Os 11 seleccionados do XII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega iniciaron xa a súa formación e mentorización. Ata finais de ano estarán “tecendo o futuro da Galicia rural”, como reza o lema desta iniciativa de asesoramento especializada, intensiva e gratuíta que a entidade mantén con fondos propios desde 2012.
Na inauguración da Modalidade Emprendemento contamos con David Sueiro, da granxa Galo Celta, que se achegou ata a nosa sede para compartir a súa experiencia profesional cos 5 emprendedores seleccionados, pero tamén formativa xa que el mesmo foi beneficiario da primeira edición do Programa en 2012.
O Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias conta con dúas modalidades diferentes; a de Emprendemento, centrada na creación de novas empresas, modelos de negocio e propostas de valor; e a de Crecemento e Consolidación, para axudar a empresas existentes a desenvolver ou fortalecer os seus proxectos empresariais tratando de mellorar o seu funcionamento mediante a titorización personalizada na toma de decisións en distintos ámbitos do negocio que necesite.
Continúa a boa acollida
A Fundación recibiu máis de 40 solicitudes durante a convocatoria aberta a finais de 2023. Un total de 24 foron as seleccionadas para pasar polos talleres de ideas empresariais e tras unha entrevista persoal, cinco delas foron, finalmente, as escollidos para participar na modalidade de Emprendemento. A selección definitiva das 6 empresas participantes na modalidade de Crecemento e Consolidación tivo lugar durante entrevistas persoais cos promotores.
Entre os emprendedores seleccionados hai desde proxectos para produción de carne de boi e elaboración de embutidos, produción de aceite de cabazas, obradoiros de conservas ou cultivo de follaxe ornamental ecolóxica. No caso das empresas, participarán a Granxa o Rexo, Tofu Landeira, as hortícolas Manoxos e Tatiana Mouro e a granxa de porco celta CienporCel.
Estos son os 11 seleccionados:
Emprendemento
Carne de Boi 100 % Herba (Cerceda, A Coruña) | José Caridad Regueiro. Proxecto de venda de bois (de rubia galega) criados con recursos da propia explotación, empregando pastoreo rotacional complementando en inverno con silo e palla. Queren dar o salto a comercialización directa e facer un obradoiro.
Centro de trasformación de Baroña. MVMC de Baroña (Porto do Son, A Coruña) | Ovidio Queiruga. Implementación dun centro de transformación de embutidos no MVMC de Baroña para obter un produto diferenciado, de calidade, sostible e de cercanía, coa materia prima obtida do gando no monte.
Ouro verde (Boborás, Ourense) | Oliver Werner Putz. Produción de aceite de semente de cabaza (ouro verde), con grandes propiedades medicinais e elevado valor culinario e nutritivo.
Ay! Carmen (Valdoviño, A Coruña) | Carmen Caínzos López. Creación dunha marca de conservas con produtos da horta e do mar.
Cultivo de follaxe ornamental ecolóxica (Culleredo, A Coruña) | Dora León Minaya. Produción e venda de follaxe ornamental con Ruscus acuelato e Eucalpytus pulverulente, o baby blue cultivado de xeito ecolóxico e destinada ao comercial local e nacional.
Crecemento e Consolidación
Ecoespazo Granxa O Rexo (Allariz, Ourense). Impulso á comercialización dos queixos de ovella de raza latxa de pastoreo en Allariz.
Tofu Landeira (Cambre, A Coruña) | José Antonio Landeira Mosquera. Expansión comercial na produción de tofu a partir da soia ecolóxica cultivada en Galicia.
Manoxos (Caldas de Reis (Pontevedra) | Manuel González Martínez. Produción e comercialización de produtos hortícolas de maneira sostible fomentando o consumo de proximidade.
CienporCel- Porco celta (Cenlle, Ourense) | Martín Touceda González. Pequena explotación de porco celta en extensivo situada na aldea modelo de Osmo (Cenlle) que quere ter o seu propio obrador de transformados.
Horta eco Tatiana Mouro Rodríguez (A Coruña). Produción de horta en ecolóxico que quere crecer e consolidarse no mercado local.
Zumiño (Tomiño, Pontevedra) | Alejandro Tartaglione Costa. Elaboración de zumes naturais de mazá cultivada en ecolóxico. Beneficiario do IX PAEA.