O Foro Territorio Rural Resiliente (FTRR), iniciativa independente impulsada pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da USC (LaboraTe), celebrou no IBADER (Campus Terra de Lugo) a súa segunda xeira de xuntanzas técnicas. Nesta ocasión, o foco situouse na ordenación do solo e na mobilización de terras, dous piares críticos para garantir a supervivencia económica e ambiental do rural galego.

Unha planificación integral para superar a inseguridade xurídica
A mesa centrada na Ordenación de usos e instrumentos de planificación alerta de que o sistema actual sofre unha falta de coordinación normativa que xera trabas á xestión sostible. Para revertelo, os expertos, aos que sumaron xuristas de prestixio especializados en lexislación urbanística e forestal, traballaron sobre tres eixos:
- Creación dun órgano coordinador: Unha mesa de expertos interadministrativa que asegure que as novas leis non se contradigan entre si.
- Catálogo de solos agropecuarios e forestais: Un instrumento clave para ordenar o solo rústico con criterios produtivos e ambientais, superando a visión estritamente municipal por unha escala supramunicipal máis eficiente.
- Seguridade e resiliencia: Unha planificación que protexa as terras de maior aptitude agraria e configure unha paisaxe resistente aos incendios.
Mobilización contra o abandono e o reto da remuda xeracional
O grupo de Mobilización e xestión activa do espazo agroforestal centrou a reflexión na activación da propiedade agraria e dos MVMC, o impulso á remuda xeracional e novos proxectos agrarios e a vías para sensibilizar á sociedade sobre a necesidade da xestión territorial. As liñas de acción propostas destacan:
- Axilidade legal e dinamizadores locais: Vías para axilizar e simplificar o acceso e mobilización produtiva de parcelas agrarias abandonadas e a mellora da información sobre a propiedade da terra.
- A re-activación dos montes veciñais: Reforzar estes espazos como motores de dinamización territorial facilitándolles asistencia técnica e legal e promovendo a colaboración e intercambio de boas prácticas entre as súas comunidades.
- Recuperar os usos agrarios: Evitar a expansión forestal descontrolada sen discontinuidades, ao tempo que se impulsa o silvopastoralismo como estratexia de xestión.
- Remuda xeracional: Abordar de xeito integral o acceso á vivenda e a calidade de vida para atraer a novas persoas ao sector agrogandeiro e aglutinar os recursos de apoio existentes para un acompañamento integral.
Un proceso aberto á cidadanía que rematará o 28 de maio nun evento final en Santiago
O traballo desenvolvido en Lugo, sumado ao do resto de mesas e as achegas dos participantes a través da web, forma parte dun proceso rigoroso de consenso entre a universidade, a administración e o sector produtivo. Todas as propostas de actuación resultantes serán presentadas publicamente o vindeiro 28 de maio en Santiago de Compostela, no evento que porá o broche final a este foro e marcará a folla de ruta para a Galicia de 2040.
