Entre o mércores 17 e o xoves, 18 de xuño, o consorcio do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia foi o anfitrión dunha visita de estudo da Rede PAC da Unión Europea sobre “Recursos xenéticos vexetais” organizada pola AEI-Agri, a Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sostibilidade agrícolas (máis coñecida como EIP-AGRI, en inglés).
Neste evento transnacional, a Fundación Juana de Vega representou ao Grupo Operativo Oliveiras de Galicia, que coordina, e que ten por obxectivo poñer a punto e optimizar técnicas ad hoc (estaca clásica e micropropagación in vitro) para a multiplicación a grande escala de 11 variedades de oliveiras autóctonas galegas (Brava galega e Mansa galega, Brétema, Carapucho, Carmeliña, Folgueira, Maruxiña, Susiña, Hedreira, Xoana e Santiagueira). O fin último é prover os viveiros, de forma eficiente e sostible, de plantas certificadas que cubran a alta demanda destas variedades rexistrada no mercado polos novos agricultores galegos.
Para Alfonso Ribas, director da Área de Investigación e Innovación da Fundación Juana de Vega, entidade que solicitou a visita, este encontro marca un fito para o proxecto e para a propia entidade. “Que a Rede PAC da Unión Europea escolla Galicia para coñecer experiencias sobre os nosos recursos xenéticos vexetais demostra que o traballo desenvolvido arredor das oliveiras autóctonas galegas ten interese máis alá do noso territorio. Para a Fundación Juana de Vega é unha oportunidade para visibilizar a innovación que se está facendo desde Galicia e para conectar o noso sector agroalimentario con outras experiencias europeas”.
Neste sentido, a Fundación Juana de Vega quixo aproveitar a oportunidade para presentar a investigación do Grupo Operativo Avea Moura, no que tamén participa, e que se centra en recuperar o potencial das aveas negras autóctonas de Galicia para poñer en valor as súas características agronómicas especiais (rusticidade, alto contido en compostos antioxidantes) a través da transformación en produtos como pans, cosméticos e alimentos fermentados.
Dúas xornadas intensas e networking con outros Grupos Operativos europeos
O programa da cross-visit comezou na mañá so mércores 17 na sede da Fundación Juana de Vega coa benvida oficial a cargo de Anikó Seregélyi, funcionaria da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea e técnico da EIP-AGRI.
Tras a xornada matutina para coñecer a ducia de proxectos participantes e identificar desafíos e solucións comúns, o grupo trasladouse ata Valga (Pontevedra) e Brión (A Coruña) para achegarse ao Olivar da Concordia e ao laboratorio Cultigar, ambos os dous socios do GO Oliveiras de Galicia.
O percorrido do mércores finalizou na sede do Grupo Dacunha, en Carral (A Coruña), onde lles explicaron como están recuperando e valorizando variedades autóctonas de cereais como a avea moura, no marco do Grupo Operativo Avea Moura.
Nesta visita técnica participaron unha vintena de persoas entre técnicos da Rede PAC da Unión Europea e representantes dunha ducia de Grupos Operativos de Romanía, Málaga, Flandres (Bélxica), rexión de Emilia-Romaña (norte de Italia), Tesalónica (Grecia), Croacia, Eslovenia e de Galicia que traballan en temas tan diversos como a recuperación e valoración dunha mazá tradicional rumana en sistema ecolóxico, do tomate Huevo de Toro, típico no val do Guadalhorce (Málaga), ou do arroz Chalastra.
As súas investigacións de I+D+i tamén se centran en optimizar o cultivo de ruibarbo en Flandres, na comercialización internacional de variedades de uva minoritarias en Castela e León, o País Vasco e Cantabria, en potenciar a biodiversidade da rexión vitivinícola de Colli Piacentini, en producir sementes ecolóxicas e de variedades de conservación en Croacia ou en manter prácticas agrícolas tradicionais en áreas protexidas de Eslovenia para preservar a biodiversidade local.
A visita de estudo da Red PAC da Unión Europea en Galicia finalizou o xoves 18, cunha segunda xornada técnica de traballo (09:00 – 12:30h) na sede da Fundación Juana de Vega en Oleiros para identificar oportunidades de colaboración entre proxectos.
