O venres, 22 de marzo, David F. Veloso, un dos coordinadores da Rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego na Fundación Juana de Vega, participou en Vigo (Pontevedra) na terceira edición do "#MAPA_E 2025: Ecosistema de emprendemento e investimento de Galicia En Construcción". Este foi un evento impulsado polo Círculo de Empresarios de Galicia xunto á Xunta de Galicia e ABANCA, que reuniu a representantes do ecosistema emprendedor da nosa comunidade cunha visión de futuro.
Entre as autoridades asistentes estiveron José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración; Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais; e Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social. Entre as entidades convidadas estiveron a Zona Franca Vigo, as universidades de Santiago e Vigo, Vigo Activo, Unirisco, Gradiant, SmartPeme da Deputación de Pontevedra, Business Factory Food, Business Factory Auto, CIFP Manuel Antonio, AJE Vigo ou Empresarias Galicia.
O evento incluíu tamén unha presentación das novidades no Mapa de Emprendemento da Xunta de Galicia, unha ferramenta online que reúne ás entidades que forman parte do ecosistema de emprendemento de Galicia e entre as que se atopa a Fundación Juana de Vega.

Que é a Rede de Polos de emprendemento?
A Fundación Juana de Vega, en calidade de entidade coordinadora da Rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego, foi convidada á mesa participativa desenvolta cun formato innovador e aberto cunha trintena de participantes.
Durante a súa quenda de palabra, David F. Veloso explicou que a Rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego é un servizo posto en marcha pola Xunta de Galicia para prestar apoio á persoa emprendedora no momento no que o necesita. Fronte ao modelo tradicional dos programas de acompañamento puntuais, a Rede de Polos sempre está dispoñible para a persoa emprendedora. É, tamén, primeiro chanzo do que, idealmente, será un longo camiño de emprendemento "e no que se poderá apoiar para entrar de pleno no ecosistema de axuda ao emprendemento", explicou. O total de persoas emprendedoras xa supera a cifra dos 3.200 no total da Rede, das cales 2.467 teñen na actualidade un proxecto activo.

Ademais da coordinación da Rede de Polos, a Fundación Juana de Vega xestiona tres dos quince Polos de Emprendemento activos en Galicia. Son o o de Ferrol (A Coruña), Vilagarcía (Pontevedra) e Verín (Ourense).
