Entre o 8 e o 10 de abril, a Fundación Juana de Vega participou nunha visita de estudo organizada no marco do proxecto europeo GRANULAR, unha iniciativa centrada na análise e mellora do coñecemento sobre as áreas rurais e na identificación de ferramentas que permitan orientar mellor as políticas públicas con impacto no territorio.

A participación da Fundación veu motivada por unha invitación da Universidade de Vigo, entidade socia de GRANULAR, debido á nosa traxectoria e implicación en proxectos vinculados ao desenvolvemento rural, á gobernanza territorial e aos procesos de participación comunitaria. Estes ámbitos están directamente relacionados co traballo que a entidade desenvolve para promover unha xestión máis activa, sostible e colaborativa do territorio rural galego.
A visita, á que asistiu a técnica da Área de Investigación e Innovación, Tania Gesto Casás, tivo un carácter principalmente técnico e de aprendizaxe. A Fundación Juana de Vega asistiu co obxectivo de coñecer de primeira man experiencias europeas que poidesen servir de inspiración para os seus proxectos, especialmente aquelas relacionadas coa gobernanza comunitaria, os procesos participativos de base local e o chamado "rural proofing", unha ferramenta orientada a analizar como afectan as políticas públicas ás áreas rurais e a garantir que as súas necesidades específicas se teñan en conta desde a fase de deseño.
Comunidades locais que lideran o seu propio desenvolvemento
Un dos aspectos máis destacados desta visita de estudo, ou cross-visit en inglés, foi o coñecemento de comunidades rurais cun alto nivel de autoorganización, nas que son os propios veciños e veciñas quen identifican as súas necesidades, definen prioridades e impulsan iniciativas co apoio das administracións locais.
Entre os exemplos coñecidos durante a visita destacan casos como Stokkum, onde a comunidade liderou a construción de dez novas vivendas, ou Beringe, cun centro deportivo que funciona tamén como espazo compartido e punto de encontro da veciñanza. Estas experiencias amosan a capacidade das comunidades locais para activar solucións concretas cando existen estruturas de participación, confianza e colaboración coas institucións.
Desde a Fundación Juana de Vega valorouse moi positivamente a súa participación nesta visita de estudo, que permitiu coñecer modelos consolidados de gobernanza rural, innovación agraria e participación cidadá, ademais de reforzar redes de colaboración con axentes europeos.
As aprendizaxes extraídas resultan especialmente relevantes para o traballo da entidade en Galicia, onde a Fundación Juana de Vega impulsa proxectos orientados á planificación territorial, á dinamización do rural e á procura de novas formas de cooperación entre administracións, entidades sociais, sector produtivo e comunidades locais.
Como conclusión principal, a visita reforzou unha idea central no traballo da Fundación Juana de Vega: as pequenas comunidades rurais poden impulsar grandes transformacións cando contan con organización, acompañamento e capacidade real para participar nas decisións que afectan ao seu territorio.
Programa
A visita de estudo de GRANULAR tivo lugar entre o 8 e 10 de abril por varias localidades dos Países Baixos: Deventer, Hof van Twente, Bronckhorst e Peel en Maas.
Foi un programa de tres días deseñado para ofrecer unha visión da gobernanza rural neerlandesa, do desenvolvemento liderado polas comunidades, da innovación agraria e da cooperación rexional. Durante as diferentes paradas, o grupo explorou como os municipios rurais colaboran con persoas emprendedoras, iniciativas cidadás e redes rexionais para fortalecer as comunidades locais e preparar as áreas rurais para os retos do futuro.

