A Fundación Ramón González Ferreiro inicia un proxecto para cría e engorde de bois de razas autóctonas en Allariz

Share

A Fundación Ramón González Ferreiro, propietaria da granxa do Rexo, en Allariz (Ourense) vén de iniciar un novo proxecto de desenvolvemento rural centrado na cría e engorde de bois de razas autóctonas.

Ás súas instalacións chegaron vinte animais das razas Minhota e Vianesa de entre 2 e 4 anos que permanecerán nos prados e cortes da granxa ata alcanzar a configuración cárnica necesaria para a súa venda. A granxa conta con 21 hectáreas de terreo onde os bois recibirán unha alimentación natural que terá como base principal o pasto e a forraxe.

O proxecto estudiara a diferente evolución dos distintos animais que estarán alimentados dentro dun réxime semiextensivo. Despois do proceso de engorde os bois venderanse para o seu consumo nas liñas de hostaleira ou consumo particular. Para este proxecto a Fundación Ramón González Ferreiro contou coa colaboración da Fundación Juana de Vega, coa que xa tiña colaborado noutros proxectos, e coa Fundación vasca OKELAN, con longa traxectoria na cría e comercialización de gando vacún.

A Fundación Ramón González Ferreiro puxo en marcha a granxa de O Rexo coa intención de recuperar superficies agrarias abandonadas e introducir nova actividade económica para revitalizar o mundo rural. Despois do rabaño de ovellas latxas para a produción de leite e o rabaño de cabras en pastoreo extensivo e virtual, a cría e engorde de gando vacún é o terceiro proxecto que a Fundación pon en marcha. Nestes dous últimos colabora a Fundación Juana de Vega no marco do convenio firmado coa Fundación González Ferreiro. Do total de bois, a Fundación Juana de Vega costeou a compra de cinco deles.