A importancia de traballar a innovación, o branding e o packaging con independencia do tamaño do negocio, conclusións compartidas no curso promovido pola Fundación Juana de Vega e celebrado na EFA Piñeiral

Share

Esta tarde ven de rematar o curso “Innovación en márketing, branding e packaging nas empresas agroalimentarias” promovido pola Fundación Juana de Vega e celebrado na Efa Piñeiral, en Arzúa.

Emprendedores, produtores da industria agroalimentaria, profesionais e estudantes de márketing puideron desfrutar esta mañá dos relatorios de Xosé Teiga (Teiga Studio), Rosa Pumar (Axencia Imaxe) e Alfonso Pérez (CEO en Foodtec) centradas en diferentes aspectos da innovación e o packaging como elementos constructores da filosofía das empresas.

Teiga incidiu na importancia de que pequenas empresas pensen e aspiren en grandes proxectos de branding. “Podes ser pequeno, pero pensar en grande. Isto facilitará que se a túa empresa escale teña uns cimentos sólidos de branding e de visualización”. Pola súa banda, Rosa Pumar, directora xeral da axencia Imaxe, afirmou que “O packaging axuda a alinear a filosofía da marca coa dos consumidores”. Pumar puxo o foco na importancia de testear, aínda que non se conten con grandes recursos: “a investigación é o mellor enemigo do risco á hora de tomar decisóns”. Alfonso Pérez, de Foodtec, ilustrou con exemplos reais e próximos como se está a traballar na introdución de elementos innovadores no envoltorio e na etiquetaxe. “A aposta por un packaging que engada valor engadido ao produto pode supoñer a apertura de novas canles de comercialización e a exponenciación das vendas”, destacou.

A xornada rematou coa visita ás empresas arzuás Galmesán, Pazo de Santa María e Queixería Barral.

Primeiro día
Durante a primeira xornada do curso, o xoves 18, o encargado da formación foi Xosé Luis Reza, director do Clúster do ecommerce galego. Reza contextualizou os fundamentos que un plan de márketing e recalcou que “a calidade dun produto non existe se o cliente non a coñece e non a recoñece”.