A Fundación Eduardo Pondal proxecta na aldea do Couto (Ponteceso, A Coruña) unha área de descanso e aprendizaxe interxeracional para a mellora da seguridade viaria, xa que os maiores e os nenos son os que máis perigo corren na vía, argumenta.
A Fundación Juana de Vega, a través da Área de Paisaxe e Territorio, preparoulles o deseño para o patio que hai fronte á Casa dos Veciños e que linda coa Casa do Maior, que a partir de xaneiro dobrará a súa capacidade, xa que se abrirá outra nova. A súa idea é reunir nun mesmo espazo zonas de descanso e xogos para persoas de todas as idades e montar un circuíto de seguridade viaria que permita aos nenos coñecer as normas máis elementais para que non corran riscos e aos maiores lembrarllas precisamente polo mesmo motivo.
O estudo en detalle
No proxecto da Fundación Juana de Vega, a proposta pasa por integrar o circuíto de seguridade vial como parte dos espazos exteriores da asociación, incluíndo zonas verdes e de estancia para todas as idades. Tamén se inclúen espazos para a educación ambiental, como unha pequena rotonda con flores para polinizadores, ou unha praza de estancia central cun carballo.
Na parte de arriba, sitúase unha zona de graderío para integrar as ramplas de acceso ao edificio, que tamén dispón de árbores caducifolios para dar sombra nas épocas de máis calor. En xeral, o estudo paisaxístico tivo en conta o soleamento para evitar quitar luz ao edificio principal e manter as vistas cara ao sur, onde se sitúa a desembocadura do río Anllóns.
O proxecto foi presentado o luns, 26 de agosto durante a visita da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, á escola de verán da Fundación Eduardo Pondal.