Os 15 socios do proxecto Soil&WineResidues reunímonos o 1 e 2 de xullo en Santiago de Compostela, sede dos coordinadores, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).
Cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa de Cooperación Territorial do Espazo Sudoeste Europeo (SUDOE), Soil&WineResidues conta cun orzamento superior ao millón e medio de euros, ten unha duración de tres anos e o seu obxectivo é abordar o deterioro da saúde e calidade dos solos do sector vitivinícola de España, Portugal e as rexións francesas de Nova Aquitania, Occitania e Auvernia.
Estas zonas engloban unha rexión que posúe a maior superficie de viñedo da Unión Europea, a maior produtora de viño do mundo. Porén, o seu sector vitivinícola enfróntase ao deterioro da saúde e calidade dos seus solos, á xestión inadecuada dos residuos lignocelulósicos xerados (bagazo, raspón, follas, pólas e froitos descartados) e á dependencia e impacto dos agroquímicos sintéticos como pesticidas e fertilizantes. Neste sentido, o proxecto busca avanzar cara a un modelo produtivo baseado na economía circular. A través da combinación de varios enfoques tecnolóxicos, proponse o aproveitamento ecoeficiente in situ (sen traslado a unha planta de tratamento) dos residuos lignocelulósicos xerados nas viñas para mellorar a saúde/calidade dos seus solos, desenvolver produtos comerciais e obter enerxía renovable.
O equipo de investigación está formado por entidades de España, Portugal e Francia (Misión Biolóxica de Galicia - CSIC, Aeris, Bodegas Paco & Lola, Fundación Juana de Vega, Mancomunidade do Salnés, Association pour l'Environnement et la Sécurité en Aquitaine, Vinovalie, Comunidade Intermunicipal do Baixo Alentejo, Sociedade Agrícola de Monte Novo e Figueirinha e as universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Autónoma de Barcelona, Clermont Auvergne, Aveiro e Lisboa). Os líderes desta investigación aplicada son o grupo Bioquímica e Calidade de Solos da Misión Biológica de Galicia - CSIC, que centra o seu labor desde hai décadas no estudo da calidade do solo e dos efectos que teñen sobre el os procesos de degradación e as prácticas de conservación e recuperación. Cómpre destacar a súa experiencia de máis de 40 anos na valorización e aproveitamento de diversos residuos orgánicos coa finalidade de aumentar a produción vexetal e restaurar áreas degradadas (contaminación, incendios forestais).
Ademais dos 15 socios beneficiarios, o proxecto conta con 92 asociados relacionados transversalmente co sector vitivinícola destes tres países, o que permitirá tomar decisións a escala territorial nos distintos viñedos con características semellantes, transferir e capitalizar os resultados a nivel transnacional mediante unha xestión máis holística das viñas na zona sudoeste europea, mellorar o desenvolvemento das zonas rurais mediante o uso eficaz dos recursos e capacidades produtivas das súas industrias, atraendo así capital humano e aumentando tanto a competitividade como a resiliencia do sector vitivinícola fronte ao cambio climático e futuras crises.
“Só mediante iniciativas deste tipo, que implican aos principais actores do sector do viño, administracións públicas, centros de investigación e educación, empresas tecnolóxicas, consumidores e sociedade en xeral, se pode acadar a implantación efectiva de modelos de economía circular e ecoeficiencia, que leven un manexo adecuado do solo vitivinícola e a revalorización e aproveitamento dos residuos lignocelulósicos xerados nas viñas”, sinalan desde a coordinación de Soil&WineResidues.
Fases de Soil&WineResidues
Os días 1 e 2 de xullo reuniuse por primeira vez o consorcio na sede da MBG no Centro de Supercomputación de Galicia (Santiago de Compostela) para o denominado kick off meeting, encontro para xestionar a execución da investigación.
O proxecto levará a cabo durante os seus tres anos de execución dúas actividades piloto interconectadas. Por unha parte, prevese o deseño, desenvolvemento e construción dun prototipo de fermentador en estado sólido que permitirá obter en poucos días e nas propias adegas emendas con acción, por exemplo, bioestimulante e/ou biopesticida a partir dos residuos lignocelulósicos. O obxectivo é diminuír o uso de insumos sintéticos tales como pesticidas e fertilizantes. Ademais, estudaranse como estas emendas afectan ás propiedades do solo e aos microorganismos que o habitan. “Entender o seu efecto sobre o sistema edáfico será clave para desenvolver emendas adaptadas a cada tipo de solo e proceder á xestión sostible e ecoeficiente dos solos vitivinícolas”, explican desde o equipo de investigación.
Por outra parte, o proxecto contempla o fraccionamento dos residuos lignocelulósicos vitivinícolas a través de procesos de biorefinación, o desenvolvemento de novos produtos de alto valor engadido enfocados á industria alimentaria, farmacéutica e cosmética, e a obtención de biogás como enerxía renovable.
