Oleiros, 29 de xuño de 2012.- A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, clausurou hoxe xunto co director xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Unión Europea, José Manuel Silva, e o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, a xornada organizada pola citada fundación e desenvolvida hoxe no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Este encontro acadou gran interese entre os membros do sector gandeiro galego, concentrando a máis de 140 persoas procedentes de toda Galicia, interesadas en coñecer os últimos avances en investigación para optimizar os custos de produción de leite e carne de vacún nas súas explotacións. Ese foi o obxectivo principal da xornada, na que a conselleira amosou o seu agradecemento á Fundación Juana de Vega por esta iniciativa, e por ver nun mesmo auditorio a moitos novos produtores, a xente maior que segue no sector, a investigadores e a membros da administración. Neste sentido indicou que non se poden conseguir avances mentres non se senten na mesma mesa o sector, as institucións e os científicos, porque “todos precisamos aprender de todos” . Por tanto, destacou a importancia de ver como os avances que se conseguen na ciencia se van aplicando e adquiren un valor económico co apoio da administración. Con respecto ao medio rural, sinalou que é o momento de poñer en valor cousas ás que lles déramos as costas, para engadir que moita xente está volvendo ao campo que se ve de novo como unha fonte de desenvolvemento e riqueza. De feito, amosouse convencida de que quen mais fortalecido vai saír desta crise é o desenvolvemento rural.
O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, agradeceu a presenza da conselleira neste encontro, salientando a necesidade de conectar os poderes públicos cos investigadores e os produtores para potenciar o crecemento do sector, destacando que Galicia dispón de todos os elementos necesarios para mellorar a súa capacidade de produción no medio rural, desde clima ata terra, xente e saber facer.
Pola súa banda, o director xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Unión Europea destacou o reto que se ten plantexado a UE para cambiar a política agrícola, modificando desde a política de investigación agroalimentaria, para a que se vai triplicar o orzamento, ata a ordenación do territorio. Neste sentido lembrou a necesidade de potenciar a mobilización de terras agrarias mediante políticas de incentivos, lembrando que no caso de Galicia hai máis de medio millón de hectáreas de terra de uso agrícola sen utilizar, nun momento no que a terra perfílase como o gran activo do futuro. “Temos que volver ao prado”, manifestou Silva, para engadir que “é necesario un cambio tecnolóxico para revalorizar os produtos que saen do agro galego”. José Manuel Silva foi precisamente o relator encargado de ofrecer a última conferencia desta xornada, na que se referiu á importancia das forraxes e as políticas agrícolas e a investigación.
No transcurso da xornada, os diferentes relatores, todos eles investigadores do CIAM, organismo dependente do Instituto Galego de Calidade Alimentaria (INGACAL) da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta da Galicia, ofreceron desde diferentes perspectivas as fórmulas para acadar o máximo rendemento nas explotacións de vacún, tanto na produción de leite como na de carne. Neste punto, destacaron como a principal eiva para un sector moi competitivo a nivel europeo pero que aínda non ten acadado o seu teito de produción, a súa excesiva dependencia da importación de produtos de alimentación animal.
Con respecto á dimensión deste sector estratéxico en Galicia e piar fundamental da economía agraria, o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, lembraba que a produción de leite e carne de vacún ocupa o 46% do total da produción no sector primario. En concreto, existen 12.000 explotacións leiteiras, que xeran 700.000 millóns de euros anuais, o 31% da produción total agraria. Por tanto, destacou o seu papel como xerado de riqueza e dinamizador doutros sectores da nosa actividade económica. Sen embargo, este sector está inmerso nunha crise, como recordaba José Manuel Andrade, debido en parte ao incremento dos custos de produción, nos que a alimentación animal ocupa un lugar destacado. Tanto o director da Fundación Juana de Vega como o director do CIAM, Juan Fernando Castro Insua, e todos os relatores participantes, incidiron no feito de que existe unha excesiva dependencia exterior de materias primas para a elaboración de pensos.
Por tanto, moitas das investigacións que se están levando a cabo neste eido apuntan cara a produción de pastos e forraxes propios nas explotacións gandeiras galegas, de xeito que se poda abaratar o custo e non depender tanto de materias primas que chegan de países extracomunitarios, na súa maior parte por vía marítima, o que encarece moito o custo.
Nos relatorios ofrecidos polos investigadores Juan Piñeiro, César Resch, Jaime Zea e Gonzalo Flores non so se analizaron as vantaxes económicas da produción de pastos e forraxes nas propias explotacións. Tamén se deron a coñecer as vantaxes nutricionais e incluso ambientais que ten este sistema. De feito, suliñaban Zea e Flores, que abordaron os ámbitos do sector cárnico e do leiteiro, respectivamente, a maior concentración de ácidos grasos Omega 3 e de CLA, que ten propiedades antitumorais, que existe na graxa do leite e na carne de vacas alimentadas con forraxes frescos, fronte ás alimentadas con concentrado de pienso.
Con respecto ás vantaxes económicas, sinalaba César Resch que en Galicia existe un gran potencial para seguir incrementando a produción de leite con respecto a outros países punteiros como Holanda ou Irlanda que xa tocaron teito, e así o avalan estudos da Unión Europea que o experto debullou na súa exposición. Neste sentido, manifestou que se en Galicia o sector fora capaz de xerar forraxes propias nas súas explotacións poderíase reducir nun 50% a necesidade de produtos concentrados e acadar unha redución de custos na produción de leite dun 30%, o que suporía un importante avance na marxe de beneficios de explotacións para o sector.
Con respecto aos beneficios ambientais, é innegable a biodiversidade que xeran as praderías galegas, un aspecto no que incidiu Juan Piñeiro, que fixo un repaso pola evolución do que calificaba como a base do desenvolvemento gandeiro en Galicia. Tamén incidía o investigador na súa importancia na prevención de incendios forestais, grazas á adecuación e labranza de terreos de monte para pastoreo.
Na organización destas xornadas colaboraron empresas do sector como Leyma, Feiraco, a Cooperativa Os Irmandiños, Progando e a Cooperativa Perpetuo Socorro de Arzúa, ás que tanto o presidente e o director da Fundación Juana de Vega como o director do CIAM agradeceron a súa implicación para avanzar na transferencia de resultados da investigación ao sector, o que sen dúbida suporá, como sinalaba o director do CIAM , que as explotacións gandeiras galegas sexan cada vez máis competitivas e a investigación se adapte ás necesidades das empresas. Ese é o obxectivo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, que naceu co obxectivo de realizar estudos de utilidade práctica para axudar a resolver os problemas do campo galego.