O Corpus Christi de Ponteareas (Pontevedra) será este ano un pouco máis especial. Nesta edición de 2024 estrea a distinción de Ben de Interese Cultural (BIC) outorgado pola Xunta de Galicia, que suma ao recoñecemento de Festa de Interese Internacional que ostenta xa desde 2009. Para facer un pouco máis especial o programa festivo deste ano, o Concello de Ponteareas e a Fundación Juana de Vega, a través da Escola Galega da Paisaxe, firmaron un convenio de colaboración para impulsar o I Concurso Balcóns Floridos para incentivar a decoración vertical da vila en balcóns e fiestras con vistas á rúa. O certame xorde tamén como unha iniciativa coa que reforzar os lazos entre a veciñanza e todos os espazos da vila, prolongando a tradición e beleza das icónicas alfombras florais de Ponteareas que engalanan as rúas o domingo de Corpus xuntando arte floral e fervor relixioso.
No acto de presentación do concurso e firma do convenio participou a alcaldesa, Nava Castro, a edil de Medio Ambiente, Silvia Fernández e o director da Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Pedro Calaza.
O xurado estará formado por un total de sete persoas: dous representantes do movemento Vilas en Flor de Galicia, que tamén promove a Fundación Juana de Vega; polo director da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega; un profesor experto en materia paisaxística da USC; a alcaldesa, Nava Castro; a concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fernández e un técnico medioambiental do Concello.
Catro premios
Haberá tres premios e un específico para os balcóns das vivendas situadas nas parroquias da vila. O primeiro estará dotado de 200€ máis un vale para produtos de xardinería por valor de 50€. O segundo terá unha dotación de 150€ e un vale para produtos de xardinería tamén por 50€. Finalmente, o terceiro recibirá unha cea para dúas persoas nun restaurante da vila, así como un vale en produtos de xardinería por valor de 25€. Pola súa banda, o balcón gañador na categoría de parroquias recibirá o mesmo recoñecemento que o que acade o primeiro posto.
Para participar, abonda con ser propietario ou arrendatario dunha vivenda que conte cun balcón ou unha ventá con vistas á rúa. Para gañar, teranse en conta varios criterios estilísticos e ornamentais, como o deseño, a orixinalidade ou o cromatismo, pero tamén serán de relevancia variables relacionadas coa sustentabilidade.
As inscricións estarán abertas ata o próximo xoves, 30 de maio, e poden facerse a través do formulario habilitado aquí na web do Concello. Tamén será posible apuntarse de maneira presencial no rexistro do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres.
Formulario para as inscricións > https://bit.ly/balconsfloridosponteareas