José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, asistiu en Ponferrada ao II Encontro Nacional de Centros de Innovación Territorial organizado pola Red de Centros de Innovación Territorial (RedCIT) do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. O evento tivo lugar entre o 10 e 12 de abril en Ponferrada (Castilla y León). Esta cita busca converterse un punto de encontro para impulsar o intercambio de ideas e xerar alianzas e creación de sinerxias no ámbito do crecemento sostible.
A través dos diferentes relatorios, speeches inspiradores, casos de éxito de toda España, mesas de diálogo, dos postos na feira de expositores... estase mostrando o potencial da innovación territorial, unha temática que conecta de cheo co traballo que realizamos na nosa entidade para a promoción do medio rural de Galicia.
Un dos fitos do encontro foi a adhesión de Lugo e Ourense á Red de Centros de Innovación Territorial (RedCIT) xunto con Asturias, Burgos, Castelló, Guadalajara, Palencia e Tarragona. Con estas oito novas incorporacións xa son vinte territorios os que compoñen esta rede á que se incorporarán en breve outros dous. A Rede de Centros de Innovación Territorial (RedCIT) está concibida como un conxunto de ecosistemas de colaboración nos que desenvolver e compartir experiencias que contribúan a reactivar social e economicamente os territorios rurais. A vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, asinou as oito novas adhesións o venres 11 xunto aos representantes dos territorios no transcurso do II Encontro Nacional de Ponferrada.
Como resumo destes días, quedamos con esta frase de Francesc Boya, secretario xeral para o Reto Demográfico: "Temos que cambiar o relato sobre o medio rural; cambiar a linguaxe que se utiliza para referirse ao medio rural e recuperar o orgullo de ser de pobo e ser rurais".