As claves das estratexias de prezo da industria agroalimentaria a debate na xornada promovida pola Fundación Juana de Vega e a EFA Piñeiral

Share

Hoxe celebrouse en Arzúa a xornada técnica “Máis alá do custo: estratexias de prezo para produtos agroalimentarios” promovida pola Fundación Juana de Vega e o centro de formación profesional e promoción rural EFA Piñeiral.

Sofia Pérez, consultora en innovación e estratexia, Sara Torreiro, responsable de márketing de Casa Grande de Xanceda, e Javier Corrochano, consultor en Iuni Strategic Marketers e no Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, expuxeron a súa experiencia e visión sobre as claves da estratexia de fixación dos prezos na industria agroalimentaria.

Sofía Pérez puxo de manifesto a importancia da comunicación na estratexia de pricing: “O valor existe só se se percibe. A mellor proposta de valor do mundo, mal comunicada, non se paga. O investimento en comunicar, demostrar e soster o valor en cada punto de contacto co cliente é o investimento máis directo na defensa do prezo”, explicou. Pola súa banda, Sara Torreiro incidiu na relevancia de poñer en valor o proxecto e non o producto: "cando hai historia é valor e cando hai valor o prezo deixa de ser un problema”. “O prezo non se calcula, deséñase. É un elemento estratéxico que captura valor”, afirmou Javier Corrochano na súa ponencia.

Na acción formativa, á que asistiron estudantes do ciclo de Márketing e publicidade, así como produtores e profesionais do eido agroalimentario, tamén se celebrou a mesa redonda protagonizada por Bico de Xeado, Sacrapastas, Kalekoi e Gandería Lanzán. Neste intercambio de experiencias quedou de manifesto a importancia de diferenciarse e achegar valor para poder gañar a confianza e respeto do consumidor así como da necesidade de contar con asesoramento experto para definir a estratexia de prezo dos produtos. “Interpretar tendencias e futuro é a pedra angular para poder fixar un prezo que nos garanta viabilidade no futuro”, defendiu José Luis Cabarcos de Bico de Xeado.

A actividade completouse cunha sesión práctica a cargo de Javier Corrochano na que os participantes desenvolveron unha práctica de deseño de prezo con diferentes supostos.

A formación ocupa un papel central na actividade da EFA Piñeiral como centro de promoción rural. Neste contexto, o respaldo da Fundación Juana de Vega e a presenza de expertos de primeiro nivel contribúen a mellorar a capacitación do alumnado e dos profesionais do sector agroalimentario, "un ámbito clave para o desenvolvemento do territorio e un eixe de traballo fundamental da nosa institución”, destacou a directora do centro, Raquel Carregal.

Esta formación encádrase dentro do programa "Activando talento para o sector agroalimentario" da Fundación Juana de Vega.