Chantada, 6 de marzo de 2020. A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Veja, presentou hoxe as conclusións da segunda edición dos Workshops internacionais de paisaxe: “Tralas pegadas do Camiño de Inverno nas paisaxes da Ribeira Sacra, no tramo entre Monforte de Lemos e Chantada”. Unha iniciativa da Fundación Juana de Vega, a través da Escola Galega da Paisaxe, co patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia –no marco do programa O teu Xacobeo, de apoio a proxectos de dinamización do Xacobeo 2021 (Xunta de Galicia).

Posteriormente, tivo lugar a clausura do seminario da man de Isaías Calvo de la Uz, director do Plan Xacobeo 2021; Luis Rodríguez Guitián, presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; Diego Otero, concelleiro de deportes, patrimonio e obras do Concello de Chantada, e Isabel Aguirre de Urcola, directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega.
O obxectivo principal desta segunda edición do cursoé analizar as paisaxes e os patrimonios da Ribeira Sacra, e propoñer estratexias de delimitación, intervención, promoción e desenvolvemento a partir dun traballo multidisciplinar con estudantes, expertos e profesionais de recoñecido prestixio do ámbito da paisaxe, a arquitectura, a arqueoloxía, a historia ou o turismo, contando tamén cos axentes locais.
Este segundo seminario centrouse no tramo que vai desde Monforte de Lemos a Chantada. Sempre tendo presente a importancia da Ribeira Sacra, tanto a nivel paisaxístico, cultural ou natural e entendendo que o Camiño de Inverno é a entrada natural a Galicia desde a meseta seguindo o leito do río Sil, un acceso xa utilizado polos peregrinos como alternativa ao Camiño Francés.

Durante os dous primeiros días o formato do workshop foi unha combinación de sesións teóricas e de debate, reservando as tardes para visitas ao territorio, nas que se combinou a realización de tramos do Camiño de Inverno, con visitas a adegas, visitas culturais e obradoiros.
No workshop participaron un total de 20 persoas con perfís profesionais diversos o que favoreceu a multidiscliplinaridade e o intercambio de ideas: estudantes do Grao de Paisaxe da USC e UDC, arquitectos, técnicos en turismo, historiadores e persoas relacionadas co ámbito cultural. Todos eles traballaron na elaboración de propostas para dinamizar o Camiño de Inverno na Ribeira Sacra.
As propostas dos tres grupos de traballo formados para o debate centráronse en mellorar a conectividade dos peregrinos cos valores da Ribeira Sacra en todos os seus aspectos, mellorando a accesibilidade aos recursos e valores do territorio.
O primeiro grupo analizou, a zona de Fión e Arxeriz e o contacto do Camiño de Inverno coa bocarribeira. Analizan a posibilidade dun percorrido paralelo ao actual, que aínda está sen delimitar, recollendo os elementos máis importantes e atraendo ao peregrino á Bocarribeira. O obxectivo é poñer en valor e mostrar os valores intrínsecos da área, co Ecomuseo de Arxeriz, a praia de A Coba, as adegas e o Cabo do Mundo.

O traballo do segundo grupo estivo enfocado na zona de Belesar, un dos sitios máis importantes da Ribeira Sacra, pola súa paisaxe. Analizaron o núcleo de Belesar e as súas necesidades de mobilidade e redireción dos fluxos de camiñantes e turistas. Para iso propoñen implementar un sistema de transporte público para a poboación e os peregrinos. Ademais, propoñen a recuperación dos cultivos da cereixa e da imaxe deste produto que caracteriza a esta contorna, coa intención de recuperar e promover o policultivo dos socalcos e diversificar a actividade agrícola.
O último grupo, traballou na entrada do Camiño en San Salvador de Asma e tamén na súa entrada Chantada. Propoñen a recuperación da ribeira, renaturalizando e habilitando unha pasarela que permita un transito peonil xunto a un miradoiro que de visión aos valores patrimoniais da contorna, como o Mosteiro de San Salvador de Asma. Finalmente, propoñen a reciclaxe e posta en valor de infraestruturas existentes con gran impacto paisaxístico.