A Fundación Juana de Vega reivindica en Betanzos o papel da infraestrutura verde para avanzar cara a unha viticultura máis sostible e resiliente

Share

A Fundación Juana de Vega participou hoxe na apertura da xornada “Infraestrutura verde e viticultura no territorio da IGP Betanzos”, celebrada na sede da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, en Abegondo. O encontro, desenvolvido no marco do proxecto europeo ECOSPHEREWINES, reuniu a representantes do sector vitivinícola, persoal técnico, investigadores e entidades vinculadas á innovación, á sostibilidade e ao desenvolvemento rural. Tamén acudiron representantes do consorcio en Galicia. Xunto coa Fundación Juana de Vega e Mariñas-Betanzos estivo persoal do Centro Interdisciplinar de Quimica e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña e da adega Pagos de Brigante, onde se localiza a zona experimental na nosa comunidade.

Durante a benvida institucional, o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo, destacou que esta xornada conecta directamente con dúas das principais liñas de traballo da entidade: “a aposta polo desenvolvemento rural e polo fortalecemento dos sectores produtivos vinculados ao territorio, e o impulso da innovación, da sostibilidade e da transferencia de coñecemento cara ao sector agrario e agroalimentario galego”.

Na súa intervención, Andrade puxo en valor a relevancia do sector vitivinícola en Galicia, “un sector que soubo construír unha identidade propia baseada na calidade, na diferenciación e na posta en valor das variedades autóctonas como elemento singular”. Segundo lembrou, o viño galego é hoxe “un dos exemplos máis claros de como un sector agrario pode gañar posicionamento, valor engadido e proxección exterior a partir da súa conexión co territorio”.

O sector está conformado por máis de 10.000 viticultores, que xestionan unhas 9.000 hectáreas, con máis de 440 adegas e un valor económico estimado de 337 millóns de euros. Ademais, representa arredor do 0,4 % do PIB de Galicia, aínda que o seu peso é moito maior nos territorios vitivinícolas, onde acada o 1,9 % do PIB local, cunha variación que vai desde o 1,76 % no territorio da DOP Rías Baixas ata o 3,5 % en Monterrei.

Andrade subliñou tamén que Galicia representa só o 1,6 % da superficie vitícola con Denominación de Orixe Protexida en España, pero achega o 7,8 % do valor total das DOP españolas, o que, segundo indicou, demostra que “temos pouca superficie en termos relativos, pero unha enorme capacidade de xerar valor”.

Con todo, o director da Fundación advertiu de que o sector afronta retos importantes, como o pequeno tamaño de moitas adegas, a fragmentación parcelaria, a falta de man de obra, a elevada idade dos titulares das parcelas ou o abandono de superficie vitícola en determinados territorios, especialmente na DOP Ribeiro e na DOP Ribeira Sacra. A estes desafíos súmanse outros cada vez máis evidentes, como o cambio climático, a necesidade de conservar mellor os solos, mellorar a dispoñibilidade de auga, preservar a biodiversidade e avanzar cara modelos produtivos máis resilientes.

Neste contexto, Andrade destacou o papel do proxecto ECOSPHEREWINES, liderado pola Fundación Juana de Vega no marco do programa Interreg Sudoe, que traballa na mellora dos servizos ecosistémicos e da infraestrutura verde en zonas vitícolas de alto valor ecolóxico. “Trátase de analizar como determinadas prácticas poden contribuír a unha viticultura máis sostible, máis adaptada ao territorio e máis preparada para afrontar os efectos do cambio climático”, sinalou.

A xornada contou cunha presentación do proxecto ECOSPHEREWINES a cargo de Alfonso Ribas, director da Área de Investigación e Innovación da Fundación Juana de Vega, así como cunha intervención sobre o proxecto Soil&WineResidues, centrado na ecoeficiencia das explotacións vitivinícolas e na valorización dos residuos do sector, a cargo de Juan José Villaverde, científico titular do CSIC na Misión Biolóxica de Galicia.

Segundo Andrade, ambos proxectos responden a unha mesma idea de fondo: “a sostibilidade non debe entenderse como unha carga engadida para o sector, senón como unha condición para a súa competitividade futura”. Neste sentido, apuntou que a innovación ambiental pode ser unha vía para xerar valor, diferenciarse e reforzar a viabilidade das explotacións nun contexto marcado pola transición verde, o cambio climático e a necesidade de aproveitar mellor os recursos.

Visita á parcela piloto para presentación dos primeiros resultados

A sesión incluíu tamén unha visita técnica a unha parcela piloto, na que se analizaron actuacións de implementación de infraestrutura verde dirixidas polo equipo técnico do proxecto. Esta parte práctica permitiu observar sobre o terreo e os primeiros resultados de solucións orientadas á conservación da humidade dos solos, ao mantemento da biodiversidade, á mellora da conectividade ecolóxica e á adaptación da viticultura ás novas condicións climáticas.

No peche da súa intervención, o director da Fundación Juana de Vega defendeu que “o futuro do rural galego pasa por combinar coñecemento, innovación e colaboración”. “Non hai desenvolvemento rural posible sen sectores produtivos fortes; pero tampouco haberá sectores produtivos fortes se non somos capaces de anticiparnos aos cambios, incorporar coñecemento técnico e traballar conxuntamente coas universidades, os centros de investigación, as administracións, as entidades do territorio e os propios produtores”, concluíu.