O proceso de dixitalización da cadea de valor da produción cárnica de IXP Ternera Gallega a través do Grupo Operativo autonómico DIXITEGA concluíu, de forma oficial, coa presentación pública de dixitega.com. Este é un novo servizo de información dixital de utilidade para todos os axentes do sector, desde produtores a fabricantes de penso, industria cárnica, distribución ou entidades de asesoramento. Entre os datos dispoñibles, actualizados cada semana a partir de diversas fontes públicas e privadas, están o custo de materias primas, a evolución de prezos de canal, a oferta e tipoloxía de animais para comercialización ou as estatísticas de produción e sacrificio.
O evento tivo lugar onte pola tarde na sede do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, en Santiago de Compostela, arroupado polas oito entidades socias e colaboradoras do proxecto, o Ministerio de Agricultura, a Consellería do Medio Rural e un grupo de profesionais vinculados á Indicación Xeográfica Protexida.
O Grupo Operativo autonómico DIXITEGA contou cun orzamento de 176.329,19€ financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Xunto á Fundación Juana de Vega (coordinadores), foron socios o Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne - Ceteca, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). As entidades colaboradoras son o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), ACRUGA e a tecnolóxica DIH Datalife.
Durante a benvida, Jesús González Vázquez, presidente do CRIXP, destacou o apoio e implicación do consorcio durante os tres anos desta investigación aplicada que cumpriu o seu obxectivo principal: achegar solucións TIC prácticas e innovadoras para axudar a todas as persoas que integran a cadea de valor de Ternera Gallega, optimizar o traballo diario e gañar competitividade no mercado. “O futuro da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega está estreitamente ligado ás novas tecnoloxías”, concluíu lembrando que este é un sector estratéxico para o medio rural de Galicia tanto por cifras como polo seu papel para protexer a paisaxe e o territorio de Galicia.
Actualmente, na IXP Ternera Gallega hai máis de 8.200 ganderías rexistradas que producen unhas 23.000 toneladas de carne ao ano para a súa transformación a través dunhas 120 industrias e comerciais. En cifras xerais, a IXP representa o 60% da carne comercializada con indicativo de calidade en España xerando 160M€ de volume de negocio.
Neste sentido, Alfonso Ribas, director da área de Investigación e Innovación da Fundación Juana de Vega, entidade coordinadora de DIXITEGA, resaltou que, como ocorre con outros grupos operativos, este é un proxecto moi completo que reúne a centros de investigación, sociedade civil, administración e empresas. “Empeza na investigación e finaliza ofrecendo un produto ao usuario final", resumiu.
A relevancia e necesidade de DIXITEGA queda tamén patente polo seu nomeamento, este mesmo verán, aos "Premios europeos de Inspiración Rural e Agraria” 2024 da Red PAC.
Actualización semanal accesible 24/7
Desde 2022, e durante tres anos, o consorcio do Grupo Operativo DIXITEGA estivo traballando man a man co sector da IXP Ternera Gallega para desenvolver a plataforma dixital dixitega.com. Este é un novo espazo dixital actualizado cada semana e accesible 24/7 en aberto que integra diversas fontes relevantes, públicas e privadas, para que todos os axentes que forman a cadea de valor da IXP Ternera Gallega accedan a datos útiles para a xestión diaria nas súas explotacións de carne.
Desde calquera dispositivo con conexión a Internet poden consultar o custo actualizado das materias primas (cebada, millo, xirasol, etc.), a evolución de prezos de canal nas principais lonxas autonómicas (Santiago), nacionais (Binéfar, Salamanca) ou mesmo a nivel europeo (Meat Market Observatory). Tamén a oferta ou a tipoloxía de animais dispoñibles para comercialización (lonxas de Santiago e Silleda), así como as estatísticas de produción e sacrificio. Estes datos técnicos compleméntanse con información sobre subvencións, lexislación, alertas sanitarias, consumo de carne, eventos ou actividades formativas.
A maiores, os usuarios rexistrados poderán consultar, a unha semana vista, a predición de prezos e cotización nos mercados de canal, recría e alimentación.
A estrutura e contidos da aplicación foi decidido tras un proceso participativo entre unha mostra de axentes que confirmaron a necesidade de contar cunha plataforma TIC sólida e flexible. Previa a esta presentación final e ao testeo da plataforma, na primavera, organizáronse xornadas divulgativas con produtores das catro provincias e en centros formativos da rama agraria.
Intervencións do MAPA e da Consellería do Medio Rural
Tras expoñer o traballo realizado e facer un breve percorrido por dixitega.com da man do CRIXP e da Fundación Juana de Vega, o consorcio estivo acompañado durante o acto por representantes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e da Consellería do Medio Rural.
María Teresa Ambrós, subdirectora xeral de Innovación e Dixitalización do MAPA interveu en liña para destacar a importancia da recollida de datos na produción agraria e o seu uso no Ministerio de Agricultura. A continuación, Orlando Vázquez, xefe de servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais centrou o seu relatorio na aplicación da Lei da Cadea Alimentaria en Galicia.