A Fundación Juana de Vega presenta en Arco Verde a Norma de Calidade sobre a Planta Ornamental de Galicia

Share

Oleiros, 26 de febreiro de 2014.- A oitava edición de Arco Verde, que se celebra na Cidade da Cultura do 28 de febreiro ao 1 de marzo, foi o marco elixido pola Fundación Juana de Vega para realizar a presentación oficial da Norma de Calidade da Planta Ornamental de Galicia. O encargado de realizar a presentación foi o director da Fundación, José Manuel Andrade, xunto con Patricia Ulloa, directora xeral de Produción Agropecuaria da Xunta, e Pedro Calaza, membro da comisión que redactou o texto.

A Norma de Calidade da Planta Ornamental de Galicia nace para tratar de liquidar os problemas do sector, afectado dunha forte atomización e unha falta de asociacionismo que provoca dificultades para competir e acceder aos mercados exteriores. Neste sentido, Galicia conta cunha vantaxe competitiva, determinada polas condicións climáticas e edafolóxicas, o que permitirían un potencial para a produción superior á da maioría do territorio nacional.

Ante esta situación, a Fundación Juana de Vega iniciou varias reunións de traballo coa Asociación de Produtores de Plantas Ornamentais de Galicia (Asproga), viveiristas non integrados na asociación, representantes da Consellería do Medio Rural e membros das principais comercializadoras de planta de Galicia, nas que se puxo de manifesto a necesidade de elaborar unha normativa que permita alcanzar uniformidade e homoxeneidade en canto a formatos e poder ofrecer así planta de diferentes produtores nun mesmo lote aos mercados que demandan grandes volumes.

A norma apóiase en tres alicerces fundamentais: estandarización, para homoxeneizar tamaños, altura e proporción das distintas especies; medioambiente, co obxectivo de seguir criterios sustentables, e trazabilidade, incluíndo os procesos de seguimento da planta, para coñecer a súa historia, localización e traxectoria ao longo da cadea de subministración.

O índice de estandarización da norma de calidade, elaborado de forma conxunta cos representantes do sector e a Consellería do Medio Rural e do Mar, inclúe nove puntos fundamentais: características xerais, árbores latifolios, coníferas, arbustos, azalea, camelia e rododendro; palmeiras, bambú, herba ornamental e fentos, rubideiras e árbores exemplares.

O sector de produción da planta ornamental en Galicia está formado por 130 viveiros, dos que están en funcionamento apenas o 50%. O sector xera na comunidade autónoma, segundo as estimacións realizadas para o estudo, 1.690 empregos directos, dos que o 85% é man de obra feminina e do rural. A facturación anual ascende a uns 50 millóns de euros. Os principais destinos da planta ornamental de Galicia son Portugal, Bélxica, Francia, Holanda, Italia e Alemaña.

A norma trata de liquidar os problemas do sector, afectado dunha forte atomización e unha falta de asociacionismo que dificulta a competitividade e o acceso aos mercados exteriores

Na presentación estiveron o director da Fundación, José Manuel Andrade; a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, e Pedro Calaza, membro da comisión que redactou o texto