Alumnado dun ciclo de Educación Ambiental de Lleida coñece CAFRIF-CC

Share

Un grupo de catro alumnos do ciclo formativo superior de Educación e Control Ambiental (ECA) do instituto Pont de Suert de Lleida (Cataluña) realizaron este mércores, 15 de abril una visita de estudo a dúas das zonas de actuación do proxecto CAFRIF-CC. En concreto, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña, no Barbanza, e a CMVM de Froxán, na comarca do Sar-Baixo Ulla.

Como explicaba a responsable do ciclo formativo, Géraldine Granier, "cada ano organizamos unha estadía de estudo, para coñecer as problemáticas ambientais dunha zona distinta á nosa, así como as actuacións, proxectos e programas relacionados coa educación ambiental. Nos anos anteriores fomos ao Delta do Ebro, Valencia, País Vasco, Menorca e este ano, o alumnado escolleu Galicia". O grupo estivo na comunidade entre do 13 ao 17 de abril e, entre outras paradas, tamén se achegaron ao Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Previamente, os rapaces cursaron un grao superior de Xestión Forestal e actualmente están a rematar un segundo ciclo de Educación e Control Ambiental.

Parada en Froxán e en Baroña

Durante esta visita de estudo, o grupo estivo acompañado polo técnico da Fundación Juana de Vega e de CAFRIF-CC, Daniel Canosa, quen lles amosou e guiou polo traballo realizado no proxecto e lles presentou ás comunidades de montes de Froxán e de Baroña.

Alí, da man de Joám Evams e de Ovidio Queiruga puideron ver, respectivamente, a transformación do monte de Froxán cara a unha paisaxe resiliente que protexe a aldea fronte aos incendios ao tempo que mellora a súa biodiversidade. En Baroña, quedaron sorprendidos coas numerosas iniciativas nas que traballou esta comunidade durante os últimos anos, que redundan na valorización dos seus recursos e na calidade de vida da veciñanza.

Sobre CAPRIF-CC

Entre 2024-2026, o proxecto CAPRIF-CC traballou en cinco Living Labs situados en Galicia e Asturias: Barbanza-Ulla-Sar, Ancares-O Courel, Macizo Central, Cangas de Narcea-Negueira de Muñiz e Valdés-Tineo co obxectivo común de promover unha xestión multifuncional do monte que reforzar a resiliencia fronte aos os incendios forestais e o cambio climático, á vez que se xeraban oportunidades para o desenvolvemento rural.

Uno dos principais logros do proxecto foi demostrar que a participación comunitaria é unha peza clave para establecer unha nova gobernanza do monte. A través dos Living Labs, CAPRIF-CC implicou a 180 persoas, que achegaron máis de 200 propostas, no deseño dunha folla de roteiro compartido para un “monte do futuro”, máis diverso e mellor xestionado e preparado para afrontar grandes incendios.

Impulsado pola Fundación Juana de Vega, xunto coa Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS), a Fundación Montescola e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), o proxecto CAPRIF-CC contou co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos NextGenerationEU.