual, sesións de debate enfrontando distintas perspectivas sobre o mesmo asunto, mesas redondas cos axentes locais e obradoiros, nos que se requirirá de forma expresa a participación proactiva do alumnado.

O seminario está dirixido a todas as persoas interesadas na materia, o que inclúe tanto á poboación local como ao público especializado (titulad@s e estudantes/as universitari@s) en disciplinas como Paisaxe, Xeografía, Ordenación do Territorio, Historia, Historia da Arte, Urbanismo, Arquitectura, Arquitectura da Paisaxe, Enxeñaría Forestal, Enxeñaría Agrónoma ou Humanidades. E en xeral a todos aqueles interesados no rol da paisaxe, no Camiño Inglés, no patrimonio e no desenvolvemento sostible dos territorios, especialmente no das Terras das Mariñas. As persoas interesadas poden inscribirse nun formulario na web da Fundación Juana de Vega (juanadevega.org).

Máis información sobre programa e inscricións:

O carácter da paisaxe: O camiño inglés, a vila e o viñedo das mariñas de Betanzos

Xa está aberta a matrícula para esta actividade, organizada pola Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega co patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia, no marco do programa O teu Xacobeo, de apoio a proxectos de dinamización do Xacobeo 2021-2022, e a colaboración do Concello de Betanzos