Beatriz Suárez, directora da Área de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega, participou o xoves, 9 de outubro na última sesión do ciclo arredor da exposición "Universidade e territorio: O papel das aldeas na revitalización do medio rural" na Fundación RIA (Santiago).
A conversa xirou arredor do futuro do sector primario para dar resposta ás preguntas Como impulsar a produción agraria no rural galego? Que apoios precisan os produtores? Que papel xogan as aldeas na transición cara a modelos sostibles?
Xunto a Beatriz, no coloquio tamén estiveron Marcos Besada, presidente da Asociación A Estruga Espazo Agroecolóxico, e Dolores Landeira, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Brión.
Durante a súa intervención, Beatriz Suárez tratou temas como a despoblación e a falta de relevo no rural, a pesar do seu potencial produtivo, especialmente nos ámbitos hortícola, frutícola e das plantas aromáticas e medicinais. Analizou tamén experiencias inspiradoras que xa están en marcha en Galicia e as principais barreiras ás que se enfrontan os produtores para desenvolver proxectos, entre elas a dispersión e atomización da produción que fan necesarios impulsar a colaboración entre produtores tal e como se está facendo no proxecto Ecocomedores da Biosfera coa Asociación ECOAGRA. Outra das cuestións que se destacou, foi a necesidade de dispoñer de infraestruturas a pequena escala (obradores, matadoiros móbiles ou sales de despece, etc) que faciliten os pequenos proxectos de emprendemento vitais para o futuro do rural.
Tras a súa exposición, a mensaxe que quixo deixar foi clara: "O rural galego está nunha encrucillada: ou permanecemos no inmobilismo que conduce ao abandono, ou apostamos pola activación produtiva, a mobilidade da terra e a conexión entre produción e consumo local. A Fundación Juana de Vega leva anos demostrando que existen alternativas viables e replicables. Por iso, o reto non é só económico, senón vital: facer do medio rural un lugar atractivo para vivir, traballar e emprender."
Con esta mesa redonda, a Fundación RIA pechou un ciclo de catro encontros para promover o diálogo entre universidade, profesionais e a cidadanía sobre os retos e oportunidades do rural galego.

