A restauración das lagoas en Cospeito, premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe

Share

O traballo “Restauración das lagoas na Reserva da Biosfera de Terras do Miño, Cospeito-Lugo” gañou a primeira edición do Premio Juana de Vega en intervencións na paisaxe, na categoría de intervencións en espazos exteriores. Este certame vén a substituir ao tradicional Premio Juana de Vega de Arquitectura, ampliando o seu ámbito e categorías de participación e obxectivos.

O xurado valorou especialmente a adecuación para preservar un espazo natural de gran valor ecolóxico que acubilla un gran número de especies de flora e fauna silvestre e pon en valor a paisaxe conformada por lagoas e brañas, recuperada tras as modificacións que xeraron as obras de colonización agraria e que hoxe constitúe un exemplo único dunha contorna natural. O proxecto, presentado por Pablo Ramil Rego, Luis Rego Orellana e Javier Ferreiro da Costa, recupera ademais unha rede de camiños a través dunha vexetación excepcional e pon en valor elementos do patrimonio cultural, como os peches de chanto ou de sebe que foron reconstruídos seguindo o modelo tradicional da zona. O premio está dotado economicamente con 6.000 euros e un diploma acreditativo.

Ademais, tamén se concedeu un accésit á Reurbanización de San Clemente, presentada por Abalo Alonso Arquitectos. Trátase dun espazo urbano no centro do casco histórico de Santiago de Compostela, Patrimonio da Humanidade. A sinxeleza do traballo respecta a contorna histórica cun deseño delicado nos elementos estruturais e unha coidada selección dos materiais empregados, destacando a harmonía do conxunto da intervención e o trazado da gran escaleira, deseñada con varios planos e diferentes dimensión dos chanzos. O accésit está dotado economicamente con 1.500 euros e un diploma acreditativo.

O xurado, composto por José Antonio Franco Taboada, Isabel Aguirre, Teresa Andressen, Enrique Sáez, Pedro Calaza e Juan Manuel Palerm, constatou a dificultade de clasificar e valorar axeitadamente traballos de características moi diversas.

No acto de presentación estiveron presentes o presidente do Xurado, José Antonio Franco Taboada; a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre; a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, e o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez. Tamén acudiron para apoiar o gañador e finalista a deputada provincial de Lugo Sonsoles López Izquierdo; o concelleiro de Espazos Cidadáns de Santiago, Jorge Duarte; o vicerreitor do Campus de Lugo da USC, Javier Bueno, e o director da Escola Politécnica de Lugo, Tomás Cuesta.

Na súa intervención, Enrique Sáez destacou a vocación de servizo á cidadanía que ten este premio, no que se recoñece o labor privado na recuperación patrimonial e tamén, por primeira vez na historia do galardón, as actuacións desenvolvidas por iniciativa pública. Sobre o proxecto gañador destacou a súa importancia na recuperación dos camiños, que son un sinal de identidade na paisaxe galega. De feito, lembraba que Galicia é a primeira receptora de Camiños do planeta Terra, pola Ruta a Santiago. “Os camiños son o futuro, e nos sómos líderes mundiais”, destacaba o presidente, para concluir que constitúen un elemento fundamental para a humanización da contorna urbana nun momento no que se está a agotar o modelo actual de urbanización do territorio e da sociedade.

Pola súa banda, a directora do Instituto de Estudos do Territorio destacou o papel da Escola Galega da Paisaxe e deste galardón para contribuir á mellora da calidade de vida dos galegos e galegas a través da calidade do seu territorio. Destacou o feito de que se presentaran 30 candidaturas ao certame, o que reflicte que “as cousas están cambiando e cada vez somos máis conscientes de que o patrimonio é un recurso fundamental na nosa sociedade”.

Consulta as intervencións galardoadas aquí.

O proxecto preserva un espazo natural de gran valor ecolóxico e con gran número de especies de flora e fauna silvestre na Reserva da Biosfera de Terras do Miño e pon en valor a paisaxe conformada por lagoas e brañas

A reurbanización de San Clemente, en Santiago, logrou un accésit pola súa harmonía e o seu respecto á contorna histórica

O presidente da Fundación Juana de Vega reivindicou o papel dos camiños na humanización das contornas urbanas e destacou a potencia deste elemento paisaxístico na identidade galega impulsada pola Ruta a Compostela