A Fundación Juana de Vega creou no ano 2004 un premio anual de arquitectura para premiar a mellor vivenda unifamiliar rematada no medio non urbano de Galiza no ano anterior.
Un obxectivo principal do premio é a difusión de exemplos de vivendas axeitadas para o espazo non urbano de Galiza, que respecten o entorno e manteñan a calidade paisaxística do territorio.
Co albo de debater a integración da vivenda no entorno natural, a Fundación Juana de Vega e a Delegación do COAG de Ourense organizan as xornadas "A vivenda e a paisaxe" e unha exposición "Vivendas destacadas no premio Juana de Vega de Arquitectura 2004-2008".
As xornadas iniciaranse o día 21 de maio coa inauguración da exposición no ATENEO a cargo do Presidente da Fundación Juana de Vega, D. Enrique Sáez Ponte, do Presidente do COAG de Ourense D. Xan Xosé Rodríguez e do Arquitecto Mario Crecente que pronunciará a conferencia "A paisaxe como recurso"..
Terán continuidade o día 28 de maio cunha conferencia do arquitecto Alfonso Penela "Arquitectura e paisaxe" seguida dunha mesa redonda.
O xoves 4 de xuño o arquitecto Quico Jorreto pronunciará a conferencia "As novas vivendas e a paisaxe", tamén seguida dunha mesa redonda con arquitectos premiados pola Fundación.
As xornadas pecharanse o día 11 de xuño cunha conferencia do arquitecto Ourensán Alfredo Freixedo Alemparte "A percepción da arquitectura e o medio".