Oleiros, 19 de abril de 2018.
A Fundación Juana de Vega abre o prazo para a presentación das candidaturas ao Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe para a categoría de vivendas unifamiliares. O obxectivo é recoñecer á mellor vivenda unifamiliar, tanto de nova planta como de rehabilitación, que poida influír favorablemente nos tipos de vivenda que se constrúen en Galicia. Nesta categoría teranse en conta aspectos coma a capacidade de obra de convertese en una referencia social en Galicia, a economía no uso dos materiais e a súa dispoñibilidade na área na que se circunscribe o premio, a integración da vivenda na súa contorna ou a incorporación de criterios de sostibilidade.
O Premio Juana de Vega de intervencións na paisaxe xorde do convencemento de que a paisaxe é un elemento fundamental do patrimonio de calquera sociedade humana por incidir directamente no seu benestar físico e espiritual e por ser un recurso socio-económico de enorme potencial. Este premio ten tres categorías: intervencións en espazos exteriores, intervencións privadas no patrimonio contruido e a súa contorna e o que se convoca neste ano dedicado a galardonar as mellores vivendas unifamiliares contruidas en Galicia.
Para esta edición do premio, o prazo rematará o 1 de xuño e poderán concorrer aquelas intervencións realizadas en Galicia entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro de 2017. As candidaturas poderán ser presentadas polos autores das mesmas, os promotores, ou calquera persoa ou entidade que teña coñecemento de vivendas unifamiliares que consideren que son merecedoras do galardón. O fallo do xurado darase a coñecer no último cuatrimestre do ano e o premio terá unha dotación económica de 6.000 euros ademais dun diploma acreditativo. Tamén poderán concederse dous accésits a criterio do xurado, cada un deles dotado de 1.500 euros e un diploma. O xurado estará formado por persoas de diferentes ámbitos profesionais relacionados coas intervencións na paisaxe e a arquitectura, coa estética ou a arte e a cultura. Tamén formarán parte do xurado, o presidente da Fundación Juana de Vega e a directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega. O fallo do xurado farase público a través da páxina web da Fundación Juana de Vega e noutros medios. Igualmente, os autores premiados recibirán unha comunicación por escrito na que se lles dará conta da resolución do Xurado. A entrega do premio realizarase nun acto público na sede da Fundación Juana de Vega.
Máis información aquí.