A xestión forestal participativa da Fundación Juana de Vega, eixe de intercambio en Cataluña 

Share

A Fundación Juana de Vega continúa posicionándose como referente en innovación territorial a través da súa participación en foros especializados. O 18 e 19 de marzo, o técnico da Área de Desenvolvemento Rural, Daniel Canosa, asistiu en Vic ás I Xornadas Municipais de Xestión Forestal Estratéxica “A Bosc” convidado pola Oficina Tècnica de Prevenció Municipal d'Incendis Forestals i Desenvolupament Agrari da Deputación de Barcelona e durante as que presentou as iniciativas que a nosa institución desenvolve en Galicia en materia de gobernanza e xestión multifuncional do monte.

Canosa destacou o papel clave dos procesos impulsados pola Fundación Juana de Vega, que permiten implicar ás comunidades locais na toma de decisións e avanzar cara a modelos de xestión máis resilientes e adaptados ao territorio. Para abordar os avances realizados nos últimos anos, presentou distintos proxectos con incidencia territorial, baseados en metodoloxías participativas, como o Plan Integral de recuperación, dinamización e valorización da área surooriental de Ourense ou o proceso participativo promovido pola Xunta de Galicia. Así mesmo, expuxo iniciativas que combinan a participación coa execución de accións no territorio, como CAPRIF-CC. Neste sentido, subliñou que a clave do éxito radica na continuidade e no acompañamento aos axentes activos do territorio. Tamén explicou as distintas accións que a Fundación Juana de Vega promove para a xestión multifuncional dos montes e a creación de paisaxes biodiversas e resilientes.

Ademais de dar visibilidade ao traballo da Fundación Juana de Vega, a invitación da Oficina Tècnica de Prevenció Municipal d'Incendis Forestals i Desenvolupament Agrari da Deputación de Barcelona permitiu un achegamento presencial para coñecer mellor o contexto catalán e recoller información relevante, incluíndo iniciativas e enfoques que poderían ser aplicables ao rural galego. A xornada supuxo tamén a posibilidade de establecer novos contactos e explorar futuras liñas de colaboración entre os territorios de Cataluña e Galicia. A presentación xerou un notable interese entre os asistentes, especialmente pola profundidade do traballo desenvolvido e o potencial destas metodoloxías para a súa aplicación noutros contextos. O equipo técnico da Deputación de Barcelona amosou incluso interese en coñecer en detalle as dinámicas formuladas pola Fundación Juana de Vega e expuxo a posibilidade de implementar o seu uso nos proxectos nos que están a traballar, posicionando á Fundación Juana de Vega como unha entidade avanzada na abordaxe de retos complexos que xa marcan a axenda do rural de Galicia.