Aberta a convocatoria do Premio de Intervencións na Paisaxe 2025 na categoría “Espazos exteriores”

Share

A Fundación Juana de Vega abre a convocatoria no Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, na categoría de Intervencións en espazos exteriores públicos e privados, co obxectivo de recoñecer aquelas intervencións que contribúan a mellorar a calidade da paisaxe da nosa comunidade.

Admitiranse proxectos realizados en Galicia e acabados entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de decembro de 2024. As candidaturas poden ser presentadas ata o venres, 4 de xullo (todo o día) polos autores, promotores ou por un terceiro, incluídas asociacións ou outras entidades que teñan coñecemento de proxectos que, ao seu xuízo, poidan ser merecedoras dos premios.

Entre os proxectos recibidos, o xurado valorará aspectos como a calidade da intervención e a súa contribución á mellora da paisaxe; a incorporación de criterios de sostibilidade, uso racional dos materiais, estratexias de proximidade e economía circular. Tamén terán en conta a adecuación da intervención realizada aos usos previstos e a capacidade da obra de converterse nunha referencia social.

Premio e accésits
O premio ten unha dotación económica de 6.000€. No caso de que o proxecto sexa de promoción privada, o xurado poderá repartir o galardón entre os autores e os promotores, podendo percibir este último non máis do 50%. A criterio do xurado tamén poderán concederse dous accésits, dotados cada un deles cun diploma e 1.500€.

As candidaturas deberán presentarse por correo postal ou presencialmente na sede da Fundación Juana de Vega, localizada en San Pedro de Nós, Oleiros (A Coruña). As bases da convocatoria e os anexos poden consultarse e descargarse na web www.juanadevega.org na seguinte url: https://juanadevega.org/premios-paisaxe/premio-juana-de-vega-de-intervencions-na-paisaxe-2025

Máis de vinte anos recoñecendo o valor da paisaxe
O Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe xurdiu en 2004 do convencemento de que a paisaxe é un elemento fundamental do patrimonio de calquera sociedade por incidir directamente no seu benestar físico e social e por ser un recurso socioeconómico de enorme potencial. Cada unha das tres categorías actuais: “Intervencións privadas no patrimonio construído”, “Edificacións e instalacións produtivas no medio rural” e “Intervencións en espazos exteriores”, convócanse cada tres anos de forma rotatoria.

No caso das “Intervencións en espazos exteriores”, este 2025 é a cuarta vez que se fai pública para recibir propostas, datando as anteriores edicións dos anos 2016, 2019 e 2022. Ata o momento, o xurado recoñeceu un total de oito obras, entre as que se atopa a restauración das lagoas na Reserva de Biosfera de Terras do Miño, o Xardín do Teatro no Monte Gaiás, en Santiago de Compostela, ou a Escola Infantil en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra).

Histórico categoría “Intervencións en espazos exteriores”
2016Premio | RESTAURACIÓN DE LAGOAS NA RESERVA DE BIOSFERA DE TERRAS DO MIÑO
Autores: IBADER- Universidade de Santiago de Compostela. Pablo Ramil Rego, Luis Gómez- Orellana e Javier Ferreiro da Costa.  

Accésit | Reurbanización San Clemente, Santiago de Compostela Autores: Abalo Alonso arquitectos
2019Accésit | HORTAS DE CARAMONIÑA (Santiago de Compostela)
Autores: Abalo Alonso arquitectos Promotor: Concello de Santiago de Compostela  

Accésit | ESCOLA INFANTIL EN VILAXOÁN (VILAGARCÍA DE AROUSA, PONTEVEDRA)
Autor: Iago Fernández Puentes
Promotor: Concello de Vilagarcía de Arousa
Colaboradores: Javier Montero Pérez, Montse Martínez Pérez e Joaquín Lustres Carregal  

Accésit | DINAMIZACIÓN RURAL A TRAVÉS DA RUTA DE SENDEIRISMO “RUTA QUINTÁ - RÍO DONSAL”
Autores: Asociación Castaño y Nogal
Promotor: Asociación Castaño y Nogal  
2022Accésit | PAISAXISMO EN PRAZAS PÚBLICAS E ESPAZOS COMUNITARIOS DO RESIDENCIAL CORNES (SANTIAGO DE COMPOSTELA)
Autores: Orza Paisajismo, Carmela Moral Ardines  

Accésit | XARDÍN DO TEATRO, MONTE GAIÁS, SANTIAGO DE COMPOSTELA
Autores: RVR Arquitectos (Redondo, Valladares y Rodríguez, arquitectos, S.L.P.)  

Mención | URBANIZACIÓN DA CONTORNA DO PETO DE ÁNIMAS DE PIÑEIRO (GONDOMAR)
Autor: Santos Vila González, arquitecto.

O Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe xurdiu en 2004 do convencemento de que a paisaxe é un elemento fundamental do patrimonio de calquera sociedade por incidir directamente no seu benestar físico e social e por ser un recurso socioeconómico de enorme potencial. Este 2025 é a cuarta ocasión que se convoca a categoría “Intervencións en espazos exteriores”, datando as anteriores edicións dos anos 2016, 2019 e 2022.