Organizar a terceira Conferencia Temática do proxecto DOWN TO EARTH “Xestionar a terra para protexer o territorio: boas prácticas para un rural máis resiliente” foi unha oportunidade para abrir Galicia ao intercambio europeo de coñecemento e amosar, sobre o terreo, que o rural está cheo de iniciativas que xa están a marcar o camiño.
Entre o 3 e o 5 de febreiro recibimos na nosa casa ao consorcio internacional de DOWN TO EARTH para facer balance do traballo realizado e dos proxectos de múltiples axentes do territorio, demostrando que na nosa comunidade existen iniciativas sólidas que avanzan na boa dirección.
A conferencia complementouse cunha visita de estudo pola provincia de Lugo, onde puidemos compartir experiencias reais sobre o terreo, vinculadas á conservación da biodiversidade, á restauración de hábitats e á produción agroecolóxica. O programa incluíu paradas para coñecer a aldea modelo de Trascastro, as casas niño, a empresa TRALOAGRO ou o modelo de xestión dos montes comunais, que non só xeraron un grande interese, senón que serviron de inspiración para os nosos socios de DOWN TO EARTH. En breve contarémosvos esta noticia con máis detalle!
Sen dúbida, este tipo de encontros reforzan o papel da Fundación Juana de Vega como axente conector, capaz de articular coñecemento, territorio e actores diversos. Tamén como actor AKIS para proxectar Galicia como un referente na construción dun rural máis resiliente. Queda moito por facer, pero tamén queda claro que hai bases sólidas sobre as que seguir construíndo.
Para quen non puidestes asistir á terceira Conferencia Temática de DOWN TO EARTH, o streaming para ver a conferencia completa está dispoñible na canle de Youtube da Fundación Juana de Vega: https://www.youtube.com/@fundacionjuanadevega
▶️ En galego: https://youtu.be/ZtY2RyKR2T8
▶️ En inglés: https://youtu.be/S_3LFX1Ubhw
Consorcio
O consorcio de DOWN TO EARTH está formado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), que é a entidade líder; nós, a Fundación Juana de Vega; o municipio Comune di Campobasso (Italia); o instituto nacional MeteoRomania (Romanía); a entidade supramunicipal Regionalverband Neckar-Alb (Alemaña); a University of Patras (Grecia); a axencia de desenvolvemento rexional BSC Kranj, Regional Development Agency of Gorenjska (Eslovenia); e o Institute for Urban Excellence (Países Baixos).
