A recuperación do Castro de Arxeriz recibe o Premio Intervencións da Paisaxe da Fundación Juana de Vega

Share

Oleiros, 16 de novembro de 2017.-

A Fundación Juana de Vega entregou hoxe o seu Premio de Intervencións na Paisaxe, que busca poñer en valor e mellorar a calidade paisaxística do territorio. No acto, que tivo lugar esta mañá na sede de Oleiros, estiveron presentes a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; o presidente da Fundación, Enrique Sáez, e a directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, Isabel Aguirre.

O Premio Juana de Vega en intervencións na paisaxe, na categoría de Intervencións privadas no patrimonio construído e na súa contorna, foi para o traballo“Ampliación da excavación de sondaxes para a delimitación, caracterización e posta en valor do Castro de Arxeriz”, presentado pola Fundación Xosé Soto de Fión. O xurado destacou varios aspectos importantes desta obra, na que o coidado na recuperación do castro vén completado coa creación dun museo etnográfico, realizado con alta calidade de deseño e presentación, que destaca o esforzo feito na recuperación do patrimonio.

Na entrega do premio tamén se valorou o coidado da contorna do castro e das edificacións existentes, que se rexenerou con especies frondosas autóctonas, antes ocupada por eucaliptos. O valor deste labor vén reforzado pola situación do castro e da finca nun lugar privilexiado sobre o Cabo do Mundo, onde o río Miño ten formado un longo meandro que configura unha paisaxe de excepcional valor.

Por último, a acta destaca a decisión de Xosé Soto de recuperar e devolver ao uso da sociedade toda esta riqueza patrimonial, entendida esta palabra no sentido amplo, e fornecela de recursos que permiten a súa sostibilidade a través da Fundación que el crea.

José Antonio Quiroga, director do Ecomuseo, falou da "raigame do pazo, fundado no século XVI e cedido por Xosé Soto para investigar e divulgar aspectos relacionados coa natureza galega e a paisaxe". O traballo de recuperación, lembrou, "empezou no ano 96 coa inquedanza de buscarlle unha saída", facendo unha rehabilitación "con materiais tradicionais e sen apartarse do entorno e a arquitectura popular" intentando recuperar unha tradición de séculos. Quiroga salientou entre os atractivos das instalacións a "sala da cultura fluvial, coa meirande tipoloxía de embarcacións fluviais de Europa, a sala de viticultura tradicional e a escavación do castro, a 200 metros do pazo, nun mirador privilexiado sobre o Miño na Ribeira Sacra".

Tras a entrega do premio, Beatriz Mato salientou a "grande riqueza natural e paisaxística de Galicia" e a importancia de poñela en valor precisamente o Día Internacional do Patrimonio, que se celebra o 16 de novembro, e lembrou tamén que a Unesco adicou este ano por primeira vez o 20 de setembro a Día da Paisaxe.

A conselleira mostrou o seu "compromiso de seguir avanzando" neste eido con proxectos coma a guía de valados, noutra colaboración coa Fundación Juana de Vega, e a Infraestrutura Verde da Área Metropolitana da Coruña, con "espazos interconectados pola propia natureza e que, se o facemos ben, poderemos falar de beneficios ecolóxicos, sociais e económicos e emprego verde". "Cando rematemos, en decembro de 2018, poderá constatarse ese éxito", afirmou.

Beatriz Mato explicou que "se hai algo do que podemos sentirnos orgullosos é de que cando un protexe o seu, estamos a amosar o nivel social e o grado de desenvolvemento como sociedade". A conselleira tamén deu os seus "parabéns ao traballo da Fundación Juana de Vega" por manter "o espírito e inquedanza dunha muller coruñesa como era Juana de Vega". "O seu legado está en boas mans", louvou.

Accésit

O xurado decidiu outorgar un accésit á Rehabilitación da antiga casa reitoral de Santa María de Olives (A Estrada) de r.v.r. arquitectos. O conxunto da intervención pon en valor unha casa grande de pedra e a súa contorna de muros e instalacións complementarias. É de destacar o esforzo en recuperar cada elemento patrimonial e darlle un lugar axeitado dentro dos novos usos que se piden á edificación. Tamén hai que resaltar a combinación dos elementos patrimoniais e un xardín no que os espazos abertos e os elementos vexetais reforzan a posición e o valor do edificio.

O xurado do premio estaba composto por Gonzalo Byrne como presidente e Isabel Aguirre de Urcola como secretaria, e Joao Nunes, Enrique Sáez Ponte, Francisco Leiro, Fátima Braña, Covadonga Carrasco e Marilar Aleixandre como vocais.

O xurado otorgou un accésit á rehabilitación da antiga casa reitoral de Santa María de Olives, en A Estrada, de r.v.r. arquitectos.