As oliveiras autóctonas Carapucho, Carmeliña e Maruxiña, no camiño para comercializarse

Share

Tres das variedades de oliveira autóctona CARAPUCHO, CARMELIÑA e MARUXIÑA foron incluídas no Rexistro de Variedades Comerciais (BOE, 17/12/2024) e poderán empezar a comercializarse e plantarse, tal e como avanzou esta tarde a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), socio do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia, durante unha xornada de transferencia ao sector organizada Ribadavia, Ourense. O encontro reuniu no IES O Ribeiro a medio centenar de persoas das catro provincias interesadas en plantar oliveiras autóctonas de Galicia.

Este recoñecemento como novas variedades de oliveira, únicas e diferentes, implica que a partir de agora os viveiros poderán iniciar a comercialización de planta das tres variedades unha vez lles sexa transferida, e os olivareros poderán realizar plantacións con elas. Os aceites elaborados a partir destas variedades poderán comercializarse incluíndo o nome da variedade nas etiquetas dos envases. O proceso de rexistro, desenvolvido e financiado polo CSIC a través da súa Vicepresidencia de Innovación e Transferencia, durou cinco anos e constou de varias fases.

Este é tamén un éxito da longa investigación para recuperación de oliveiras autóctonas que empezou en 2012 da man do Grupo VIOR da Misión Biológica de Galicia, continuó entre 2017 e 2023 co apoio económico da Fundación Juana de Vega e prosegue agora, nunha terceira fase, a través do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia ata 2026.

Durante esta concorrida xornada co sector tamén se deu conta dos resultados preliminares de micropropagación in vitro e da multiplicación por estaca que se está realizando no marco do Grupo Operativo, así como das 11 variedades de oliveiras autóctonas (Brava galega e Mansa galega, Brétema, Carapucho, Carmeliña, Folgueira, Maruxiña, Susiña, Hedreira, Xoana e Santiagueira) que están a responder mellor a estas técnicas 𝑎𝑑 ℎ𝑜𝑐 para reprodución a grande escala.

O encontro finalizou cunha cata comentada dos Aceites de Oliva Virxe Extra do ano 2024 organizada pola Asociación de Produtores de Aceite e Oliva de Galicia (APAAG).

Trece anos de investigación
A recuperación e estudo das variedades de oliveira autóctonas de Galicia percorreu un longo camiño desde a primeira investigación iniciada en 2012 polo grupo Viticultura, Oliveira e Rosa (VIOR) da Misión Biológica de Galicia no marco do proxecto Inngal-Agromarsalud GAliat 6+7), financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI). Os investigadores percorreron miles de quilómetros para atopar e identificar máis de trescentas árbores centenarias, moitas deles, pertencentes a variedades que non estaban estudadas nin rexistradas.

Despois, continuó entre 2017 e 2023 co apoio da Fundación Juana de Vega, que achegou uns 350.000€ procedentes de fondos propios da entidade. A nosa entidade financiou o estudo das variedades de oliveira autóctona galego, recuperando e describindo nesta fase as 11 variedades de oliveira únicas, 8 delas por entón en proceso de rexistro a través da Oficina Comunitaria de Variedades Vegetales (OCVV) e dúas (Brava Galega e Mansa Galega), inscritas na Lista de Conservación. Superada esa fase do traballo, facíase imprescindible multiplicar planta a grande escala debido á gran demanda existente.

A multiplicación a partir de estaca clásica é lenta, en particular nalgunhas destas variedades e non permite abastecer o mercado ao ritmo esixido polo que, no marco do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia se abordou unha nova fase no impulso ao oliveiral galego. Desde setembro de 2023 estanse ensiando de forma paralela dous sistemas de multiplicación por estaca clásica e por propagación in vitro con técnicas ad hoc para acelerar os enraizamentos.

O Grupo Operativo Oliveiras de Galicia, que desenvolverá o seu labor ata setembro de 2026, prevé que cos seus resultados se acade un salto tecnolóxico na obtención de plantas enraizadas ademais da transferencia de coñecemento ao sector produtivo e á cadea de valor do oliveiral galego.

Entre a produción científica á que deu lugar a liña de investigación sobre oliveiras autóctonas do Norte e Noroeste de España figura o artigo do grupo VIOR “Identification and Characterization of Relict Olive Varieties (Olea europaea L.) in the Northwest of the Iberian Peninsula”, de publicación recente na revista Horticulturae, onde se describen, ademais das tres variedades que acaban de ser inscritas no Rexistro de Variedades Comerciais, as que continúan o proceso, a piques de culminar para algunhas delas, este mesmo ano.

O consorcio do Grupo Operativo está formado pola Fundación Juana de Vega, a Misión Biológica de Galicia (CSIC) e as empresas Ouro de Quiroga (Lugo) e Oliveiral da Concordia (Valga, Pontevedra). Como entidade colaboradora participar a Axencia Galega daCalidade Alimentaria (AGACAL) da Xunta de Galicia e o laboratorio Cultigar é entidade subcontratada.

O Grupo Operativo Oliveiras de Galicia está financiado con 179.652,68€ pola convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027.