Oleiros, 22 de novembro de 2012.- O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e o director desta entidade, José Manuel Andrade, presentaron hoxe aos medios de comunicación o Primeiro Programa de Apoio ao Emprendemento Agroalimentario. Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia e desenvolvida pola Fundación Juana de Vega que ten como obxectivo contribuir á mellora do tecido empresarial e o progreso económico e social do medio rural galego, a través do fomento da iniciativa emprendedora no sector agroalimentario. Este programa pretende apoiar a implantación de novas empresas con proxectos innovadores e xeradores de valor engadido, que permitan a creación de riqueza e emprego neste sector estratéxico para Galicia. Así, seleccionaranse dez ideas empresariais entre os aspirantes que se presenten, co fin de materializar os proxectos e sair ao mercado.
Así o sinalou o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, engadindo que “temos moita ilusión posta neste proxecto”, porque “pensamos que é unha fórmula moi innovadora”, na que o apoio que se presta é integral desde o principio e cun seguimento posterior para acadar a máxima consolidación da empresa. Neste sentido, manifestou que o sector agroalimentario de Galicia está nun momento de cambio no que poden xurdir grandes oportunidades, para engadir que “o seu principal activo é a xente”, á que a Fundación Juana de Vega quere axudar poñendo en valor as súas ideas empresariais e creando as condicións para que teñan éxito nos seus proxectos.
Pola súa banda, o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, describiu os detalles deste programa, que se desenvolve en colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e conta tamén co apoio do IGAPE e de Caixa Rural.
Obxectivos Do Programa
En primeiro lugar, Jose Manuel Andrade expuxo os obxectivos específicos do programa, que son fundamentalmente tres: apoiar económicamente iniciativas emprendedoras agoralimentarias en sentido amplo (incluíndo ao sector forestal e á pesca), procurar que os proxectos teñan unhaclara orientación ao mercado e poñer en valor activos rurais improdutivos. Neste sentido, matizou que os proxectos deben basearse na diferenciación, a innovación e a calidade. Tamén se procurará que as iniciativas empresariais que se desenvolvan ao amparo do programa acaden altos niveis de produtividade e competitividade apoiándose na cooperación entre emprendedores. Con respecto á reactivación de recursos improdutivos, poden abarcar desde a produción mediante a mobilización de terras abandonadas ata procesos de transformación ou distribución.
Os emprendedores interesados en participar neste programa poderán informarse a través dun sitio web disponible na web da Fundación Juana de Vega (www.juanadevega.org). Nel obterán toda a información necesaria e poderán cubrir o formulario correspondente indicando o seu curriculum, datos sobre recursos económicos dispoñibles, socios e outra información que permitirá valorar o interese, a idoneidade e a viabilidade do seu proxecto.
Fases Do Programa
Na fase inicial de captación de proxectos contarase coa colaboración de AGADER, dos Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, escolas de formación agraria e forestal de Galicia, e outras entidades que participarán na súa difusión, como AGACA ou os clúster do sector agroalimentario e forestal de Galicia, grupos de acción costeira, cámaras de comercio, oficinas agrarias comarcais e asociacións de empresarios.
Unha vez recibidos os proxectos un comité analizará e seleccionará os que destaquen pola súa capacidade innovadora e de xeración de valor. Como máximo seleccionaranse 10 proxectos ao ano. Os emprendedores seleccionados comezarán a participar no programa no que se lle axudará a perfilar a súa idea de negocio e definir o seu perfil estratéxico e competitivo que se materializará no plan de empresa ou de negocio. Recibirán ademais formación específica de xestión para proporcionarlles as ferramentas de coñecemento e análise para desenvolver con éxito o seu proxecto.
Tamén se lles axudará na fase de implantación da empresa, no lanzamento dos seus produtos e acompañarase ao emprendedor nas primeiras fases da posta en marcha da empresa, prestándolle asesoramento técnico e xurídico.
Polo tanto o programa desenvólvese en tres fases: captación de proxectos, traballo co emprendedor no desenvolvemento da idea de negocio e do plan de empresa, e apoio na implantación e saída ao mercado da empresa ata que se consigan os primeiros obxectivos do plan.
Destinatarios Do Programa
O programa vai dirixido a emprendedores sen limitación de idade. Pode ser un emprendedor novo ou un pre-xubilado da industria ou os servizos que quere por en marcha un proxecto empresarial agroalimentario. Estes proxectos poden ser tanto para empresas de nova creación como para canalizar a sucesión e recuperación de empresas ou explotacións familiares, ou que impliquen unha transformación do modelo de negocio. Tamén se contemplan proxectos cooperativos e de economía social agroalimentaria, e en xeral calquera proxecto individual ou colectivo de carácter innovador que poña en valor os produtos agroalimentarios galegos
Prazo De Presentación
Os emprendedores poderán presentar os seus proxectos desde o día de hoxe ata o día 31 de xaneiro do ano 2013.
Posteriormente, no mes de febreiro farase a selección dos proxectos e comunicarase o resultado desta selección aos emprendedores. A Continuación, no mes de marzo, dará comezo o programa de apoio ao emprendedor no desenvolvemento da idea de negocio, na elaboración do plan de empresa e isto durará ata finais de xullo.
Posteriormente a partir de xullo comeza o apoio na fase de implantación da empresa que se prolongará no tempo ate acadar os primeiros obxectivos do plan.