Os socios do proxecto ECOSPHEREWINES reuníronse hoxe e onte en dúas xornadas de traballo consecutivas para celebrar o lanzamento deste proxecto internacional que ten por obxectivo mellorar o ecosistema de viñedos situados en zonas de alto valor ecolóxico a través da implementación dunha rede de infraestrutura verde para a súa conservación e xestión sostible.
É dicir, poñerase en marcha un sistema planificado e interconectado de elementos naturais en zonas vitícolas para mellorar o capital natural e a biodiversidade dos viñedos, aumentando así a súa resiliencia fronte ao cambio climático.
Para abordar este reto, o proxecto apoiarase tecnicamente en dous pilotos situados no sur de Francia e en España-Portugal con 4 zonas experimentais. En España, as actuacións levaranse a cabo en Galicia e Castela e León, en concreto na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña) e en Zamora (Fermoselle), na Reserva da Biosfera Transfronteriza Meseta Atlántica; ambas as zonas protexidas.
No caso de Portugal, a acción desenvolverase en Foz Côa, rexión do Douro, incluída na Rede Natura 2000 e con diversas áreas de alto interese ambiental, paisaxístico e cultural. Por último, en Francia, a investigación estará localizada na rexión de Gaillac, en Occitana, ao suroeste do país, unha zona cun gran historial de implementación en infraestrutura verde.
Nestes viñedos, implementarase unha metodoloxía que permita seleccionar, calcular e cartografar os servizos ecosistémicos máis relevantes para establecer escenarios de futuro que faciliten a toma de decisións e permitan a transferencia e replicabilidade das solucións testadas a nivel internacional.

Un total de 13 entidades procedentes de España, Francia e Portugal traballarán baixo a coordinación da Fundación Juana de Vega durante os próximos 3 anos nesta iniciativa que conta cun orzamento de 1.623.393,25€ cofinanciado nun 75% polo Programa Interreg Sudoe con Fondos FEDER.
Onte, durante a primeira xornada de traballo, a Fundación Juana de Vega, entidade anfitrioa do evento, foi a encargada de dar a benvida aos asistentes por medio dunhas palabras do seu director de Innovación, Alfonso Ribas, quen expresou o seu agradecemento ao resto de socios do proxecto. Ribas destacou que “este proxecto supón unha oportunidade para que o desenvolvemento do sector vitivinícola do sur de Europa incorpore aspectos ligados ao coidado da paisaxe, a biodiversidade, a auga, o solo, e o patrimonio cultural, material e inmaterial”.
Ademais, a reunión contou coa participación de Gloria Lázaro, responsable de proxectos da Secretaría Conxunta de Interreg Sudoe, quen puxo en valor que “iniciativas como ECOSPHEREWINES contribúen a asumir retos transnacionaies e buscar respostas comúns nas que a colaboración se volve imprescindible”.
Presentación institucional e visitas a campo
A segunda xornada de traballo arrincou cunha presentación institucional do proxecto por medio dun evento híbrido dirixido ás distintas partes interesadas no proxecto e expertos do sector vitivinícola.
A inauguración desta sesión correu por conta de José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, Isabel González Siso, subdirectora do CICA da Universidade da Coruña, e Sergio Platas, vicepresidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas. Todos eles coincidiron no importante papel que xogan proxectos de I+D+i europeos como ECOSPHEREWINES no impulso da sostibilidade e o posicionamento internacional do agro galego a través do sector do viño.
Tras a presentación de ECOSPHEREWINES por parte de Tania Gesto, técnica de proxectos de Innovación e Investigación da Fundación Juana de Vega, os asistentes desprazáronse para coñecer de primeira man a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, así como os viñedos e a adega de Pagos de Brigante, onde se localizará unha das zonas experimentais.
Neste sentido, e cando o proxecto estea máis avanzado, ás accións piloto tamén se programaron visitas de campo para viticultores e adegas locais, visitas educativas para centros escolares, seminarios de transferencia e xornadas informativas con denominacións de orixe de España, Francia e Portugal.
Sobre o consorcio de ECOSPHEREWINES
Os socios que levan a cabo as actividades de ECOSPHEREWINES son un total de 13 entidades procedentes de tres países: España, Francia e Portugal. Todos eles, baixo a coordinación da Fundación Juana de Vega.
A parte española está así integrada pola Universidade da Coruña, ITER Investigación, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Duero-Douro, a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, a Plataforma Tecnológica del Vino, o Instituto Tecnológico Agrario de Castilla y León (ITACyL) e a adega Pagos de Brigante.
Portugal, pola súa parte, está representado pola Associação para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense (ADVID), a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e a adega Duorum Vinhos.
Finalmente, o Institut Français de la Vigne et du Vin (IFV) e a Interprofession des vins du Sud-ouest France son as entidades francesas involucradas no proxecto ECOSPHEREWINES.