Aberta a inscrición no curso de Aproveitamento e transformación de produtos frutícolas

Share

A Fundación Juana de Vega acaba de abrir a inscrición no curso de Aproveitamento e transformación de produtos frutícolas, que se impartirá ao longo de seis sesións en horario de tarde, entre setembro e decembro. O custo é de 100€, que se deberán aboar unha vez feita a reserva de praza no formulario oficial na web da entidade (https://juanadevega.org/xornadas_e_cursos/curso-de-aproveitamento-e-transformacion-de-produtos-fruticolas).

Durante 28 horas, o alumnado estudará as operacións de colleita e de conservación da froita de maneira transversal a todas as producións frutícolas. A formación teórica completarase cun taller de elaboración de mosto e de sidra a partir de mazá e un segundo de conservas. Para finalizar, no mes de decembro, organizarase unha xornada de cata dos produtos elaborados coincidindo coa entrega dos diplomas.

Todas as sesións terán lugar no CFEA de Guísamo, en Bergondo (16:30 a 20:30h) agás a sesión inicial do martes, 5 de setembro, que será na sede da Fundación Juana de Vega en San Pedro de Nós, Oleiros (16:00 a 20:00h). As persoas que completen o 80% da asistencia recibirán un certificado de aproveitamento.

Formación práctica durante o todo o ciclo vexetativo
O curso de Aproveitamento e transformación de produtos frutícolas correspóndese co cuarto e último módulo da edición 2023 do “Curso de fruticultura e transformados” que comezou en febreiro e se imparte de forma descontinua para cubrir todo o ciclo vexetativo das árbores froiteiras. Así, o primeiro módulo centrouse na poda, o segundo na propagación de especies froiteiras e técnicas de cultivo; e o terceiro na planificación da explotación, defensa vexetal, traballos de mantemento, mecanización e instalacións frutícolas. Ata o momento, unhas 35 persoas se inscribiron para realizar o curso completo ou algunha das partes.

Curso de aproveitamento e transformación de produtos frutícolas

Desde hai unha década
A Fundación Juana de Vega, en colaboración co Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo, imparte desde hai xa máis dunha década e con moi boa acollida, este “Curso de fruticultura e transformados”, que por primeira vez en 2023 se dividiu en módulos para adaptarse ás necesidades dos interesados.