A Xunta de Galicia organiza o próximo xoves, 19 de setembro o congreso "Reforma do mapa municipal de Galicia" no que presentará o "Estudo sobre a planta local galega" realizado pola Fundación Juana de Vega en colaboración coas tres universidades galegas. Na inauguración estará Teresa Táboas, vicepresidenta da Fundación Juana de Vega e José Manuel Andrade, director da Fundación, moderará unha mesa redonda na que se explicará o traballo realizado.
A Xunta de Galicia firmou un convenio coa Fundación Juana de Vega para a realización do "Estudo sobre a planta local galega", no que colaborou persoal docente e investigador das tres universidades galegas. O obxectivo foi realizar unha análise multidisciplinar sobre a reforma do mapa municipal galego e o impulso de novos procesos de fusión municipal e outras fórmulas de cooperación intermunicipal. Para isto, o traballo estruturouse en varios capítulos nos que se analizaron o marco político e xeográfico da planta local en Europa, España e Galicia, e o marco xurídico aplicable. Tamén se analizaron os procesos de fusión municipal desde a perspectiva económica, así como outras alternativas aos procesos de fusión, particularmente das mancomunidades intermunicipais, das áreas metropolitanas e dos consorcios. O traballo completouse coa análise das experiencias das fusións nos concellos de Oza-Cesuras (A Coruña) e de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), a situación anterior e posterior, a súa repercusión económica e a calidade dos servizos prestados á veciñanza.
En paralelo, por unha banda, enquisouse a un milleiro de galegos para coñecer a súa opinión sobre as fusións municipais e outras alternativas de adaptación da planta local. Pola outra, documéntanse entrevistas cualitativas cunha trintena de expertos en urbanismo, dereito e outras disciplinas vinculadas á administración local, así como a políticos, traballadores municipais e representantes sindicais con experiencia na materia.
As primeiras conclusións do estudo amosaron que a cidadanía ten unha predisposición favorable á fusión voluntaria dos concellos (83%), e considera que a redución do número destes melloraría a súa capacidade de prestación de servizos.
O Estudo remata con unha serie de propostas orientadas a incentivar os procesos de remodelación da planta municipal galega para aumentar o tamaño dos municipios, fundamentalmente centradas na realización de reformas lexislativas que faciliten os procesos de agregación, mellorar os incentivos financeiros e fiscais e xerar coñecemento técnico e científico para dotar de rigor o debate aor redor das fusións municipais, entre outras. As propostas normativas xa se están a avaliar para telas en conta na redacción da nova Lei de Administración Local de Galicia.
Asistencia libre e inscrición previa
O congreso terá lugar no hotel monumento San Francisco de Santiago de Compostela. As persoas e entidades que desexen asistir teñen de prazo ata o luns, 16 de setembro para inscribirse desde a web https://reformadomapamunicipaldegalicia.gal.