A venda online do produto agroalimentario centrou o curso organizado pola Fundación Juana de Vega e a EFA Piñeiral

Share

O curso "Estratexias de márketing dixital para o sector agroalimentario” que este xoves, 20 de marzo coorganizamos coa EFA Piñeiral en Arzúa (Arzúa) encádrase dentro da aposta da Fundación Juana de Vega pola formación continua para mellorar a competitividade dos principais sectores produtivos do rural galego. Entre eles, o agroalimentario, que centra gran parte dos nosos programas e proxectos.

Curso Estratexias de márketing dixital para o sector agroalimentario

Estas oportunidades de formación podemos canalizalas en distintos puntos de Galicia grazas á colaboración con entidades e centros educativos de referencia, como a EFA Piñeiral, que ten unha gran sensibilidade e conexión coas empresas agroalimentarias da súa contorna.

Case unhas setenta persoas mostraron o seu interese por asistir a este curso, entre alumnado e profesionais de pequenos negocios chegados das catro provincias. O seu interese por esta formación teórico-práctica foi desenvolver habilidades para a creación estratéxicas de contidos dixitais e edición de vídeos aplicando estratexias específicas en diferentes áreas como creación de vídeos cortos, revisión do SEO, colaboracións con nanoinfluencers, Intelixencia artificial (IA) e emailmárketing ou venda en marketplaces.

Esperamos, tamén, que os estudantes da EFA Piñeiral puidesen compartir un anaco con estes emprendedores e quen sabe se coñeceron a futuros clientes aos que poder prestar servizos de márketing! Na EFA Piñeiral impártense cinco ciclos de formació profesional, entre eles o Ciclo Superior de Márketing e Publicidade e o Ciclo Medio de Panadería, Repostería e Confeitaría. O alumnado deste último foi o responsable de preparar os doces servidos na hora do café e do buffet que puidemos degustar na hora do xantar.

Relatores e profesionais en activo do márketing dixital
A través de presentacións, dunha mesa redonda e dun taller práctico sobre vídeo liderados por oito profesionais en activo de axencias de márketing dixital e marketplaces alimentarios de Galicia puidemos coñecer as claves da venda online, técnicas e estratexias para aplicar na promoción dos negocios. Os relatores convidados foron Beatriz Ventosinos, de ahao studio; Pablo Borrás García, de 2beDigital; Nelson Alonso de Carabuñas; Franscesc Pumarola, de Bigcrafters; Alejandro Wonenburger, de Plant on Demand; Pablo Roca, de Juicer Marketing; Fernando Mosquera, de Esterea Comunicación Dixital; e Miguel Rodríguez, de de a axencia Phil Miller.

En concreto, Pablo Borrás puxo de manifesto a importante oportunidade que o mercado online representa para os produtores galegos: “O crecemento do ecommerce en alimentación foi  exponencial nos últimos anos. En 2023, o 45% dos consumidores españois compraron productos frescos en plataformas de venda online, o que supón unha oportunidade clave para o  sector agroalimentario galego”. As claves do éxito radican en ter, sobre todo, un produto interesante e de calidade, presentado cun enfoque diferenciador, unha imaxe moi coidada e inversión asociada á posta en valor dos beneficios”.